Malia que están máis dispersos e hai máis potencia instalada, o número de aeroxeradores, que é o que grava a taxa, é o mesmo para o global de Galicia como efecto das repotenciacións dos parques máis antigos
En 2009 Alberto Núñez Feijóo decidiu mudar cunha tramitación ilegal, segundo confirmaría o Tribunal Supremo, o modelo de desenvolvemento eólico do anterior goberno de PSdeG e BNG, que apostaba por vincular os aeroxeradores con outro tipo de novos proxectos industriais. O modelo do PP optou por ceder o aproveitamento enerxético dos montes a cambio dun novo gravame, o denominado canon eólico, xustificado para compensar as "afeccións e impactos ambientais adversos sobre o medio natural e, por ende, sobre o territorio".
15 anos despois, e malia que hai máis potencia instalada en máis parques eólicos dispersos por máis concellos, a Xunta segue a recadar o mesmo canon eólico que daquela, uns 22,5 millóns de euros ao ano. Ademais, neste tempo o Goberno galego renunciou a unha nova planificación dos lugares nos que se poden instalar parques, obxectivo declarado hai 15 anos pero que aínda agora se propón cumprir a Xunta.
O estancamento do canon eólico débese a que grava o número de aeroxeradores instalados, e este segue a ser o mesmo no global de Galicia, xa que a posta en marcha de novos parques eólicos vén sendo compensada con repotenciacións dos máis antigos coas que se reducen os aeroxeradores a cambio de instalar outros máis potentes.
Ante esta situación, o actual Goberno de Alfonso Rueda quere mudar o canon eólico. Aposta por repotenciacións obrigatorias cando remate a vida útil estimada de cada aeroxerador ou como máximo cando cumpran 25 anos, segundo vén de consignar na lei de acompañamento dos Orzamentos para 2025. A cambio dáse seis meses para presentar unha nova normativa do canon eólico que palie a redución de ingresos ligados ao número de aeroxeradores que van supoñer as novas repotenciacións.
O canon é maior para os parques máis grandes e nulo para os que teñen entre 1 e 3 aeroxeradores, o que incentiva a súa fragmentación
Á espera de que se concrete o novo canon eólico, o actual non cobra nada a parques eólicos de entre 1 e 3 aeroxeradores, grava con 2.300 euros cada aeroxerador en parques de entre 4 e 7, con 4.100 euros en parques de entre 8 e 15, e con 5.900 euros cada aeroxerador en parques que teñan máis de 15. Isto é, o canon existente desde hai 15 anos desincentiva os parques máis grandes, pero ao tempo incentiva a fragmentación e dispersión da enerxía eólica en máis parques máis pequenos.
En 2010, primeiro ano de vixencia do canon eólico, había en todo o país, segundo os datos que a propia Xunta publica cada ano no DOG e os balances anuais do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), 4018 aeroxeradores repartidos en 145 parques eólicos cunha potencia instalada de 3.285 MW. Aquel ano, segundo o Consello de Contas, o Goberno galego recadou 22.645.400 euros polo canon eólico.
Hoxe hai o mesmo número de aeroxeradores que hai década e media pero repartidos en 9 concellos máis
15 anos despois o número de aeroxeradores é exactamente o mesmo, o que fai que a Xunta prevea cobrar polo canon eólico en 2025 unha cifra similar, 22.450.000 euros. Pero agora os aeroxeradores están máis dispersos. Repártense nuns 80 parques eólicos máis, sumaron outros 600 MW de potencia instalada e chegaron a 9 concellos nos que daquela non había ningún aeroxerador: Boiro, Cerceda, Muxía, Baralla, Láncara, Paradela, Trabada, Triacastela e Agolada. A cambio, concellos que hai 15 anos tiñan moitos máis aeroxeradores viron reducido o seu número grazas ás repotenciacións. Así Malpica, que tiña 69 aeroxeradores, pasou a 7. Ou Ponteceso, que tiña 63, pasou a 9.
Pero se as repotenciacións fan que a Xunta cobre menos canon por cada parque, tamén fan que os concellos ingresen menos cartos. Porque o canon eólico recadado pola Xunta repártese a medias entre esta e os concellos, fundamentalmente os que teñen eólicos no seu territorio. Un reparto entre os concellos que se fai tendo en conta o número de aeroxeradores e os metros de lonxitude das liñas eléctricas das súas conexións.
Tanto a Xunta cos seus 11 millóns ao ano como os concellos como cos seus outros 11 millóns teñen que destinar os cartos do canon eólico a actuacións de "conservación, reposición e restauración do medio ambiente e reequilibrio territorial”. Porén, o Consello de Contas puxo en cuestión algunhas delas. [Alumeado, vehículos, rozas ou gastos de persoal: os destinos dunha década de impostos polo impacto da eólica].