Cando "os do non" son do PP: o Concello de Oia mobilízase contra o novo proxecto eólico na Groba

Manifestación o pasado 15 de marzo contra os novos proxectos eólicos na serra da Groba © SOS Groba

Os populares recorren a estratexias de protesta como a distribución de alegacións xenéricas para que as asine a cidadanía de xeito masivo ou a organización de charlas e pronúncianse oficialmente "contra estes proxectos"

O PPdeG leva tempo identificando co BNG o rexeitamento social a determinados proxectos con impacto sobre o territorio. Sexan asociacións veciñais, ecoloxistas ou culturais as que promovan as protestas, para os populares, nomeadamente para os seus números un e dous, Alfonso Rueda e Paula Prado, é cousa de "os do non", unha suposta confabulación para rexeitar proxectos industriais polo simple feito de que así se prexudicaría indirectamente ao Goberno galego do PP.

Pero agora é un concello gobernado con maioría absoluta polo PP, o de Oia, o que recorre ás estratexias habituais desas mobilizacións de "os do non" para rexeitar o novo intento de instalar catro eólicos na serra da Groba. O goberno local non só vai presentar alegacións contra os novos proxectos, como xa o fixo contra outros no pasado, senón que organiza charlas sobre eles e mesmo está a facilitar un modelo de alegación xeral para que a cidadanía o presente de xeito masivo, un xeito de actuar que habitualmente é menosprezado pola Xunta co argumento de que "son copias" e non argumentos orixinais.

Alegacións masivas promovidas polo Concello que acusan a Xunta de tramitar os eólicos da Groba cun "fraccionamento indebido" CC-BY-SA Imaxe: SOS Groba | Montaxe: Praza Pública

Foi o pasado 4 de febreiro cando o Diario Oficial de Galicia publicou o inicio da exposición pública de catro parques eólicos de un aeroxerador cada un que se emprazarían no termo municipal de Oia, na serra da Groba, a última gran serra litoral en esas instalacións e con valores naturais que a Xunta vén evitando protexer como Rede Natura. Outros intentos en anos recentes de instalar na mesma serra outros proxectos similares remataron invalidados pola Xunta polo seus impactos ambientais.

Neste contexto, o Concello de Oia, que xa alegara contra os anteriores proxectos, volve adoptar unha actitude especialmente proactiva contra os novos eólicos. Gobernado pola dereita desde a volta da democracia agás medio ano en 2015, nas últimas municipais o PP obtivo o 49,5% dos votos e seis dos once concelleiros da Corporación, por catro do PSdeG e un do BNG, repetindo así como alcaldesa a popular Cristina Correa, no cargo desde hai unha década.

Manifestación o pasado 15 de marzo contra os novos proxectos eólicos na serra da Groba CC-BY-SA SOS Groba

As alegacións promovidas polo goberno local do PP acusan a Xunta de permitir un "fraccionamento indebido" dos proxectos e de obviar a avaliación ambiental do plan que os permitiría

Co prazo de alegacións ampliado ata mediados de abril, os populares de Oia xa organizaron charlas sobre os novos proxectos eólicos nas parroquias afectadas de Mougás e Viladesuso, anunciaron a súa previsión de que o Concello presente "alegacións contra estes proxectos" e mesmo distribuíron "copias dun modelo de alegación" para que a cidadanía as poida asinar de xeito masivo. Nesas alegacións critícanse "posibles afeccións ambientais, paisaxísticas e patrimoniais", a proximidade de aeroxeradores a núcleos de poboación e a ausencia de estudos concretos sobre arqueoloxía ou posibles afeccións a captacións de auga.

Nese "modelo de alegacións" promovido desde o Concello critícase, entre outras cousas, que o actual Plan Eólico da Xunta que ampara eses proxectos na Groba está a aplicarse por parte do Goberno galego sen que fose sometido a avaliación ambiental no seu conxunto, só coa análise de cada proxecto individual. Tamén se critica que a Xunta tramite os proxectos para a Groba "de xeito independente" malia seren promovidos polo mesmo grupo empresarial, o que suporía un "fraccionamento indebido", algo que vén negando o Goberno galego.

Emprazamento dos catro parques eólicos dun aeroxerador cada un e liña eléctrica de evacuación en laranxa, cos polígonos en vermello das áreas de desenvolvemento eólico aínda contempladas na serra da Groba CC-BY-SA Praza Pública

Hai dous anos o Concello de Cerdedo-Cotobade, tamén do PP, logrou que o TSXG paralizase un eólico polo seu "risco para a poboación" por "interese privado"

O de Oia non é o primeiro caso dun concello gobernado polo PP que tenta paralizar un proxecto eólico malia as críticas da dirección do partido aos movementos sociais que buscan o mesmo. Hai dous anos o Concello de Cerdedo-Cotobade, tamén gobernado polos populares, logrou que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) paralizase cautelarmente un proxecto eólico polo seu "risco para a poboación" por "interese privado". O tribunal salientou que entendía que coa súa postura o Concello "actúa en beneficio da súa poboación".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.