Á espera de que se concrete a reforma legal que vén de presentar o Goberno galego para considerar os parques eólicos "de interese superior", o tribunal insiste en que "os principios de cautela, prevención e precaución son propios do Dereito da UE"
Nos últimos meses a patronal eólica e a Xunta, que noutras ocasións se presenta como leal defensora do poder xudicial, veñen criticando abertamente decisións xudiciais que fan primar temporalmente outros intereses públicos sobre a implantación acelerada de novos parques eólicos. Para tentar evitar demoras, o Goberno galego vén de incluír nos orzamentos para o próximo ano unha reforma legal para declarar os proxectos eólicos "de interese público superior" sobre outras consideracións como as ambientais.
Pero á espera de que se concrete esa reforma o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) insiste na súa liña de actuación e vén de paralizar cautelarmente outro parque eólico, o do monte Acibal entre Barro, Campo Lameiro e Moraña, promovido por Norvento. O seu auto salienta que, á espera de resolver sobre o fondo do asunto e determinar se a autorización do parque se adecúa ou non á lei, é conveniente paralizalo porque "os principios de cautela, prevención e precaución son os propios do Dereito da Unión Europea".
As resolucións xudiciais contrarias aos parques eólicos dos últimos tempos son basicamente de dous tipos. Hai sentenzas que xa foron feitas firmes polo Tribunal Supremo que estableceron que a Xunta autorizou parques eólicos de xeito ilegal malia o seu impacto ambiental, sentenzas que chegaron nalgún caso cando xa comezaran as obras ou estas mesmo remataran, como foron os casos dos parques do Oribio, Sasdónigas. ou Corme.
Pero tamén está a haber autos do TSXG con resolucións xudiciais de paralización cautelar de parques eólicos, coas que se pretende que non se chegue ao sucedido cos parques xa construídos e despois anulados. Son estas medidas cautelares, á espera dunha decisión final sobre o fondo de cada caso, as que veñen sendo atacadas fortemente nos últimos meses pola patronal eólica e a Xunta. Un Goberno galego que xa está a tramitar unha reforma legal cuxo alcance aínda está por determinarse para considerar "de interese público superior" os parques eólicos. Isto é, para que cando os xuíces analicen novos casos e teñan que contrapoñer diversos intereses públicos en xogo, como o ambiental ou o enerxético, teñan que decantarse polo segundo.
A paralización cautelar salienta que a propia promotora decidiu non executar un aeroxerador dos autorizados como medida de protección arqueolóxica, "o que supón un recoñecemento claro e explícito da afectación do que se autorizou"
Neste contexto este martes o TSXG fixo público un novo auto de paralización cautelar doutro parque éolico, o do monte Acibal, a petición de Ecoloxistas en Acción. O tribunal considera que as obras do parque "afectan os hábitats de interese comunitario e de especies catalogadas situados na zona húmida das Brañas de Amil, así como aos petróglifos alí situados, do mesmo xeito que no monte Acibal e no Curro de Amil, afectación cuxa maior ou menor intensidade e grao de protección, corrección ou compensación determinaranse (no seu caso) no recurso principal”.
Porén, o auto salienta que a propia promotora decidiu non executar un aeroxerador dos autorizados pola Xunta "como medida de protección arqueolóxica", o que para o TSXG "supón un recoñecemento claro e explícito da afectación do que se autorizou".
O auto di que aínda que consta que xa se executaron varios viais de acceso, "non está acreditada a finalización de todas as obras que, segundo o cronograma, se presume que o estarían ao finalizar o mes de novembro, do que resulta que aínda se poden producir afectacións ao medio ambiente e ao patrimonio que poderían ser irreparables, iso sen esquecer as que puidesen resultar da posta en funcionamento do parque". Por todo iso, o TSXG tenta asegurar que a súa futura sentenza sobre o caso, no caso de ser contraria ao parque, se poida levar á práctica "de modo útil".
O auto é asinado por cinco maxistrados que salientan que debe prevalecer cautelarmente o interese xeral sobre o particular da empresa promotora do parque
Os maxistrados que asinan o auto, cinco neste caso, salientan que tras ponderar os intereses en xogo, "que, dun lado, é a protección ambiental e patrimonial, e do outro, a obtención de enerxía renovable", os prevalecentes son os que defende a asociación ecoloxista denunciante. E salientan que "os principios de cautela, prevención e precaución son propios do Dereito da Unión Europea, de modo que, ante a mera posibilidade de que se produza un dano irreparable ou de moi difícil ou incerta reparación -aínda adoptando medidas correctoras sobre as zonas protexidas-, debe prevalecer a suspensión da execución da actividade que pode producir ese risco, ao ser prevalecente o interese xeral en manter indemnes eses espazos públicos sobre o particular que ten a promotora do parque eólico Acibal en executar de forma inmediata o proxecto autorizado, por moi lexítimo que sexa o seu dereito”.