Os retos das comunidades de enerxías renovábeis en Galicia

Constitución da Asociación XERando. Comunidade de enerxías renovábeis de Xermade, o 19 de setembro © Cedida

35 socios, incluíndo veciños e veciñas de Xermade, o seu concello, a FEGAMP, a Comunidade de Montes de Lousada, e tres pequenas empresas, decidiron así lanzarse á aventura de facer funcionar un proxecto piloto de autoconsumo colectivo no ámbito do rural galego

1. O pasado día 19 de setembro celebrouse en Xermade a constitución da “Asociación XERando. Comunidade de enerxías renovábeis de Xermade”. 

Un total de 35 socios, incluíndo veciños e veciñas de Xermade, o seu concello, a FEGAMP, a Comunidade de Montes de Lousada, e tres pequenas empresas, decidiron así lanzarse á aventura de facer funcionar un proxecto piloto de autoconsumo colectivo no ámbito do rural galego, con todas as características que o acompañan: baixa poboación (1734 habitantes), avellentamento e devalo demográfico, amplo territorio agropecuario e forestal, e unha alta dispersión dos asentamentos.

O proxecto conta cunha subvención do INEGA (para a fase de planificación) e outra da Unión Europea (Interreg POCTEP 2021-2027), xestionada pola FEGAMP, para a fase de execución (instalación de produción fotovoltaica nun edificio municipal).

A alcaldesa de Vilalba, representante da FEGAMP, asesores legal e técnico do proxecto, alcalde e secretaria municipal de Xermade © Cedida

No actual boom eólico en marcha, está en tramitación a autorización dos Parque Eólicos Mistral (100 MW) e Roidiz (80 MW), tendo sido xa autorizado o Parque Santuario (180 MW). Estes proxectos van camiño de “Muradizar” (inzar un concello até a saturación eólica, como en Muras) o seu territorio

O extraordinario interese deste proxecto descansa en varias circunstancias.

2. Xermade caracterízase por ser un concello de transición xusta, cuxa poboación se beneficiou –até o seu recente desmantelamento– do traballo na central térmica de Endesa en As Pontes, e ao mesmo tempo os seus montes padeceron a instalación de varios polígonos de enerxía eólica (o experimental de Sotavento). Estamos perante unha poboación activa, cun alto capital social acumulado ao longo dos anos. 

No actual boom eólico en marcha, está en tramitación a autorización dos Parque Eólicos Mistral (100 MW) e Roidiz (80 MW), tendo sido xa autorizado o Parque Santuario (180 MW). Estes proxectos van camiño de “Muradizar” (inzar un concello até a saturación eólica, como en Muras) o seu territorio.

A creación dunha comunidade de enerxías renovables permítenos esculcar con claridade unha alternativa viable de transición enerxética renovable moi distinta da que padecemos en Galicia desde hai 30 anos

Neste contexto, a creación dunha comunidade de enerxías renovables permítenos esculcar con claridade unha alternativa viable de transición enerxética renovable moi distinta da que padecemos en Galicia desde hai 30 anos. 

Unha alternativa que supón, en moitos aspectos, un cambio de paradigma desde o noso capitalismo enerxético de silveira cara un novo paradigma postcapitalista e decrecentista do prosumo de enerxía (produción + consumo) que está ainda dando os seus primeiros pasos.

Previsión de instalación de aeroxeradores do Parque Santuario © Cedida

Estas comunidades permiten empoderar á cidadanía na produción e consumo de enerxía renovable; producir beneficios económicos, sociais e ambientais para esa cidadanía; multiplicar a xeración de enerxía renovable no territorio mediante instalacións máis espalladas pero máis achegadas ao entorno habitado

3. O autoconsumo colectivo de enerxías renovábeis converteuse unha clara aposta da Unión Europea a partir da incorporación desta aos Acordo de París do ano 2015. 

O denominado “Paquete de Inverno” de 2016 supuxo a incorporación ás Directivas de enerxías renovábeis (2018/2001) e de mercado interior da electricidade (2019/944) das figuras das comunidades de enerxías renovábeis (CER) e as comunidades cidadás de enerxía (CCE). 

Estas comunidade permiten concretar o logro de catro grandes obxectivos: a) empoderar á cidadanía na produción e consumo de enerxía renovable; b) producir beneficios económicos, sociais e ambientais para esa cidadanía; c) acelerar o ritmo de descarbonización do noso consumo enerxético; d) multiplicar a xeración de enerxía renovable no territorio, mediante instalacións humanizadas, máis espalladas pero máis achegadas ao entorno habitado, e por iso mellor asentadas no territorio en termos de sustentabilidade ambiental.

Estes catro grandes obxectivos camiñan no sentido contrario ao modelo galego de produción de enerxía renovable mediante tecnoloxía eólica, asentado no noso país desde os anos noventa sobre dous grandes trazos: a) demandar unha alta inversión de capital, inalcanzable para o común da cidadanía e, en consecuencia, destinada a beneficiar aos grandes capitais, tanto galegos como foráneos; b) concentrar unha intensa explotación extractiva de territorio virxe mediante instalacións enerxéticas de tamaño industrial crecente que se someten a un entorno legal moi liberalizado.

