O tribunal suspende cautelarmente un parque dicindo que Cerdedo-Cotobade, gobernado por Jorge Cubela, alcalde con peso no partido, "actúa en beneficio da súa poboación"
"Enténdese que actúa en beneficio da súa poboación -atendendo precisamente a intereses xerais como a protección da saúde dos seus habitantes e dos valores ambientais a preservar dentro do seu termo municipal-". Quen así vén de pronunciarse é o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) nun auto no que admite a petición de suspensión cautelar dun parque eólico, denominado Dos Cotos, formulada polo Concello de Cerdedo-Cotobade, do PP, malia que o partido vén cargando contra ese órgano xudicial por paralizar diversos parques eólicos en toda Galicia mentres analiza a súa legalidade.
Na súa petición, aceptada polo tribunal, o Concello de Cerdedo-Cotobade, gobernado por Jorge Cubela, alcalde con peso no PP, alegou que o proxecto terá "risco para a poboación" e que debía ser primado o interese público da cidadanía que os "intereses privados da promotora" do parque. O Concello tamén emitiu declaracións institucionais contra outros parques eólicos no seu termo municipal.
Nos últimos meses o TSXG vén paralizando cautelarmente parques eólicos por toda Galicia (no seu último balance do 14 de maio ían 40 proxectos en 61 concellos) ante o risco de que o inicio das súas obras afecte de xeito irreparable ao medio ambiente ou a poboación mentres o propio tribunal analiza a legalidade dos permisos outorgados pola Xunta.
Estas decisións cautelares do TSXG, así como outras sentenzas que anularon parques eólicos xa de xeito firme, veñen sendo criticadas polo Goberno galego e a patronal, o que levou ao tribunal e á asociación Xuízas e Xuíces pola Democracia a pedir "respecto" pola xustiza. Porén, as críticas seguiron, e no caso do PPdeG especialmente contra un dos cinco xuíces que veñen asinando de xeito unánime os autos do TSXG, o ex-portavoz de En Marea Luís Villares.
Neste contexto, o Concello de Cerdedo-Cotobade vén de ver admitida polo TSXG a súa petición de suspensión cautelar do parque eólico Dos Cotos, impulsado por Tiraventos SL con seis aeroxeradores nas parroquias de Viascón, Carballedo, Rebordelo, Tenorio, Borela e Augasantas. O alcalde do municipio é Jorge Cubela, que era alcalde de Cotobade desde 2011 e seguiuno sendo desde 2019 de Cerdedo-Cotobade tras a fusión dos concellos. Licenciado en Dereito e experto en Dereito Público, non é un alcalde máis do PP senón que vén ocupando diversos postos de responsabilidade, sendo portavoz do partido na Deputación de Pontevedra ou membro da Xunta Directiva Nacional da formación.
A Xunta, como adoita facer nestas situacións, nin respondeu ao recurso administrativo contra a aprobación do parque que lle presentou o Concello, que acabou recorrendo á xustiza que agora acepta a súa petición cautelar
Tras a aprobación do parque eólico pola Xunta, o concello presentou un recurso administrativo que non foi nin respondido polo Goberno galego, silencio co que adoita contestar a todo tipo de reclamacións. Así que o Concello recorreu ao TSXG, acompañando o seu recurso con informes periciais que encargou.
O auto co que agora o tribunal lle dá a razón tivo como relatora á maxistrada María Dolores López López, e está subscrito por outros catro xuíces: Francisco Javier Cambón -presidente da sala-, Juan Carlos Fernández López, Luís Villares Naveira e María de los Ángeles Braña López. Nel recóllese como o Concello alegou que "o inicio das obras suporá a materialización de danos e prexuízos ambientais aos veciños de Cerdedo-Cotobade" e que ante unha valoración dos intereses en conflito debían "prevalecer, fronte aos intereses privados da promotora do parque, o constitucionalmente protexido de protección do medio ambiente, a paisaxe e o patrimonio cultural".
En concreto, o Concello alegou cinco grandes cuestións para solicitar a paralización do parque. O tribunal non entrou a analizar dúas delas para tomar a súa decisión cautelar, as alegacións municipais de que a Xunta incumprira trámites de audiencia na súa avaliación ambiental de que había unha posible fragmentación artificial de varios proxectos próximos para facilitara a súa autorización ambiental. Ambas cuestións serán analizadas polo TSXG cando analice o fondo da cuestión.
Porén, o tribunal si considerou que había indicios suficientes das outras tres grandes cuestións alegadas polo Concello como para paralizar cautelarmente o parque mentres analiza a súa legalidade.
O Concello alegou que hai 13 núcleos con 424 persoas vivindo a menos distancia da permitida legalmente para instalar os aeroxeradores, cuestión que non foi negada pola Xunta, segundo salienta o TSXG
A principal alegación do Concello foi que o parque incumpre a distancia mínima legal con respecto a núcleos habitados, establecida pola Xunta en cinco veces a altura de cada aeroxerador. Cada un dos seis aeroxeradores tería unha altura de 125 metros e pas de 75 metros, o que supón 200 metros de altura cada un, o que deixa nun quilómetro a distancia mínima a respectar. Porén, dentro dese perímetro hai 13 núcleos de poboación con 424 persoas. "Non cabe dúbida", di o TSXG, de que o Concello demostrou así "que a construción do parque si podería levar consigo efectos de difícil reversibilidade para as persoas que integran eses núcleos de poboación".
Ademais, engade o tribunal, a Xunta "non ofreceu proba contraditoria minimamente capaz de demostrar que se trata dun dato non certo" ou de que podería ser solventado con medidas paliativas.
O Concello tamén argumentou risco para a poboación pola afección ás traídas veciñais de augas xa que o estudo de impacto ambiental non analizou todas as captacións da zona. Segundo o recurso do Concello, hai 20 captacións en 500 metros arredor do parque outras 13 máis na contorna, e delas 17 non están identificadas por Augas de Galicia, polo que non puido avaliar o seu risco.
Finalmente, o Concello tamén argumentou a afección que o parque terá para a paisaxe, cun aeroxerador a cen metros dun miradoiro xa existente na zona.
O TSXG conclúe que o Concello acreditou un "risco concreto, singularizado" se a construción do parque vai adiante antes de que o propio tribunal analice a súa legalidade
O TSXG, como adoita facer neste tipo de autos, cita xurisprudencia do Tribunal Supremo para argumentar que a paralización cautelar dun proxecto débese á "simple posibilidade de que teña lugar ese dano irreparable ou de moi difícil reparación" aínda que conte con permiso ambiental da administración. Iso, lembra, "fai aconsellable a adopción da medida cautelar de suspensión da execución da actividade que pode producir ese risco, en tanto debe prevalecer o interese xeral en preservar eses espazos públicos sobre o particular da promotora en executar a obra inmediatamente, aínda existindo unha autorización que avalaría o seu dereito lexítimo a facelo".
E o que considera o tribunal é que o Concello de Cerdedo-Cotobade si acreditou en forma cando menos indiciaria un "risco concreto, singularizado" pola execución do parque eólico. Por iso acepta a súa petición de paralización cautelar e ademais non lle fixa o pagamento de ningunha fianza ou caución "porque se entende que actúa en beneficio da súa poboación".