Na véspera do traslado forzoso dos maxistrados Villares e López fóra da sección do Tribunal Superior galego que axuíza eólicos e contratos da Xunta, o alto tribunal estatal rexeitou intervir sobre o seu freo cautelar do parque Acibal, en Moraña
O pasado 12 de marzo a nova presidenta da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Azucena Recio, decretou o afastastamento forzoso que sentencia sobre eólicos e contratos da Xunta para o maxistrado Luís Villares e para a maxistrada Dolores López. Fíxoo argumentando, no caso de Villares, a necesidade de preservar a imaxe de "imparcialidade" desta sección esgrimindo un contencioso sobre o IBI do hospital de Vigo, pero nun marco de ampla controversia polas súas decisións sobre paralizacións cautelares de parques eólicos.
Na véspera, o día 11, a Sección Primeira da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Supremo ditou unha providencia precisamente sobre un dos parques paralizados cautelarmente, o Acibal, promovido por Norvento en Moraña. A Sección Terceira do TSXG decidiu na primavera de 2024 paralizalo cautelarmente atendendo unha petición da asociación ecoloxista Adega, baseada no achado de restos arqueolóxicos na zona. O Goberno galego recorreu para que o Supremo interviñese e permitise retomar as obras, pero o alto tribunal rexeita facelo.
O colectivo Amil sen Eólicos, contrario a esta instalación, vén de facer pública a decisión do Supremo de inadmitir a trámite o recurso da Xunta, sen sequera entrar no fondo da cuestión. Faino porque ve no escrito do Goberno galego "falta de fundamentación suficiente e singularizada do caso" que "permitan apreciar interese casacional obxectivo". Isto é, non argumentou a razón pola que o Supremo deba fixar xurisprudencia xeral a partir deste caso concreto.
O Supremo inadmitiu o recurso da Xunta por "falta de fundamentación" e ao considerar que "o realmente pretendido" non era obter unha xurisprudencia xeral, senón conseguir reverter a decisión "no caso concreto litixioso"
"A mera afirmación" de que, con esta paralización cautelar do eólico do Acibal, o Tribunal Superior galego "lesiona os intereses xerais non resulta suficiente para explicitar as razóns polas que a doutrina" na que se baseou "poida resultar gravemente danosa para ditos intereses". E tampouco é dabondo, advirte, poñer o foco en que a mesma Sala ditou "moitas pezas de medidas cautelares similares".
A Sección Terceira do TSXG -aínda coa composición que incluía a Villares e López-, considera o Supremo, "non efectuou un afastamento expreso, deliberado e consciente da xurisprudencia" na materia. Ademais, advirte de que "o realmente pretendido" pola Xunta non era outra cousa que facer intervir ao Supremo "no caso concreto litixioso" e non obter un criterio xeral. Desta maneira, o Supremo inadmite o recurso e impón á Xunta as custas do procedemento (ata 1.000 euros) e libera dese gasto a Norvento, que tamén recorreu e que "en realidade, sostén a mesma posición" que a propia Xunta.
Para o devandito colectivo veciñal cómpre resaltar que a decisión do Supremo chega "nun momento especialmente delicado no ámbito xudicial galego" por cadrar en plena controversia polo "traslado forzoso de varios maxistrados da Sección Terceira, entre eles Luís Villares".