Estes intermediarios, ás veces mesmo sen un proxecto eólico detrás, ofrecen prezos tan baixos "que se poden cualificar de ridículos" a cambio de dereitos exclusivos sobre todas as terras do propietario
O Observatorio Eólico vén de alertar da chegada a Galicia nos últimos meses de "intermediarios buscadores de rendas" que mesmo sen teren un proxecto eólico detrás buscan asinar contratos con condicións "inaceptables para as comunidades rurais", ofrecendo prezos tan baixos "que se poden cualificar de ridículos" a cambio de dereitos exclusivos sobre todas as terras do propietario que ván máis aló mesmo das que conformarían o futuro parque eólico, e con períodos de carencia que chegan aos 10 anos.
A xeito de exemplo, o instituto nacido a partir dun grupo de investigación da Universidade de Vigo, sinala que se están a realizar ofertas en Verea e Celanova con pagamentos duns 1.000 euros/MW, cando o prezo real de mercado nestes momentos se sitúa en valores que triplican esa cantidade, con propostas arredor dos 3.600-3.800 euros por MW instalado no caso de empresas con maior "responsabilidade social".
Están a realizar ofertas con pagamentos duns 1.000 euros/MW, cando o prezo real de mercado nestes momentos se sitúa en valores que triplican esa cantidade, con propostas arredor dos 3.600-3.800 euros por MW
O Observatorio Eólico advirte de que estes intermediarios, que cualifica de "especuladores" e que se están a mover nos últimos meses polo rural galego, buscan aproveitar o despoboamento e o envellecemento que sofren estas zonas e o boom das enerxías renovables que se está a producir e que se incrementará nos vindeiros anos.
A entidade salienta que "existen posibilidades de mellorar as ofertas iniciais mediante a negociación" e realiza unha serie de recomendacións aos propietarios rurais que reciben algunha proposta para a utilización dos seus terreos para a instalación dun parque eólico: non ter presa para asinar o acordo; buscar toda a información para entender o tipo de negocio que queren desenvolver na localidade; tentar establecer alianzas con outros propietarios, co concello e con organizacións profesionais e sociais e negociar conxuntamente con todos os propietarios afectados.
O Observatorio recomenda non ter presa para asinar o acordo, tentar establecer alianzas con outros propietarios, co concello e negociar conxuntamente con todos os propietarios afectados
O Observatorio Eólico defende contratos de arrendamento ou contratos de dereito de superficie, fronte á expropiación ou á compravenda, para vincular as terras eólicas cos parques eólicos e lembra que "a experiencia indícanos que o alugueiro rende maiores beneficios para as comunidades rurais". Pero recomenda que "hai que ler a letra pequena e sobre todo tratar de adoitar estratexias colectivas para buscar as mellores condicións".
A entidade comenta que "desgraciadamente a lexislación de fomento e autorización de parques eólicos dá ás comunidades rurais un rol marxinal fronte aos promotores eólicos" e sinala que "mentres non mude o marco normativo, na liña de converter en actores centrais do aproveitamento dos recursos enerxéticos renovábeis ás comunidades rurais, propietarios dos recursos territoriais nos que existen ese capital eólico", o OEGA traballará para "fortalecer a súa posición negociadoras e así conseguir unha transición enerxética máis xusta".
O Observatorio Eólico defende contratos de arrendamento ou contratos de dereito de superficie, fronte á expropiación ou á compravenda
Por esta razón publicou recentemente unha guía para protexer os propietarios rurais e que os beneficios do vento fiquen no país, un documento que inclúe propostas de contrato e información práctica para fortalecer a posición negociadora das comunidades rurais. "Debemos evitar présas e que os beneficios emigren, como xa pasou noutras ocasións", destacan os seus autores, destacan. Nese texto. o Observatorio analiza como as enerxéticas evitan negociar cos donos dos terreos porque a Xunta adoita autorizarlles a expropiación sen valorar o potencial económico do lugar.