O Instituto de Estudos do Territorio rexeita dous proxectos que sumaban 15 aeroxeradores e insinúa que tampouco validará outros aínda en trámite
A Xunta vén de facer públicas as declaracións de impacto ambiental desfavorables de dous parques eólicos con 15 aeroxeradores que impulsaba a empresa ourensá Adelanta Corporación na Serra do Suído. Os seus efectos “significativos” e “severos” sobre a paisaxe son o motivo de senllos informes negativos do Instituto de Estudos do Territorio, que insinúa que tampouco validará polos mesmos motivos outros proxectos aínda en trámite.
Os parques agora tombados polo seu impacto paisaxístico son os denominados Puza, con 12 aeroxeradores entre Avión e A Lama, e Mancelo, con 3 aeroxeradores entre Avión, Covelo e A Cañiza. Nos dous casos as declaracións de impacto ambiental citan diversas eivas e correccións que foron trasladando durante a súa tramitación os departamentos de Medio Ambiente ou Patrimonio, pero que finalmente se consideraron solventadas. Porén, non ocorreu o mesmo coa valoración do Instituto de Estudos do Territorio.
O organismo da Xunta encargado de velar pola paisaxe sinala nos dous casos que os aeroxeradores instalaríanse en lugares da Serra do Suído que ata agora non contan con ese tipo de instalacións, e que terían impacto non só nesa denominada “área de especial interese paisaxístico” senón tamén noutros puntos singulares, como o alto do Faro de Avión.
O informe sinala que na mesma zona xa hai 67 aeroxeradores e que están propostos outros 45, 27 do mesmo promotor ao que agora toma a súa iniciativa
O seu informe advertiu entre outras cuestións de que a análise paisaxística non se pode facer tendo só en conta os proxectos concretos sometidos a exame senón tamén os seus efectos sinérxicos con outros en trámite. Así, sinálase que hai na mesma zona outros 45 aeroxeradores propostos, “27 deste mesmo promotor”, que “se sumarían aos 67 existentes” noutras zonas do Suído, insinuando que xa considera suficiente a carga de proxectos eólicos nesa contorna. A empresa promotora tentou ir corrixindo os seus proxectos en funcións das críticas do Instituto de Estudos do Territorio, pero estas permaneceron ata o final.