Malia o sobrecusto de 470 millóns certificado polo Consello de Contas o presidente da Xunta dise "orgulloso" de formar parte do Goberno que decidiu construílo cunha concesión
Xusto medio ano despois de que o Consello de Contas certificase un sobrecusto de 470 millóns de euros na construción hai unha década do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo a través dunha concesión, este martes o PP aprobou de xeito definitivo no Parlamento as conclusións da comisión de investigación aberta ao respecto a iniciativa do BNG. A maioría absoluta popular impuxo que non houbo ningunha irregularidade e ao tempo atribuíu a BNG e PSdeG os comportamentos irregulares que se atribuían inicialmente ao PP.
Nesa liña de replicar atacando incidiu este mércores o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, na sesión de control ao Goberno galego. A portavoz do BNG, Ana Pontón, centrou no hospital de Vigo a súa intervención, reclamando á Xunta que rescate a concesión do centro e o faga completamente público. A resposta que obtivo de Rueda foi preguntarse se o "modelo" que propón o BNG é "a sanidade venezolana".
Pontón tamén fixo referencia á manifestación celebrada o 16 de xaneiro en Vigo en demanda dunha mellor sanidade pública, á que Rueda replicou que foron máis as persoas que non se manifestaron que as que si o fixeron, lembrando novamente que o PP gañou as eleccións autonómicas do pasado ano. Ante esa afirmación, Pontón salientou que non foi así en Vigo, onde o BNG foi a formación máis votada neses comicios.
Pero Rueda aínda tivo marxe para replicar que iso non ocorreu no resto de concellos desa área metropolitana. Pontón, en todo caso, concluíu que "os votos danlles a responsabilidade de gobernar, pero non lles dan a razón".
Besteiro criticou que a economía galega "medra menos que o resto de España" pero que "en desigualdades Galicia medra máis"
Pola súa banda, na sesión de control deste mércores o portavoz do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, centrou a súa pregunta nas políticas da Xunta contra as desigualdades. O socialista salientou que en materia económica "Galicia medra menos que o resto de España" e que "en desigualdades Galicia medra máis". A resposta de Rueda foi atribuír políticas desiguais ao Goberno de España, ao que acusou de tratar peor a Galicia que a outras comunidades.