A falta de entorno regulatorio axeitado e oportunidades de financiamento público, unidas á indiferenza política da Xunta de Galicia e da maior parte das entidades locais, son as que caracterizan o difícil e incerto proceso de creación de CER en Galicia 

4. O proceso de creación de CER e CCE en España caracterízase por dúas circunstancias. 

A primeira, é a falta de desenvolvemento dun entorno legal adaptado ás súas peculiares características. 

Ainda que a nosa regulación do autoconsumo individual e colectivo, con excedentes ou sen excedentes, se alinea xa coa Unión Europea (Real Decreto 244/2019), apenas no 2020 e 2023, respectivamente, se traspoñen ambas figuras á Lei do Sector Eléctrico, mais sen un desenvolvemento estatal básico, ainda pendente. Os lexisladores autonómicos máis conscientes (Euskadi, Valencia, Aragón, Catalunya) avanzaron xa leis que tratan de cubrir esta baleiro, dotando de máis seguridade xurídica ao proceso de creación de CER e CCE, que seguen a ser extraños “obxectos voadores non identificados” (OVNIs) para a maior parte dos operadores xurídicos locais e autonómicos. 

Por suposto, o lexislador galego “esquécese” destas cousas. Non é un acidente. Ao contrario. O Partido Popular de Galicia funciona extraordinariamente ben como comité de negocios do grande capital. É significativo que apenas se incorpore unha regulación do autoconsumo colectivo no ámbito das áreas empresariais na Lei de promoción dos beneficios económicos e sociais dos proxectos que utilicen recursos naturais de Galicia (o enésimo intento regulatorio do Partido Popular de Galicia para doblegar a resistencia da cidadanía fronte aos grandes proxectos industriais extractivos de territorio), a piques de aprobarse no Parlamento Galego. Outro dato significativo: as CER e as CCE nin se mencionan nese lamentable documento que é a Estratexia galega de cambio climático e enerxía 2050.

A segunda circunstancia é a canalización crecente de axudas e subvencións cara a creación de CER e CCE, mediante convocatorias do IDAE (CE-Implementa e CE-Oficinas) e do INEGA, que aplican fondos Next Generation como consecuencia das previsións do Plan Nacional Integrado de Enerxía e Clima 2021-2030 e o Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do 2021. Axudas que, pola complexidade dos seus trámites, non son doadas de manexar nin mesmo por xestores públicos.

Curso de formación sobre comunidades enerxéticas rurais, organizado en Ponteareas por Xavier Simón, en colaboración co GDR Terra e Auga © Cedida

O proceso de constitución e posta en funcionamento non é todo o doado que debería, polo que é preciso un esforzo de comprensión por parte de todos os actores indicados para ir despexando o camiño

5. Ambas as dúas circunstancias mencionadas (falta de entorno regulatorio axeitado + oportunidades de financiamento público), unidas á indiferenza política da Xunta de Galicia e da maior parte das entidades locais, son as que caracterizan o difícil e incerto proceso de creación de CER en Galicia. 

Hai xa máis de trinta CER inscritas no Rexistro galego de Asociacións, e apenas unha CCE, a creada polo concello de Arteixo en febreiro do ano 2022 con forma de cooperativa. Entre as CER, destacan os pioneiros casos de Renovables de Liñares, Sociedade Coperativa Galega, no concello das Neves, a Asociación Arousa en Transición, ou a Asociación Begonte Genera. 

Contodo, o proceso de constitución e posta en funcionamento non é todo o doado que debería, polo que é preciso un esforzo de comprensión por parte de todos os actores indicados para ir despexando o camiño. O Observatorio Eólico de Galicia, dirixido polo profesor Xavier Simón, e a Cátedra de Dereito Local UDC-Deputación da Coruña, estamos empeñados nesta tarefa.

As comunidades enerxéticas abren un amplo campo transformador para o activismo ecoloxista e cidadanista; un campo no que, para alén da lexítima e necesaria loita contra os muíños de vento, devén prioritario aproveitar a autosatisfación das necesidades enerxéticas máis básicas para restituir o tecido social das nosas aldeas e dos nosos barrios: velaí o desafío dun comunismo enerxético para o século XXI

Os retos por diante son moitos, e importantes: en Galicia, este tipo de comunidades contan coa ventaxa dunha tradición de costumes en común (desde as comunidades de montes ou de regantes, até as comisións de festas parroquiais) que hai que saber adaptar ás actuais necesidades; mais poden ser tamén doadamente capturadas polas empresas que operan neste sector. 

En definitiva, as comunidades enerxéticas abren un amplo campo transformador para o activismo ecoloxista e cidadanista; un campo no que, para alén da lexítima e necesaria loita contra os muíños de vento, devén prioritario aproveitar a autosatisfación das necesidades enerxéticas máis básicas para restituir o tecido social das nosas aldeas e dos nosos barrios: velaí o desafío dun comunismo enerxético para o século XXI.


San Lourenzo de Meixigo, 22 de setembro do 2024

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.