O vento é noso: o camiño cara ao primeiro parque eólico comunitario de Galicia

Parque eólico no Concello de Muras © Observatorio Eólico de Galicia

Ata agora o desenvolvemento do sector eólico foi realizado exclusivamente por grandes empresas, nomeadamente de fóra de Galicia, de forma vertical (sen participación da cidadanía), con poucos escrúpulos medioambientais e sen repercutir os seus beneficios nas comunidades locais nas que se instalan os parques

Galicia é unha potencia eólica. A pesar do parón que existe no sector dende o ano 2019, é aínda a cuarta comunidade autónoma con máis capacidade instalada, unha capacidade de xeración que fixo que dende hai máis dunha década -coa excepción de 2017- Galicia produza máis da metade da súa electricidade con fontes renovables (o ano pasado, o 83%). 

Porén, a realidade é que ata agora o desenvolvemento do sector eólico foi realizado exclusivamente por grandes empresas, nomeadamente de fóra de Galicia, de forma vertical (sen participación da cidadanía), con poucos escrúpulos medioambientais e sen repercutir os seus beneficios nas comunidades locais nas que se instalan os parques, como vén denunciando nos últimos anos o Observatorio Eólico de Galicia.

Boa parte de Galicia está a ser escenario de mobilizacións sociais nas que estas comunidades rexeitan a instalación de novos parques eólicos, unha contestación social que deriva principalmente do modelo de desenvolvemento eólico aplicado en Galicia e que adoita repetir o lema de "eólica si, pero non así". O "non así" refírese ao modelo actual. Pero de que xeito levamos á práctica o "eólica si"?

Vén de nacer Enerxía Comunitaria, unha iniciativa que busca poñer en marcha un parque eólico comunitario de 5 MW, propiedade dos seus socios e socias

Vén de nacer Enerxía Comunitaria, unha iniciativa que parte do Observatorio Eólico de Galicia da Universidade de Vigo e que busca ser esa alternativa e que busca poñer en marcha un parque eólico comunitario de 5 MW, propiedade dos seus socios e socias. Non é unha aposta estraña en Europa -en países como Alemaña as iniciativas comunitarias de xeración renovable son a maioría dende hai moitos anos- pero si é pioneira no Estado español, onde só existe un exemplo semellante en Catalunya, Viure de l'aire.

Parque eólico en Paradela © Observatorio Eólico de Galicia

Busca o apoio de particulares, entidades sociais, institucións e empresas para reunir un capital inicial de tres millóns de euros. Todo para conformar unha alternativa democrática, respectuosa co medio ambiente e cuxos beneficios económicos fiquen en Galicia e, nomeadamente, nas comunidades locais 

Busca o apoio de particulares, entidades sociais, institucións e empresas para reunir un capital inicial de tres millóns de euros. Todo para conformar unha alternativa democrática, horizontal, respectuosa co medio ambiente para a xeración de enerxía renovable cuxos beneficios económicos fiquen en Galicia e, nomeadamente, nas comunidades locais da contorna na que se instale o parque eólico.

O proxecto configúrase como unha sociedade limitada, pero aberta, participativa e de estrutura democrática, con características neste senso semellantes a unha cooperativa. "Escollemos a fórmula de S.L. e non de cooperativa porque a actual lei galega de cooperativas non ofrece ningunha fórmula para crear unha compañía que produza electricidade para vendela ao mercado", explica Xavier Simón, catedrático de economía aplicada na Universidade de Vigo e responsable do Observatorio Eólico de Galicia. 

"Se só se xerase electricidade para os socios, sería unha cooperativa de consumo, se o parque eólico dera traballo aos socios, sería unha cooperativa de traballo. Por iso decidimos crear unha sociedade que tivese todas as características en canto a participación democrática, que teñen as cooperativas", engade, seguindo o ronsel aberto pola iniciativa catalá de Viure de l'aire.

Xavier Simón di que con esta iniciativa dan o paso a poñer en práctica a filosofía que leva anos demandando o Observatorio Eólico, avogando polo aproveitamento directo dos recursos naturais renovables do medio rural por parte das comunidades locais

Simón destaca que con esta iniciativa dan o paso a poñer en práctica a filosofía que leva anos demandando o Observatorio Eólico, avogando polo aproveitamento directo dos recursos naturais renovables do medio rural por parte das comunidades locais. Unha oportunidade social, económica e medioambiental para Galicia.

"A sociedade galega estase a mostrar contraria, de forma contundente, ao modelo dominante de produción eólica. Nós partimos do recoñecemento das deficiencias do modelo actual e tentamos achegar unha alternativa, tentamos crear un camiño distinto no que é posible xerar enerxía eólica respectando a natureza, conseguindo que os retornos económicos queden na propia contorna na que se instalan os parques e beneficien as comunidades locais, un modelo no que a cidadanía pode participar na toma de decisións empresariais", di Simón

Páxina de Enerxía Comunitaria ©

"Queremos demostrar que pode existir un modelo de produción enerxética controlado pola cidadanía, que se pode converter en actor clave do proceso de transición enerxética"

"Queremos demostrar que pode existir un modelo de produción enerxética controlado pola cidadanía, que se pode converter en actor clave do proceso de transición enerxética", di Simón, que destaca que en Alemaña o 86% das iniciativas de renovables están en mans das comunidades locais. "En Galicia só o 1% e porque incluímos os 43 MW de parques eólicos que son propiedade de concellos", engade.

