O Supremo avala eólicos nos que o TSXG ve fragmentación ilegal

Protesta contra os parques eólicos de Bustelo, Campelo e Monte Toural CC-BY-SA Plataforma NON Eólicos Bustelo - Campelo - Monte Toural

O TS fixa doutrina sentenciando que "o feito de que dúas ou máis" instalacións eólicas "compartan instalacións de conexión" non implica "ineludiblemente" que teñan que ser avaliadas ambientalmente como un único parque

En xuño de 2023 a sección terceira da Sala do Contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) anulou a autorización administrativa previa e de construción e a declaración de utilidade pública outorgada pola Xunta ao parque eólico Campelo, promovido por Greenalia en Coristanco e Santa Comba. Freou, asemade, a súa declaración de compatibilidade coa actividade mineira e forestal na zona.

O alto tribunal galego atendía naquela sentenza recursos de Adega e a Plataforma para a Defensa da Cordilleira Cantábrica. Facíao, fundamentalmente, por observar no parque unha "indebida fragmentación". O parque Campelo comparte "liñas e infraestruturas de evacuación" con outros dous, os de Monte Toural e Bustelo, de promotoras vencelladas á de Campelo. Daquela, concluíu, debería considerarse un parque único en canto ao seu impacto ambiental.

Parque eólico de Greenalia en Vimianzo © Greenalia

Como noutros casos, a cuestión xudicial seguiu o seu curso pola vía dos recursos ata o Tribunal Supremo (TS). A máis alta instancia xudicial do Estado vén de ditar senllas sentenzas ao respecto, que aínda non son públicas, pero cuxo contido clave adianta: ao contrario do tribunal galego, considera o TS que "o feito de que dúas ou máis instalacións de parques eólicos compartan instalacións de conexión non comporta, ineludiblemente, que debamos considerar a existencia dun único proxecto" a efectos de avaliación ambiental. 

As sentenzas, que aínda non son públicas, consideran o ditame do alto tribunal galego "non axustado a Dereito" e declaran legal a autorización da Xunta ao parque eólico Campelo, en Coristanco e Santa Comba

"Haberá que examinar en cada caso as circunstancias concorrentes, á luz da normativa e da xurisprudencia aplicables", agrega. Segundo o TS, ao abordar o parque de Campelo o TSXG "afástase da doutrina xurisprudencial" nunha sentenza que "non é axustada a Dereito, polo que se revoga", confirmando "a legalidade" da autorización outorgada pola Xunta ao parque eólico de Campelo.

Alén deste parque concreto, o pronunciamento do Supremo é relevante, sobre todo, por sentar doutrina a respecto dunha das cuestións centrais que o TSXG vén sinalando á hora de aceptar recursos contra proxectos eólicos, a súa fragmentación irregular. Cómpre, non obstante, agardar pola publicación íntegra das sentenzas para coñecer os detalles da súa repercursión nun contexto legal que, así e todo e coma outros asuntos, ten tamén unha derivada europea pendente de ser resolta.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.