Medio Ambiente considera que o parque Torroña I, nos concellos de Baiona, Oia e Tomiño, tería "repercusións negativas sobre o patrimonio arqueolóxico e sobre a paisaxe"
A Consellería de Medio Ambiente vén de publicar este mércores no Diario Oficial de Galicia a declaración ambiental desfavorable do parque eólico Torroña I, que se pretendía instalar na serra da Groba, última gran serra litoral galega sen este tipo de instalacións. É o cuarto proxecto tombado nos últimos meses nesta zona polo seu impacto ambiental e xa non quedan de momento máis iniciativas pendentes de tramitar, tras desbotar outros promotores as súas antes mesmo desta fase de avaliación ambiental.
A serra da Groba leva anos no obxectivo de diversas empresas promotoras de parques eólicos e outro tipo de instalacións enerxéticas, ante as que se vén levantando unha importante contestación por parte da veciñanza e dos concellos de todas as cores políticas das comarcas do Val Miñor e do Baixo Miño polas que se estende este espazo natural, que conta con hábitats que o Goberno galego vén evitando protexer.
No primeiro parque invalidado a finais de 2022 había eivas ambientais, no segundo paisaxísticas e no terceiro os efectos negativos estendíanse a múltiples eidos
En setembro de 2022 Medio Ambiente declaraba inviable o primeiro parque eólico analizado, denominado Albariño I, criticando as eivas dos estudos ambientais realizados pola súa empresa promotora, que obviaran a presenza na zona de especies protexidas. Dous meses máis tarde tamén era invalidado o parque denominado O Merendón, salientando neste caso a Xunta que o seu impacto paisaxístico sería "crítico". E o pasado novembro era o proxecto denominado Toroña o invalidado ambientalmente polo seu impacto sobre bens patrimoniais, sobre as aves rapaces, "sobre a saúde das persoas" polos "efectos do ruído e parpadeo de sombras" e sobre a paisaxe, novamente cun "impacto crítico" neste último eido.
Agora tócalle a quenda ao parque Torroña I, impulsado por Desarrollos Renovables del Norte e que contaría con 22,8 MW repartidos en catro aeroxeradores entre os concellos de Baiona, Oia e Tomiño, entre a ría de Vigo e o río Miño. Segundo a avaliación ambiental feita pública este mércores, o seu impacto tería "repercusións negativas sobre o patrimonio arqueolóxico e a paisaxe", segundo os informes sectoriais emitidos pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e polo Instituto de Estudos do Territorio.