O impacto crítico e o rexeitamento social a anteriores proxectos salvaron ata agora a única gran serra litoral galega sen aeroxeradores e que a Xunta vén evitando protexer como Rede Natura
Dous anos despois de que o impacto ambiental tombase o intento de instalar catro parques eólicos na serra da Groba, entre Baiona e A Guarda, a última gran serra litoral galega sen aeroxeradores e con valores naturais e paisaxísticos relevantes, a Consellería de Medio Ambiente iniciou este mércores a exposición pública doutros catro proxectos, agora dun só aeroxerador cada un. Son promovidos por catro empresas distintas coa mesma sede e inclúen unha conexión eléctrica para evacuar a enerxía duns 10 quilómetros de lonxitude entre Oia e Gondomar.
Os primeiros intentos de instalar aeroxeradores na serra da Groba remóntanse a 2007. En 2011 o primeiro goberno de Feijóo presentou unha proposta de ampliación da Rede Natura 2000, esixida pola UE, que incluía por primeira vez un espazo protexido na serra da Groba, pero con reviravoltas que evitaban xusto os emprazamentos dos aeroxeradores. Esa ampliación da Rede Natura quedou paralizada desde aquela malia os requirimentos europeos, pero os eólicos tampouco lograron avanzar no medio dunha importante protesta social.
Os anteriores proxectos eólicos obtiveron 100.000 sinaturas en contra e o rexeitamento dos concellos afectados, gobernados por PP, PSdeG e BNG
Unha década máis tarde, en 2020, volveron presentarse catro proxectos de parques eólicos na Groba. E outra vez volveron suscitar unha importante protesta social, coa recollida de 100.000 sinaturas e o rexeitamento de concellos gobernados polos principais partidos, PP, PSdeG e BNG. Eses catro proxectos foron sucesivamente invalidados entre 2022 e 2024 polos seus impactos ambientais e paisaxísticos, considerados "críticos" e "irreversibles".
Agora os catro parques eólicos propostos, cos nomes Margarita 18, Cote 25, Nao 19 e Galera 25, contan cun só aeroxerador cada un e estarían dispostos en Oia, arredor do río de Mougás, dous deles a carón do espazo protexido das Sobreiras do Faro, monte comunal declarado hai década e media pola Xunta espazo privado de interese natural.