Da Pastoriza ao Supremo: o tribunal revisa como de xustas son as expropiacións para os eólicos

Parques eólicos entre Pastoriza e Abadín CC-BY-SA Praza Pública

O alto tribunal avaliará se as expropiacións para parques eólicos deben indemnizar só polo uso previo do terreo ou tamén polo seu potencial alugueiro para instalar aeroxeradores se non se impuxese unha expropiación

O Tribunal Supremo vén de admitir a trámite un recurso de casación no que analizará se as expropiacións que se están a pagar por terreos rurais nos que se van instalar parques eólicos son suficientes cando valoran o uso previo que tiña o terreo ou se poden valorar tamén o que gañaría o propietario se en lugar de ser expropiado alugase a parcela á empresa interesada en facer o eólico. Unha análise para crear xurisprudencia que ten a súa orixe nun recurso da propietaria dunha parcela na Pastoriza que considerou inxusta a expropiación recibida para que Norvento levantase un parque eólico. 

O Supremo xa tiña pendente un recurso de casación para revisar se son xustas as expropiacións que se están a pagar para construír parques eólicos. Foi o pasado maio cando admitiu a trámite aquel primeiro caso, derivado dun parque eólico no occidente asturiano. Pero agora vai máis alá e analizará "se na valoración do solo rural se pode incluír á hora de calcular a capitalización da renda potencial do terreo a súa aptitude para producir froitos civís mediante o establecemento dun contrato de cesión do solo para a instalación dunha explotación de enerxía eólica". Isto é, se a posibilidade dun contrato de alugueiro para un parque eólico pode ser valorada como elemento indemnizatorio na expropiación para ese mesmo parque eólico.

Sede do Tribunal Supremo, en Madrid © Tribunal Supremo

O caso agora no Supremo ten a súa orixe na expropiación dun terreo para a construción por parte de Norvento do Parque Eólico A Pastoriza. A propietaria da parcela discrepou do importe establecido polo Xurado de Expropiación de Galicia en decembro de 2021 e recorreu ante o TSXG, que en xaneiro de 2024 deulle a razón. Fíxoo nunha sentenza que por primeira vez recoñeceu o potencial beneficio de alugar o terreo en lugar da súa expropiación.

A lei non permite valorar para unha expropiación o potencial económico da enerxía do vento que se obteña nun terreo, pois esa será unha plusvalía que se obteña por parte da empresa explotadora logo dos investimentos que ela mesma faga tras a súa tramitación do proxecto. Pero a sentenza do TSXG avaliou o potencial do alugueiro dun terreo que ao seu ver non só podía ser destinado a usos agrarios ou forestais, como mantiña o Xurado de Expropiacións.

O TSXG, na sentenza orixinal que agora revisará o Supremo, avaliou o potencial do alugueiro dun terreo que ao seu ver non só podía ser destinado a usos agrarios ou forestais, como mantiña o Xurado de Expropiacións, xa que estaba incluído no Plan Eólico

O TSXG salientou que o terreo, á marxe do uso agroforestal que tiña previamente, estaba cualificado como solo rústico de protección de infraestruturas enerxéticas e incluído nunha área de desenvolvemento eólico (ADE) no Plan Sectorial Eólico de Galicia, espazos delimitados para ese tipo de infraestruturas. E argumentou que posto que a lei eólica "prevé como primeira opción o acordo do promotor do parque eólico cos propietarios dos terreos" antes que unha expropiación, "e dado que [un parque eólico] só se pode instalar en terreos ADE, cabe concluír que o uso ou actividade ao que se podan dedicar eses terreos, dada a progresivamente intensa actividade de implantación de parques eólicos en Galicia, pasa a ser un uso ou actividade máis probable como renda potencial que o seu cultivo agrario ou forestal". 

Mapa do Plan Eólico que recolle os únicos posibles emprazamentos de parques CC-BY-SA Xunta de Galicia

Ante esa situación, o TSXG valorou esa potencialidade que tiña o terreo non só polo seu uso agroforestal previo senón tamén pola posibilidade de alugalo para un parque eólico, como fan nesa mesma zona comunidades de montes, e elevou o importe da expropiación. Unha decisión que foi recorrida ante o Supremo tanto pola Xunta como por Norvento. E agora o Supremo, en auto con data do 18 de febreiro, vén de considerar que o asunto ten "interese casacional obxectivo para a formación de xurisprudencia". 

O Supremo xa tiña sobre a mesa unha casación sobre un eólico en Asturias no que ía revisar a expropiación valorando a "renda real", pero agora "éntrase na análise do concepto de renda potencial" para crear nova xurisprudencia

O alto tribunal considera o caso da Pastoriza distinto do previo de Asturias que xa tiña sobre a mesa desde maio. Di que o anterior "formula unha cuestión moi similar, aínda que naquel caso a cuestión vai dirixida máis ao concepto de renda real, xa que a discusión se formula en relación coa valoración a efectos expropiatorios de terreos nos que xa se ubica un parque eólico". Porén, no novo caso con orixe na Pastoriza "éntrase na análise do concepto de renda potencial", di o Supremo, que considera "aconsellable" analizar esa posibilidade, nunha expropiación, de "incorporar o valor dun posible arrendamento do solo para fins de enerxía eólica".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.