"Máis de 500 aeroxeradores en 25 km": Estado e Xunta cadran no límite aos eólicos na Serra do Suído

Aeroxeradores na Serra do Suído © Google

O Goberno galego considera tamén superada a capacidade eólica do Barbanza e zonas da Costa da Morte, a Mariña ou a Serra do Faro mentres contrata aínda agora o novo Plan Eólico anunciado por Rueda hai 15 meses e que aprobará dentro de tres anos

O Ministerio para a Transición Ecolóxica vén de emitir a unha declaración de impacto ambiental desfavorable do parque eólico Hedreira que pretendía instalar primeiro 13 e despois 8 aeroxeradores na Serra do Suído, entre Pontevedra e Ourense. A resolución do ministerio fai seus argumentos en contra da Consellería de Medio Ambiente que considera que suporía "un impacto sinérxico crítico" pola "existencia de máis de 500 aeroxeradores nun radio de 25 km". A Xunta xa advertira hai tres anos, cando autorizou 77 parques eólicos con medio milleiro de xeradores por toda Galicia, que o Suído era unha das zonas na que xa non cabían máis parques pola súa "masificación".

Mapas do Rexistro Eólico de Galicia nos que se sinalan as contornas nas que documentos oficiais da Xunta admiten que os aeroxeradores xa instalados -non futuros proxectos- xa están a supoñer problemas para as aves CC-BY-SA Praza Pública

Segundo a resolución denegatoria agora feita pública polo ministerio, o parque Hedreira "presenta impactos críticos, acumulativos e irreversibles sobre o patrimonio natural, a biodiversidade, a paisaxe e o patrimonio cultural, incompatibles coa capacidade de carga do territorio e os obxectivos de conservación establecidos na normativa vixente". Uns "impactos severos" que non se evitan nin coa proposta dos promotores de reducir de 13 a 8 os aeroxeradores previstos, que se emprazarían entre o concello da Lama en Pontevedra e os de Beariz e Avión en Ourense.

A Xunta advirte da "ausencia dunha análise conxunta do impacto sobre o patrimonio cultural derivado do conxunto dos parques eólicos en funcionamento ou tramitación na Serra do Suído"

Esa zona, na Serra do Suído, xa presenta unha importante presenza de parques eólicos. No informe que a Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Xunta remitiu ao ministerio para a avaliación ambiental sinálase que "a existencia de máis de 500 aeroxeradores nun radio de 25 km xerará un impacto sinérxico crítico sobre a avifauna e os quirópteros". O departamento da Consellería de Medio Ambiente tamén advertiu da "ausencia dunha análise conxunta do impacto sobre o patrimonio cultural derivado do conxunto dos parques eólicos en funcionamento ou tramitación na Serra do Suído.

Parque eólico Hedreira, na Serra do Suído, invalidado ambientalmente © Ministerio para a Transición Ecolóxica

Esa zona da Serra do Suído foi unha das primeiras de toda Galicia nas que a Xunta sinalou que xa había "masificación" de aeroxeradores e non permitiría máis. Así o admitiu a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, en xaneiro de 2023, ao autorizar 77 parques con medio milleiro de aeroxeradores en toda Galicia, aos que se sumaron outros 7 parques de competencia estatal con outros 130 aeroxeradores. 

Naquel momento xunto co Suído tamén se advertía dun exceso de aeroxeradores no Barbanza e Vimianzo. Nos meses seguintes diversas declaracións de impacto ambiental negativas foron sinalando outras zonas de Galicia nas que a Xunta tamén considera que xa se chegou ao límite de aeroxeradores. Así o estableceu cando menos e sucesivamente entre Vimianzo e Noia, entre Muras e Ourol, entre Santa Comba e Coristanco, ao sur da Serra do Faro e en Porto do Son.

Mapa do plan eólico de hai máis de dúas décadas, aínda vixente, coas posibles áreas de desenvolvemento eólico (ADE) e as zonas de Rede Natura 2000 CC-BY-SA Xunta de Galicia

O novo Plan eólico que diga onde se poden instalar máis foi prometido por Feijóo en 2009 e Rueda rescatouno hai 15 meses, pero aínda o vén de contratar agora e non estará ata dentro de tres anos

Todas esas zonas foron declaradas áreas de desenvolvemento eólico hai dúas décadas, no vixente Plan sectorial eólico de Galicia, que en 2009 Feijóo apostou por actualizar pero cuxa renovación aínda vén de ser contratada este mes de xaneiro, 15 meses despois de anuncialo Rueda en outubro de 2024. Ese novo plan será o que diga, dentro de tres anos, prazo estimado para a súa elaboración e aprobación, que zonas están xa saturadas e onde e como se poderán seguir instalando parques eólicos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.