Xa son cando menos sete as zonas nas que a Xunta admite que non caben máis eólicos

Zonas nas que declaracións de impacto ambiental como a emitida este xoves consideran que xa non caben máis eólicos CC-BY-SA Imaxe: Xunta de Galicia - Montaxe: Praza Pública

Á espera do novo e demorado Plan Eólico, comprometido en 2009 e que non estará rematado ata 2028, o Goberno vén rexeitando proxectos pola "masificación" xa existente nalgúns lugares, agora entre Baleira e Castroverde

A Consellería de Medio Ambiente publicou este xoves no Diario Oficial de Galicia (DOG) a declaración de impacto ambiental desfavorable dun parque eólico de catro aeroxeradores que Enel Green Power quería instalar entre os concellos lucenses de Castroverde e Baralla. Nesa zona, di a Xunta, nas serras de Vacariza e Punago, entre os concellos de Baleira e Castroverde, xa hai un "alto nivel de ocupación" e os novos aeroxeradores "formarían un denso conglomerado" e ensancharían a "barreira eólica". 

Con similares palabras, mesmo falando de "masificación" ou de zonas que xa teñen "superada a capacidade de carga", Medio Ambiente vén denegando novos proxectos, incluso dun único aeroxerador, en diversos lugares de Galicia. En cando menos sete casos fíxoo sinalando de xeito explícito que a negativa non é por cuestións técnicas corrixibles de cada proxecto concreto senón polo exceso de aeroxeradores que suporía para esa zona. Mentres, o novo Plan Sectorial Eólico chamado a identificar as zonas en que se poden seguir instalando parques, comprometido por Feijóo en 2009, non estará rematado ata 2028.

Mapa oficial do rexistro eólico de Galicia e zonas que a Xunta considera completas de aeroxeradores CC-BY-SA Imaxe: Xunta de Galicia - Montaxe: Praza Pública

Foi en xaneiro de 2023, cando Xunta e Estado autorizaron ducias de parques eólicos por toda Galicia, que a propia conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, puxo nome ás primeiras zonas identificadas con exceso de aeroxeradores. Vázquez admitiu daquela que "hai unha masificación" de parques en varias zonas de Galicia e identificou expresamente "Vimianzo, serra do Suído ou na zona do Barbanza".

Ese mesmo xaneiro de 2023 a Xunta concretaba algo as palabras da conselleira en declaracións de impacto ambiental desfavorables de varios parques nas que dicía que "xa existe unha longa aliñación de aeroxeradores, de máis de 30 quilómetros, desde Vimianzo ata a ría de Noia, formando unha barreira que obriga ás aves a realizar grandes cambios de roteiros".

En xaneiro de 2023 a propia conselleira de Medio Ambiente admitía "masificación" en "Vimianzo, serra do Suído ou na zona do Barbanza", ao que documentos posteriores foron engadindo outros lugares como Muras ou serra do Faro 

Nesa mesma zona da Costa da Morte, en maio de 2024 chegaba outra declaración de impacto desfavorable para un único aeroxerador entre Coristanco e Santa Comba na que se indicaba que "o conxunto de aeroxeradores xa instalados pode estar a xerar un impacto significativo, particularmente sobre as rapaces". O documento salientaba que era unha área "cun alto nivel de ocupación" con "19 parques eólicos e 116 aeroxeradores".

Algo similar ocorreu uns meses despois, en outubro de 2024, con outra das zonas identificadas pola conselleira. Se ela falaba en xeral do Barbanza, outra declaración de impacto negativa rexeitaba daquela un único aeroxerador novo en Porto do Son porque só con el "o aumento de densidade de aeroxeradores xerará probablemente un efecto sinérxico" que levaba a Medio Ambiente a identificar un "impacto negativo que debe cualificarse como crítico".

Unha denegación dun parque eólico no sur da serra do Faro porque "xa ten superada a capacidade de carga" con 113 aeroxeradores CC-BY-SA Praza Pública

Outro dos lugares identificados pola conselleira, a serra do Suído, entre Pontevedra e Ourense, xa rexistrara varias declaracións de impacto negativas por parte da Xunta e o pasado febreiro tamén o Estado denegou un parque por velo incompatible "coa capacidade de carga do territorio". Na zona, dicía o documento estatal, que facía súas as consideracións negativas trasladadas pola Xunta, hai xa "máis de 500 aeroxeradores nun radio de 25 quilómetros".

Máis alá das valoracións xerais da conselleira ratificadas por declaración de impacto concretas, estes documentos veñen sinalando problemas similares noutras zonas. En maio de 2024 rexeitábase un novo parque entre Muras e Ourol porque xa "existe un alto nivel de ocupación e as especies están sometidas permanentemente a un elevado risco de colisión". E en agosto de 2024 ano dicíase que o sur da serra do Faro "xa ten superada a capacidade de carga". Isto é, non é que os novos parques propostos e denegados fosen supoñer un perigo senón que os xa instalados están a ser un perigo.

E agora chega a declaración de impacto ambiental feita pública este xoves que di que entre Baleira e Castroverde, nas serras de Punago e Vacariza, xa hai "un alto nivel de ocupación" coa "conseguinte acumulación dos riscos de colisión" de aves "que se vería agravada coa instalación deste novo parque eólico". "Entre todos estes aeroxeradores formarían un denso conglomerado que produciría efecto baleiro e que contribúe ao ensanche da barreira eólica" xa existente.

Mapa do plan eólico de hai máis de dúas décadas, aínda vixente, coas posibles áreas de desenvolvemento eólico (ADE), en gris, e as zonas de Rede Natura 2000, en verde CC-BY-SA Xunta de Galicia

Ante o esgotamento de varias das Áreas de Desenvolvemento Eólico (ADE) contempladas no actual Plan Eólico de Galicia, de 2002, a Xunta vén de iniciar aínda agora a elaboración dun novo plan

Ante este esgotamento de varias das Áreas de Desenvolvemento Eólico (ADE) contempladas no actual Plan Eólico de Galicia, de 2002, a Xunta está a elaborar un novo plan. Unha nova planificación que xa aparecía comprometida na lei eólica impulsada por Feijóo en 2009 pero que a Xunta aparcou ata que Rueda decidiu retomala anunciando en outubro de 2024 que iniciaría a súa elaboración. Pero iso non ocorreu ata ano e medio máis tarde, hai unhas semanas, cando comezaron uns traballos de estudo e redacción que non rematarán ata 2028. Será nese momento cando se teña máis claro onde caben máis eólicos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.