"Coido que vai sentar un precedente no sector eólico respecto ao asentamento destes proxectos no territorio; como se fai xa o sabemos, agora terán que levalo a cabo as distintas administracións". Manuel Requeixo, alcalde de Muras, avalía así o acordo "histórico" ao que o Concello acaba de chegar con Iberdrola para o incremento das axudas para pagar as facturas eléctricas da veciñanza e da achega da empresa enerxética ás arcas municipais.
O alcalde de Muras, Manuel Requeixo, cre que o acordo entre o Concello e Iberdrola "vai sentar un precedente no sector eólico respecto ao asentamento destes proxectos no territorio"
Muras, desde hai xa varios anos, habilita unha liña de axudas anuais que reducen a factura da luz das vivendas do municipio. Supón unha forma de socializar os beneficios da enerxía eólica, co obxectivo de "compensar a xeración de riqueza dos recursos naturais e o impacto medioambiental" ou "evitar o éxodo rural", tirando dos ingresos que a implantación de centos de aeroxeradores deixa no municipio situado na Serra do Xistral.
Muras é o concello galego con maior presenza de eólicos. Con algo máis de 163 quilómetros cadrados e uns 600 habitantes, conta cunha potencia instalada de 485 MW repartidos entre 20 parques e 381 aeroxeradores (máis de un por cada dous residentes) desenvolvidos entre 1995 e 2009 polas empresas Acciona, Endesa, HEI do Arnoya SL, Norvento e Iberdrola, esta última con dous grandes parques que representan o 17% da enerxía instalada no municipio.
Con esta empresa vén de chegar o Concello a un acordo pioneiro logo dunha "moi longa e dura negociación", como explica a Praza.gal o rexedor, do BNG. Suporá, segundo os cálculos de Iberdrola, que as arcas municipais reciban arredor de 14 millóns de euros na vida útil dun dos parques que a compañía ten na zona, posto en marcha en 1998, e que prevé repotenciar. Pasará de 74 muíños de menos de 50 metros de altura a un total de once de 84 metros.
Oito deses aeroxeradores ficarán no termo municipal de Muras e a redución do seu número implica que o Concello reduza tamén notablemente os ingresos que obtén a través do canon eólico, que se elevan a máis de medio millón de euros polo total de instalacións.
Ante esa circunstancia, a administración local e Iberdrola comezaron unha negociación hai xa case tres anos que vén de rematar cun acordo que suporá, entre outras cousas, que o Concello reciba, así que a repotenciación sexa efectiva, 125.000 euros fixos anuais para o pagamento de axudas ao recibo da luz da veciñanza, unha cantidade que será actualizada conforme ao IPC.
A repotenciación dun parque e a perda de aeroxeradores supoñía unha redución de ingresos para o Concello, que acordou con Iberdrola recibir un mínimo de 325.000 euros anuais
En que se trasladará iso? Ata o de agora, co modelo implantado polo Concello, case o 90% da veciñanza de Muras recibía axudas para pagar a factura eléctrica, cun máximo anual de 700 euros. Tras este acordo, xa non haberá esa limitación e a axuda por vivenda podería chegar aos 900 euros. Ademais, haberá unha liña de axudas lineal para as pequenas empresas cun tope de 1.500 e as arcas municipais aforrarán os 100.000 euros de orzamento que destinaban a sufragar parte dos recibos da luz.
Estas axudas forman parte dos obxectivos que o protocolo asinado entre Concello e Iberdrola establece para "o cumprimento dos fins sociais", ademais doutros que supoñan "a mellora do benestar da poboación residente" e mais a "contribución ao impulso do desenvolvemento municipal".
O acordo supón a achega fixa de 125.000 euros por parte de Iberdrola para sufragar a factura eléctrica da veciñanza e o aforro para o Concello dos 100.000 euros que destinaba a esa partida
Porque hai máis. O acordo inclúe tamén que o Concello recibirá anualmente un importe equivalente ao 2,5% do valor económico da enerxía eléctrica producida polo parque eólico repotenciado, cantidade que se calculará multiplicando a enerxía eléctrica neta xerada mensualmente polo prezo medio mensual do mercado eléctrico e tendo en conta os oito muíños que quedarán instalados no municipio.
Se esa cantidade non chegase aos 200.000 euros, o acordo con Iberdrola que o Concello recibirá sempre, como mínimo, esa cantidade. En total, 325.000 euros mínimo ao ano, cantidade que se actualizará coa suba do índice de prezos de consumo.
Iberdrola comprométese a achegar ao Concello o 2,5% do valor da produción eléctrica do parque: 200.000 euros ao ano como mínimo
Ademais, o acordo prevé que Iberdrola facilite a reversión dos terreos rústicos que quedasen sen aproveitamento enerxético tras a repotenciación do parque ás persoas propietarias orixinais ou aos seus herderios. Durante tres anos, a empresa outorgaralles prioridade e o prezo da compravenda determinarase conforme ao valor actualizado do mercado, coa colaboración do Concello na negociación. Tamén se prevé que se poidan ceder gratuitamente á veciñanza interesada os terreos para o aproveitamento agropecuario deles.
Por outra banda, o pacto prevé facilitar a participación da veciñanza empadroada en Muras nos programas e bolsas promovidas pola Fundación Iberdrola, ademais de garantir o compromiso da empresa a repoñer pistas e camiños municipais que fosen utilizados ou danados durante os traballos de repotenciación.
"Estamos moi satisfeitos", resume Manuel Requeixo sobre o acordo alcanzado para unha localidade que vía como os anuncios de repotenciación —e a conseguinte redución de aeroxeradores— supoñía tamén un golpe para unhas arcas municipais que recadan algo menos de un millón de euros ao ano en impostos como o Imposto sobre Bens Inmobles (IBI) ou o Imposto sobre Actividades Económicas (IAE).
O acordo supón, segundo cálculos de Iberdrola, a achega de 14 millóns de euros por parte da empresa ao Concello durante a vida útil do parque que agora será repotenciado
Arredor doutro medio millón de euros chegan a Muras a través do canon eólico, en forma de subvención do Fondo de Compensación Ambiental da Xunta que financia ese gravame, un montante que debe ser destinado a sufragar obras. Dado que, tal e como especifica a lei que regula este canon, a cantidade recibida depende da "suma total da altura medida en metros dos aeroxeradores existentes nun parque eólico", a drástica redución de muíños supoñía tamén unha importante baixada de ingresos. O acordo asinado con Iberdrola suporán para o Concello 14 millóns de euros mentres funcione o novo parque xa repotenciado. Durante algo máis de 40 anos.