Nin seis aeroxeradores, nin un: a Xunta reitera que na serra do Suído non caben máis eólicos

Imaxe da serra do Suído e resolución de Medio Ambiente denegando un parque eólico reducido de seis a un aeroxeradores CC-BY-SA Imaxe: Xunta de Galicia - Montaxe: Praza Pública

Co Concello do PP tamén en contra, Medio Ambiente tomba un parque proposto na Lama que prevía primeiro seis xeradores e despois baixou a un pero que incluso así "agravaría" o "alto nivel de ocupación" xa existente

En xaneiro de 2023, ao tempo que autorizaba 77 parques eólicos con medio milleiro de aeroxeradores en toda Galicia, a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, admitía que na Serra do Suído, entre Pontevedra e Ourense, xa había "unha masificación e polo tanto non se poden seguir instalando parques". Similares consideracións vén realizando a Xunta para máis de media ducia de lugares de todo o país nos que recoñece que xa non caben máis proxectos eólicos.

Aínda así, seguen a propoñerse proxectos para esas zonas, como o que agora vén de tombar Medio Ambiente novamente no Suído, desbotado tanto cunha primeira previsión de seis aeroxeradores como con sucesivas rebaixas ata un só aeroxerador. Neste caso, e fronte ás críticas do PP a outros partidos por rexeitar proxectos eólicos polo seu impacto ambiental, o Concello da Lama, gobernado polos populares, tamén se pronunciou en contra.

O Concello da Lama, gobernado polo PP, pronunciouse en contra do parque eólico CC-BY-SA Imaxe: Concello da Lama | Montaxe: Praza.gal

O parque agora rexeitado por Medio Ambiente ían ser inicialmente dous cando iniciaron a súa tramitación en 2023, denominados Edreira I Modificado e Ampliación Edreira I, cun total de seis aeroxeradores, todos no concello da Lama, na serra do Suído. Os sucesivos informes negativos recibidos de Medio Ambiente levaron aos promotores a propoñer sucesivas modificacións no número e emprazamento dos aeroxeradores, ata reducilos a unha soa instalación. Porén, a Dirección Xeral de Patrimonio Natural considerou en todos os casos que non había cabida na zona para máis aeroxeradores. 

En toda Galicia xa son outra media ducia de lugares os que a Xunta considera con "masificación" de eólicos como no Suído

No seu informe definitivo, ese departamento de Medio Ambiente sinalou que "as propostas efectuadas non cambian o feito de que o proxecto se sitúa nunha contorna onde xa existe un alto nivel de ocupación" de xeito que "a instalación de máis aeroxeradores agravaría esta situación, ao reducir demasiado o espazo libre dispoñible" para as aves. Así, o seu informe definitivo "reitera que debido ao proxecto produciranse efectos adversos significativos, non sendo compatible coa preservación do patrimonio natural e a biodiversidade da contorna". 

Mapa oficial do rexistro eólico de Galicia e zonas que a Xunta considera completas de aeroxeradores CC-BY-SA Imaxe: Xunta de Galicia - Montaxe: Praza Pública

Neste caso a proposta tamén contou cun informe en contra do Concello da Lama, gobernado polo PP, que salientou "a incompatibilidade do proxecto cos valores ambientais, paisaxísticos e socioeconómicos presentes na área de afección do proxecto e polos que rexeita as solicitudes de autorización". 

Ante o esgotamento de varias das Áreas de Desenvolvemento Eólico (ADE) contempladas no actual Plan Eólico de Galicia, de 2002, a Xunta vén de iniciar aínda agora a elaboración dun novo plan

Ante o esgotamento de varias das Áreas de Desenvolvemento Eólico (ADE) contempladas no actual Plan Eólico de Galicia, de 2002, a Xunta está a elaborar aínda agora un novo plan. Unha nova planificación que xa aparecía comprometida na lei eólica impulsada por Feijóo en 2009 pero que a Xunta aparcou ata que Rueda decidiu retomala anunciando en outubro de 2024 que iniciaría a súa elaboración. Pero iso non ocorreu ata ano e medio máis tarde, a pasada primavera, cando comezaron uns traballos de estudo e redacción que non rematarán ata 2028. Será nese momento cando se teña máis claro onde caben máis eólicos.

Mapa do plan eólico de hai máis de dúas décadas, aínda vixente, coas posibles áreas de desenvolvemento eólico (ADE), en gris, e as zonas de Rede Natura 2000, en verde CC-BY-SA Xunta de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.