Se no primeiro parque invalidado hai un ano había eivas ambientais e no segundo paisaxísticas, neste terceiro esténdense os efectos negativos a múltiples eidos
Os impactos sobre a saúde das persoas, as aves, o patrimonio cultural e a paisaxe veñen de levar á Consellería de Medio Ambiente a declarar como inviable outro parque eólico na serra da Groba, última gran serra litoral galega sen este tipo de instalacións. Neste caso é o proxecto denominado Toroña, que contaría con 10 aeroxeradores repartidos entre os concellos de Baiona, Oia, O Rosal e Tomiño, isto é, entre a ría de Vigo e o río Miño.

A serra da Groba leva anos no obxectivo de diversas empresas promotoras de parques eólicos e outro tipo de instalacións enerxéticas, ante as que se vén levantando unha importante contestación por parte da veciñanza e dos concellos de todas as cores políticas das comarcas do Val Miñor e do Baixo Miño polas que se estende este espazo natural, que conta con hábitats que o Goberno galego vén evitando protexer.
A contestación social na zona contra estes proxectos vén sendo transversal, con rexeitamento de todas as forzas políticas, tamén do PP
En setembro do pasado ano Medio Ambiente declaraba inviable o primeiro parque eólico analizado, denominado Albariño I, criticando as eivas dos estudos ambientais realizados pola súa empresa promotora, que obviaran a presenza na zona de especies protexidas. Dous meses máis tarde tamén era invalidado o parque denominado O Merendón, salientando neste caso a Xunta que o seu impacto paisaxístico sería "crítico".
Agora Medio Ambiente aumenta o número de efectos ambientais deste terceiro parque invalidado. Así, e froito dos informes sectoriais realizados polos diversos departamentos competentes, sinala que o proxecto tería impacto sobre bens patrimoniais, sobre as aves rapaces polo "efecto de tipo baleiro e/ou barreira" dos aeroxeradores, "sobre a saúde das persoas" polos "efectos do ruído e parpadeo de sombras" e sobre a paisaxe, novamente cun "impacto crítico" neste último eido.