O Tribunal Supremo avala as suspensións cautelares de dous parques eólicos ditaminadas polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) e, de paso, avala tamén o proceder do alto tribunal galego, sinalado pola Xunta e o sector tras a cancelación temporal de máis de 60 proxectos.
O Supremo non admite os recursos da Xunta e das empresas e avala os argumentos do TSXG, que aludía á fragmentación artificial dos parques
Foi a Sala do Contencioso-Administrativo Sección Primeira do Supremo a que emitiu dúas providencias nas que inadmite os recursos de casación contra os autos do TSXG de suspensión cautelar dos proxectos eólicos de Troitomil (nos concellos coruñeses de Negreira e a Baña) e Ventumelo (entre as provincias de Ourense e Lugo, nos concellos da Pobra de Trives, San Xoán de Río e Ribas de Sil).
O Supremo ratifica os argumentos que esgrimira o TSXG, que aludía á fragmentación artificial de iniciativas empresariais, ao nin tan sequera admitir a trámite, "por falta de fundamentación e de interese casacional obxectivo", os recursos presentados pola Xunta e as empresas con intereses en cadanseu parque: Green Capital no caso de Troitomil) e Wind Hero no de Ventumelo.

"Os catro recursos de casación presentados viñeron acompañados dunha inaudita campaña de deslexitimación do labor do TSXG"
Segundo destaca o bufete Pérez-Lema Avogados, con ampla experiencia nos litixios xudiciais arredor do sector eólico, os catro recursos de casación presentados "viñeron acompañados dunha inaudita campaña de deslexitimación do labor do TSXG, onde a Xunta de Galicia desautorizou en termos moi duros as decisións do Tribunal". "Supuxo unha campaña política contra unha decisión xurídica plenamente axustada a dereito, un comportamento que resulta xuridicamente inaceptábel, como acaba de deixar de manifesto a decisión do Tribunal Supremo", di nun comunicado.
Aínda o pasado mes de novembro, a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, sinalaba o Superior galego ante o empresariado do sector eólico pola "marea de suspensións".
O proxecto de parque eólico de Ventumelo foi paralizado en marzo do ano pasado ao entender o TSXG que non se podía considerar enteiramente veraz a declaración de impacto ambiental elaborada pola Xunta, por non terse en conta que o parque forma parte dun proxecto máis amplo artificialmente fragmentado, práctica común neste tipo de iniciativas.
Idéntica argumentación empregou o TSXG dous meses despois, en maio de 2024, para paralizar cautelarmente o proxecto de Troitomil. Naquel momento, o Tribunal expresou as súas sospeitas de que os proxectos de Vilartoxo e Barrosinos, nas proximidades, constituísen xunto con Troitomil parte dun mesmo macroproxecto que intentase "disimularse mediante esta fragmentación", segundo di Pérez-Lema.
O caso é que, como recolleu Praza.gal nesta reportaxe, do Val Miñor a Trives ou a Costa da Morte, a Xunta tramitou durante moito tempo por separado muíños con emprazamentos próximos, ademais de mudar a lei para simplificar as avaliacións de impactos malia que unha sentenza do Superior xa anulara un parque polo seu efecto acumulativo.
Nos últimos anos, varias sentenzas do Supremo e do TSXG tombaron varios parques eólicos e puxeron o foco no modelo eólico da Xunta
Así, durante os últimos anos, máis dunha ducia de sentenzas do TSXG e do Tribunal Supremo tombaron varios parques eólicos en Galicia e puxeron o foco na política levada a cabo pola Xunta respecto do sector. Os motivos principais para tombalos: a fragmentación artificiosa dos parques e a infracción de diferentes normas de dereito comunitario. Malia todo, importantes empresas do sector e o propio Goberno galego insistiron —e insisten— en sinalar o Superior atribuíndo as decisións a un dos seus maxistrados, Luís Villares, polo seu pasado político.
Con esta última decisión, segundo Pérez-Lema, o Supremo avala a forma de proceder do TSXG e confirma, implicitamente, "o irregular dunha campaña política que pretendeu denigrar a imaxe e a actuación dun tribunal que en todo momento velou pola preservación do medio ambiente e do benestar das poboacións afectadas".