A Xunta, que declarara o proxecto como prioritario, rexéitao agora, mes e medio despois de facer o mesmo cunha primeira instalación que tamén tiña impacto ecolóxico
Hai un ano, o 21 de outubro de 2021, o Consello da Xunta aínda presidido por Alberto Núñez Feijóo, que ocultou a decision, declarou “iniciativa empresarial prioritaria” o parque eólico O Merendón, previsto na serra da Groba, última gran serra litoral galega sen ese tipo de instalacións. Un ano despois, este venres a Xunta fixo pública a declaración de impacto ambiental “desfavorable” do proxecto polo seu impacto “crítico” e “irreversible” sobre a paisaxe.
A decisión de rexeitar o parque do Merendón chega despois de que hai mes e medio tamén se emitise unha declaración desfavorable similar para un primeiro parque eólico, o Albariño I, naquel caso non só polo seu impacto paisaxístico senón tamén polo ecolóxico. Tanto eses dous parques como outras varias instalacións enerxéticas de todo tipo que diversos promotores impulsan na zona veñen recibindo unha importante contestación por parte da veciñanza e dos concellos de todas as cores políticas das comarcas do Val Miñor e o Baixo Miño polas que se estende a serra da Groba, que conta con hábitats que o Goberno galego vén evitando protexer.
O parque do Merendón agora rexeitado, promovido por Tiraventos SL, vinculada ao grupo Ecoener, ía ter 5 aeroxeradores que sumarían 21 MW. A instalación xa iniciara a súa tramitación hai unha década, pero o promotor paralizouna e retomouna o ano pasado, cando o Consello da Xunta declarou o proxecto como prioritario para axilizar os seus prazos de tramitación.
Agora, a declaración de impacto ambiental tomba o parque eólico fundamentalmente por un informe negativo elaborado polo Instituto de Estudos do Territorio da Xunta. Ese organismo considera que o estudo de integración paisaxística elaborado pola empresa para xustificar a súa instalación foi incorrecto. A firma non foi quen de corrixilo nin despois de diversos intercambios de información e críticas coa administración.
O propio estudo paisaxístico elaborado pola empresa permitía constatar como os aeroxeradores serían visibles desde os principais puntos de interese paisaxístico da comarca e tamén sobre o emblemático mosteiro de Oia, monumento nacional. Tamén impactaría sobre os Muíños do Folón e do Picón, Ben de Interese Cultural (BIC).
"Xeracións enteiras só poderían percibir a paisaxe coa presenza dominante dos aeroxeradores", di o organismo da Xunta encargado de velar polas paisaxes
Malia as diversas correccións que tentou incluír a empresa promotora no seu proxecto orixinal, o Instituto de Estudos do Territorio considerou o impacto do parque como “irreversible” polo tempo “indefinido” que estaría activo. “Falar de décadas de funcionamento do parque eólico implica que xeracións enteiras só poderían percibir a paisaxe coa presenza dominante dos aeroxeradores”, di o organismo da Xunta que vela polas paisaxes. Ademais, o impacto sería “crítico” polos “valores paisaxísticos concretos e específicos do lugar”, sen que se poida adoptar ningunha medida correctora que o minimice.
Malia que o impacto paisaxístico é tan alto como para anular todo o proxecto, Turismo de Galicia considerou válidos tanto este parque como o primeiro que se vía desde o Val Miñor
Pola contra, se no caso do primeiro parque eólico da serra da Groba, o Albariño I, a Xunta tamén vía efectos negativos sobre a natureza, no caso do Merendón estes, tras diversas correccións por parte da empresa, considéranse menores ou subsanables. Tampouco puxo problemas o departamento encargado da protección do patrimonio cultural, nin o que ten as competencias en materia de turismo. Así, e malia o impacto paisaxístico dos dous parques eólicos ata agora analizados sobre comarcas nas que ese sector económico resulta relevante, a Axencia Turismo de Galicia considerou nos dous casos que as instalacións terían un efecto reducido.