De eficiencia, de competitividade, de produtividade... Alemaña é, hoxendía, referente para moitas cousas e para moitas economías. Un exemplo de austeridade. Son moitos os sectores económicos que botan man das contas públicas do país que dirixe Angela Merkel, especialmente en materia de déficit e custos laborais, para aprobar políticas e mesmo para elaborar contas públicas. Mais hai datos que non resultan tan mediáticos.
Foi en Bonn onde se puxo en marcha a primeira lei de primas ás enerxías limpas, coñecida como Stromeinspeisungsgesetz
Segundo os datos recompilados por Paul Gipe, un dos maiores expertos no sector enerxético a nivel mundial, máis da metade dos 50.000 megavatios de capacidade instalada de renovables está en mans dos propios cidadáns e labregos alemáns. Factor que outorga a este estrato de poboación poder de negociación e miles de millóns en investimentos e retribucións. A antigua sede do Bundestag, en Bonn, acollerá unhas xornadas que analizarán as potencialidades e o futuro do sector enerxético xermano.
Dáse a casualidade de que foi en Bonn onde se puxo en marcha a primeira lei de primas ás enerxías limpas, coñecida como Stromeinspeisungsgesetz. Esta norma foi "introducida por uns labregos bávaros frustrados ante a intransixencia da súa empresa eléctrica" á hora de conectar as súas pequenas plantas de xeneración á rede.
Unha "revolución" social
Foi o goberno conservador de Helmut Kohl, como explica Paul Gipe, o encargado de aprobar esta norma de primas ás renovables. "Rapidamente causou unha revolución na maneira de producir enerxía" en Alemaña. "Propagouse desde Bavaria á fronteira con Dinamarca", apunta nun estudio que vén de publicar e ao que tivo acceso Praza. Coa lei na man, os gandeiros, particulares e grupos comunitarios foron quen de "emular aos veciños daneses" mediante a instalación de aeroxeneradores de vento.
A enerxía que producían vendíase ás operadoras, con moita rendabilidade para os pequenos promotores. "Esta rebeldía, coñecida en Alemaña como Stromrebellen, empezou a espallarse rapidamente por todo o país, incluso na comunista Alemaña do Leste", continúa a análise de Gipe.
A consecuencia? Que a propiedade sobre a explotación eólica nunca puido ser asumida polas grandes firmas enerxéticas, como sucede en Galicia, onde o 80% dos parques eólicos están en mans dos "xigantes" da xeneración, en palabras de José Antonio Diéguez, de Ventonoso. En Alemaña, e con datos de 2010, esa porcentaxe de propiedade sobre os parques eólicos capta máis de 80.000 millóns de euros en investimento privado, dacordo cos datos oficiais. Como exemplo, cómpre destacar que os labregos alemáns teñen instalados 1.600 megavatios de plantas de biogás e outros 3.600 MW en instalacións fotovoltaicas, moita máis capacidade da que repartiu a Xunta no último concurso eólico.
A propiedade sobre a explotación eólica nunca puido ser asumida polas grandes firmas, como sucede en Galicia, onde o 80% dos parques eólicos están en mans dos "xigantes"
En todo Estados Unidos, e tamén en 2010, só había instalados 60 MW en plantas de biogás.
"Democratizar" o acceso á enerxía
"Os labregos alemáns e os promotores comunitarios non só están a democratizar a xeneración da enerxía renovable, senón que tamén sentan unhas bases" de prezos competitivos e ambiciosos na electricidade xenerada por eles mesmos, conclúe Gipe. "Debemos asegurarnos de que as comunidades locais se poidan beneficiar do desenvolvemento dos proxectos de enerxía renovable", vén de reivindicar o director xerente da Asociación Mundial de Enerxía Eólica (WWWE), Stefan Gsänger.
"Díxose que os labregos e os panadeiros, cun ton pexorativo, ían ser os donos do vento de Galicia"
Fronte a estes datos xorde a "indignación" nos colectivos agrarios galegos como Unións Agrarias. Desde esta central sindical lembran a "campaña de desprestixio" que houbo contra a oferta liderada por Feiraco, adxudicataria de megavatios no concurso eólico do bipartito. "Díxose que os labregos e os panadeiros, cun ton pexorativo, ían ser os donos do vento de Galicia", apuntan desde este sindicato agrario.
O novo procedemento enerxético está en perigo tras a decisión do Goberno central de suspender ata novo aviso as primas ás novas instalacións renovables. Diéguez, de Ventonoso, cre que esta nova situación provocará que, de novo, sexan as "grandes eléctricas as que se fagan coa potencia eólica sen ter que pasar pola Xunta, pagar o canon ou facer un plan industrial".