Nin catro nin un: entre Santa Comba e Coristanco xa non cabe ningún aeroxerador máis

Parques eólicos en montes galegos CC-BY-SA Praza Pública

Muras ou o espazo entre Vimianzo e a ría de Noia son outras das contornas nas que Medio Ambiente vén advertindo de problemas cos parques eólicos xa en funcionamento

Nin un parque eólico con catro aeroxeradores hai un ano, nin un parque eólico cun único aeroxerador agora. Entre Santa Comba e Coristanco xa non cabe ningunha turbina máis. Así se desprende da resolución de impacto ambiental desfavorable que vén de emitir a Consellería de Medio Ambiente ante o proxecto dun único aeroxerador que a empresa Ecovital Renovables SL, anteriormente denominada Cortizo Eólicas, pretendía instalar nesa zona. Faino pola "alta densidade de aeroxeradores presentes na área e a probable existencia de efectos sinérxicos" sobre as aves. 

Mapas do Rexistro Eólico de Galicia nos que se sinalan as contornas nas que documentos oficiais da Xunta admiten que os aeroxeradores xa instalados -non futuros proxectos- xa están a supoñer problemas para as aves CC-BY-SA Praza Pública

O impacto dos aeroxeradores xa instalados, non das novas solicitudes, vén sendo sinalado desde hai meses por Medio Ambiente en diversas zonas do país sen que ata o momento transcendese ningunha iniciativa para rebaixar os efectos.

No caso de Coristanco e Santa Comba, o proxecto desbotado hai un ano, denominado Braña Ancha, de Adelanta Corporación, pretendía instalar catro aeroxeradores nas proximidades da polémica mina de Varilongo. Medio Ambiente desbotouno porque os cálculos da súa Dirección Xeral de Patrimonio Natural sobre mortalidade de aves nunha contorna con 19 parques e 116 turbinas "indican que o conxunto de aeroxeradores xa instalados pode estar a xerar un impacto significativo, particularmente sobre as rapaces”.

Resolución de impacto ambiental que di "o conxunto de aeroxeradores xa instalados pode estar a xerar un impacto significativo, particularmente sobre as rapaces" entre Coristanco e Santa Comba CC-BY-SA Praza Pública

Agora, ante o proxecto denominado Varilongo, dun único aeroxerador na mesma zona, a mesma Dirección Xeral de Patrimonio Natural volve apuntar á "alta densidade" de instalacións eólicas xa existentes e a "probable existencia de efectos" sobre as aves, ante o que Medio Ambiente emite a declaración de impacto ambiental "desfavorable". Nesa mesma zona o ano pasado o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia anulou o permiso da Xunta a tres parques eólicos (Campelo, Bustelo e Monte Toural) por considerar que se fragmentaran artificialmente para facilitar a súa avaliación ambiental.

Similares declaracións de impacto ambiental como a agora feita pública para o único aeroxerador do proxecto Varilongo veñen sendo formuladas noutros puntos do país sinalando a existencia xa na actualidade, cos parques xa en funcionamento, de efectos negativos sobre as aves pola acumulación de aeroxeradores en contornas concretas. 

Hai unhas semanas denegáronse dous proxectos eólicos entre Muras e Ourol porque Medio Ambiente considera que alí as aves xa "están sometidas permanentemente a un elevado risco de colisión".

Parque eólico en Vimianzo © Greenalia

En xaneiro do pasado ano a mesma Dirección Xeral de Patrimonio Natural considerou, a respecto de varios parques eólicos distintos que resultaron denegados, que entre Vimianzo e a ría de Noia "xa existe unha longa aliñación de aeroxeradores, de máis de 30 quilómetros" que ao seu ver forma "unha barreira que obriga ás aves a realizar grandes cambios de roteiros". Non era que os novos proxectos causasen ese problema senón que o problema xa existe na actualidade, dicía ese departamento da Consellería de Medio Ambiente.

Hai un ano a propia conselleira de Medio Ambiente admitiu como zonas con "masificación", entre outras que non citou, "Vimianzo, Serra do Suído ou Barbanza"

Ademais destas consideracións expresas en documentos oficiais sobre efectos concretos que os parques xa instalados xa están a producir sobre as aves, a propia conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, sinalou nunha comparecencia pública en xaneiro do pasado ano que hai outras áreas nas que xa non se van autorizar máis aeroxeradores porque "xa entendemos que hai unha masificación e polo tanto non se poden seguir instalando parques". Entre esas zonas estarían, segundo verbas da propia conselleira, "Vimianzo, Serra do Suído ou na zona do Barbanza". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.