O Goberno galego vén sinalando en documentos oficiais que xa hai demasiados aeroxeradores en zonas da Costa da Morte, da Mariña ou das serras do Faro e do Suído
En varias zonas da Costa da Morte, da Mariña ou das serras do Faro e do Suído a Xunta vén dicindo en documentos oficiais que xa non caben máis aeroxeradores, nalgúns casos mesmo admitindo que os que hai agora están xa provocando efectos negativos sobre o medio ambiente. Agora é en Porto do Son onde a Consellería de Medio Ambiente denega un parque eólico dun único aeroxerador porque unido aos que xa hai na zona suporía "un impacto negativo que debe cualificarse como crítico".
En Porto do Son a Xunta xa denegara en xaneiro do pasado ano o permiso ambiental a unha solicitude de instalación de só dous novos aeroxeradores nas proximidades do xa existente parque Graiade. E agora, ante outra solicitude distinta, desta volta para un só aeroxerador, parque denominado San Vicente de Noal, a resposta agora feita pública é similar. "A sinerxía co parque eólico Graiade provoca un impacto negativo que debe cualificarse como crítico" sobre as aves, di a Dirección Xeral de Patrimonio Natural, "o que impide en gran medida que as poboacións de aves poidan convivir nesta área cos aeroxeradores".
Muras ou o espazo entre Vimianzo e a ría de Noia son outras das contornas nas que Medio Ambiente vén advertindo de problemas cos parques eólicos xa en funcionamento
Similares declaracións de impacto ambiental negativas veñen sendo formuladas nos últimos meses noutros puntos do país sinalando a existencia xa na actualidade, cos parques xa en funcionamento, de efectos negativos sobre as aves pola acumulación de aeroxeradores en contornas concretas.
En agosto Medio Ambiente sinalaba que a zona de Pena Veidosa, ao sur da serra do Faro e a carón do mosteiro de Oseira, "xa ten superada a capacidade de carga" e un novo parque eólico aumentaría "a longa aliñación de aeroxeradores que se estende do Miño ao Ulla, abrindo unha nova ramificación".
En maio a mesma consellería denegaba un parque eólico dun único aeroxerador entre Santa Comba e Coristanco porque Patrimonio Natural considera que alí "o conxunto de aeroxeradores xa instalados pode estar a xerar un impacto significativo, particularmente sobre as rapaces".
Uns días antes denegáranse outros dous proxectos eólicos entre Muras e Ourol porque alí as aves xa "están sometidas permanentemente a un elevado risco de colisión". Un risco non futuro no caso de autorizarse os novos parques senón xa existente.
En xaneiro a mesma Dirección Xeral de Patrimonio Natural considerou, a respecto de varios parques eólicos distintos que resultaron denegados, que entre Vimianzo e a ría de Noia "xa existe unha longa aliñación de aeroxeradores, de máis de 30 quilómetros" que ao seu ver forma "unha barreira que obriga ás aves a realizar grandes cambios de roteiros". Tamén neste caso non era que os novos proxectos causasen ese problema senón que o problema xa existe na actualidade, segundo ese departamento da Consellería de Medio Ambiente.
Tras 15 anos sen facelo, a Xunta quere agora aprobar un novo Plan Sectorial Eólico, o documento que sinala onde se poden instalar aeroxeradores
Ademais destas consideracións expresas en documentos oficiais sobre efectos concretos que os parques xa instalados xa están a producir sobre as aves, a propia conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, sinalou nunha comparecencia pública en xaneiro do pasado ano que hai outras áreas nas que xa non se van autorizar máis aeroxeradores porque "xa entendemos que hai unha masificación e polo tanto non se poden seguir instalando parques". Entre esas zonas estarían, segundo verbas da propia conselleira, "Vimianzo, Serra do Suído ou na zona do Barbanza". Nesta última é onde agora se denega o parque dun único aeroxerador que se quería instalar en Porto do Son.
Neste contexto, a Xunta quere agora aprobar un novo Plan Sectorial Eólico, o documento que sinala onde se poden instalar aeroxeradores. O anterior ten máis de 20 anos e malia que en 2009 o Goberno galego apostou por elaborar un novo, nada fixo neste tempo.