"En paralelo, estamos acompañando procesos de comunidades enerxéticas en toda Galicia: Moeche, Vilasantar, Arbo, Silleda, Sober... Son asociacións sen ánimo de lucro que teñen un modelo de negocio comunitario para producir enerxía eléctrica para autoconsumo a través dun proceso colectivo no que participan case sempre os concellos, pero cuxo control pertence ás asociacións creadas pola cidadanía", di.

O proxecto fai unha chamada "a esa parte da sociedade galega que rexeita o actual modelo eólico" pero que aposta polas enerxías renovables e a protección do medio ambiente

O proxecto fai unha chamada "a esa parte da sociedade galega que rexeita o actual modelo eólico" pero que aposta polas enerxías renovables e a protección do medio ambiente. Todo tipo de persoas e entidades poden formar parte de Enerxía Comunitaria. Con todo, existen requisitos mínimos diferentes en función de se se é cidadán ou asociación sen ánimo de lucro (2.500 euros), unha pequena empresa (5.000 euros) ou unha grande empresa ou institución (10.000 euros). 

A achega económica non é inmediata, senón que nun primeiro momento unicamente se pide asinar unha carta de intencións que unicamente se transformaría nun movemento de diñeiro ao chegar aos 200.000 primeiros euros comprometidos, momento en que se realizaría unha ampliación de capital. O obxectivo é acadar un total de tres millóns de euros para, posteriormente, solicitar outros dous millóns de euros a unha entidade bancaria, acadando finalmente os cinco millóns de euros

"Como en calquera iniciativa empresarial, hai un risco, pero o risco aquí está compartido", di Simón, que advirte de que "se alguén só busca a remuneración inmediata do seu capital, é mellor que invista noutro lado". "Este é un proxecto para persoas e entidades que busquen unha remuneración social, que teñan unha responsabilidade social e que queiran demostrar que outro modelo é posible, fronte ao modelo actual, vertical e controlado por empresas foráneas", apunta, engadindo que a remuneración chegaría "a medio prazo".

Xavier Simón © Enerxía comunitaria

Cristina Sánchez: "máis nos vale que poñamos as pilas e nos fagamos responsables do noso"

"Estamos nun momento en que se a cidadanía non fai nada, perderase a oportunidade de que o desenvolvemento eólico sexa máis xusto. Existe a posibilidade de que as cousas cambien, pero se non se fai nada, todo vai quedar nas mans dos de sempre", di Cristina Sánches

Unha das primeiras socias é Cristina Sánchez, Cristina de Melide, enxeñeira industrial, con especialidade en electrotecnia e experiencia profesional en xestión de proxectos industriais e que está a participar tamén da creación da comunidade enerxética que se está a poñer en marcha na vila melidá. De feito, chegou ao proxecto a través desta entidade, que vai producir electricidade para autoconsumo a través da instalacións de paneis fotovoltaicos.

“Eu, ademais do meu interese na potenciación das enerxías renovables, teño por motivos profesionais moito contacto con Alemaña, onde existen moitísimos parques eólicos comunitarios”, comenta en conversa con Praza, na que salienta a importancia que no país xermano teñen este tipo de iniciativas "nas que a cidadanía xoga un papel relevante como produtora de enerxía" constituíndo "un sistema más sostible medioambiental, económica e socialmente".

Cristina Sánchez destaca que os socios e sociais iniciais de Enerxía Comunitaria "estamos preocupados pola creación de valor no territorio e pola axeitada explotación dos nosos recursos e non nos gusta a maneira como se está a facer ata o momento, que se parece bastante a un espolio". Cre que estamos ante unha oportunidade única, "nun momento no que unha parte da sociedade está pedindo un cambio a este respecto" e no que España e Galicia adquiriron o compromiso de aumentar a capacidade de produción de enerxía renovable.

María Cristina Sánchez González © Enerxía comunitaria

Porén, advirte, a xeración eólica "pode parecer un recurso ilimitado, pero en realidade está limitado pola capacidade da rede" e "hai uns actores, que levan toda a vida, que son os mellor posicionados para quedar con este mercado". "Estamos nun momento en que se a cidadanía non fai nada, perderase a oportunidade de que o desenvolvemento eólico sexa máis xusto. Existe a posibilidade de que as cousas cambien, pero se non se fai nada, todo vai quedar nas mans dos de sempre", conclúe.

"Estamos nun momento en que somos un territorio moi apetecible para as grandes corporacións", tanto no ámbito enerxético coma no da minaría. "Máis nos vale que poñamos as pilas e que medremos e nos fagamos responsables do noso", remata Cristina Sánchez

A crecente electrificación da econonía, coa substitución -antes ou despois- dos vehículos de comnbustión por electricos, fai medrar as necesidades de xeración de todos os países. Esta xeración pode vir de fontes renovables ou ben da enerxía nuclear, pola que están avogando importantes grupos de poder. "Mentres o desenvolvemento eólico está paralizado en Galicia, noutros países, como Alemaña están apostando moito pola enerxía eólica. Eles teñen claro que deben conseguir unha independencia enerxética e están apostando polo vento", destaca.

Para Cristina Sánchez, o aumento da electrificación da economía e o incremento da xeración eléctrica en Galicia "é unha oportunidade moi grande de creación de valor" e advirte de que "estamos nun momento en que somos un territorio moi apetecible para as grandes corporacións", tanto no ámbito enerxético coma no da minaría. "Máis nos vale que poñamos as pilas e que medremos e nos fagamos responsables do noso", remata.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.