O Goberno galego crea dúas mesas de traballo nas que dá máis voz a empresas que a ecoloxistas e limita a participación doutros colectivos sociais á fase de alegacións da avaliación ambiental do documento, trámite co que non contou o plan actual
Tras 15 anos de renuncia a planificar o sector eólico, o 8 de outubro de 2024 o presidente Rueda anunciou no Parlamento que a Xunta ía iniciar a elaboración dun novo Plan Eólico, o documento que di onde e como se poden instalar aeroxeradores, que Feijóo comprometera por lei en 2009 sen dar ningún paso para cumprila. Porén, o contrato cunha consultora para elaborar o documento non foi asinado ata o pasado 9 de xaneiro e aínda agora, ano e medio despois do anuncio, veñen de celebrarse as primeiras mesas de debate e traballo para recoller ideas para o plan. Un documento que non estará aprobado nesta lexislatura que debe rematar como moi tarde a comezos de 2028.
Ademais, nestas mesas de debate e propostas as empresas teñen máis voz que as organizacións ecoloxistas mentres que a participación do resto de entidades sociais quedará relegada á posterior fase de alegacións do resto da cidadanía ao documento xa elaborado.
O actual Plan Eólico data de 2002 e non foi avaliado ambientalmente no seu conxunto senón só cada un dos parques a medida que se van autorizando. A lei obriga a que novo si se someta a esa avaliación ambiental de conxunto, o que require dunha mínima participación pública previa cun proceso de alegacións ao documento aberto a toda a cidadanía.
A maiores deses requisitos legais básicos, o Goberno galego anunciou que para favorecer a participación crearía dúas mesas de debate previas á elaboración do plan, unha de tipo industrial e outra social. As primeiras reunións deses dous foros para pedir aos seus integrantes que acheguen ideas e propostas para a elaboración do plan veñen de celebrarse e confirman que a Xunta vai dar máis voz ás empresas que aos colectivos ecoloxistas e que o resto de movementos sociais só van participar no período de alegacións ao documento xa rematado.
Cidadanía e colectivos sociais poderán presentar alegacións ao documento, algunhas organizacións sindicais e ecoloxistas participan nunha mesa previa de achegas e as empresas sumarán a esas dúas posibilidades un terceiro foro
A primeira reunión da mesa social consistiu na celebración o 21 de abril dun encontro específico do preexistente Comité executivo de enerxía, un foro consultivo no que estiveron presentes dous representantes de grupos ecoloxistas, Adega e Federación Ecoloxista Galega, xunto con representantes de diversos departamentos da Xunta, sindicatos e a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG). Tamén houbo empresarios, pero xa non ecoloxistas nin outras entidades sociais, na segunda mesa, a industrial, cuxa primeira reunión se celebrou tres días despois, o 24 de abril. Nela estiveron presentes varias asociacións empresariais con intereses no sector eólico.
Na primeira reunión a Xunta confirmou aos asistentes que o resto de entidades sociais poderán participar no proceso cando xa haxa un documento elaborado, no momento de alegacións ao mesmo. Unha decisión que Adega vén de criticar e ante a que se ofrece para servir de canle na mesa na que participa para trasladar as consideracións do resto de entidades que así llo pidan, ademais das súas propias, que xa formulou.
Adega ofrécese a canalizar achegas doutras entidades e di que a Xunta "nunca acreditou" na planificación eólica e "non vai poder concluír" o documento
O Goberno galego tamén expuxo neses encontros as previsións temporais para as sucesivas fases de elaboración do Plan Eólico, que en liña co contrato asinado coa consultora que o liderará vanse desenvolver ao longo de preto de tres anos, ata finais de 2028. Os traballos veñen de comezar agora, polo que o plan non estaría rematado na actual lexislatura que debe finalizar como máximo a comezos de 2028. Así o ratificou este martes no Parlamento a propia conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, quen dixo que o plan "será unha realidade no ano 2028".
"Iniciar agora os trámites dun procedemento no que, en 17 anos e 4 lexislaturas, a Xunta nunca acreditou e que non vai poder concluír, demostra a falla de compromiso real coa reforma", lamenta Adega.