O PP conclúe a investigación só: nin sobrecusto no Cunqueiro nin familiares beneficiados con contratos

Sesión da comisión de investigación sobre os contratos e fragmentos das conclusións redactadas polo PP CC-BY-NC-SA Praza.gal

O PP abordou a comisión de investigación forzada polo BNG para pescudar nos contratos de emerxencia da Xunta durante a pandemia da COVID-19 e mais no custo adicional de 470 millóns de euros no hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo detectado polo Consello de Contas con dúas intencións. A primeira, acelerala o máis posible. A segunda, procurar virar as sospeitas contra a oposición, especialmente cara ao Bloque.

Os populares culminan a súa vontade de acelerar a investigación dos contratos da Xunta e virala contra a oposición aprobando en solitario un documento de conclusións das pescudas

As propias normas regulamentarias que permiten a un grupo da oposición con tantos escanos como ten actualmente o BNG abrir automaticamente unha investigación por lexislatura con independencia da postura do resto de grupos manteñen o control da pescuda en mans de quen ostente a maioría absoluta, neste caso o PP. Esa maioría permitiu aos conservadores impoñer o plan de traballo -listas de comparecentes e documentación-, os seus ritmos e agora, tamén un documento de conclusións que, en síntese, vén afirmar que no proxecto do Cunqueiro non existiu sobrecusto ningún e que ningún contrato dos gobernos de Alberto Núñez Feijóo e Alfonso Rueda beneficiou á mantenta familiares de dirixentes populares.

Destaques do documento de conclusión da comisión de investigación sobre os contratos da Xunta redactado polo PP CC-BY-NC-SA Praza.gal

Tras o remate da acelerada fase de comparecencias -case unha trintena de intervencións en nove xornadas-, os representantes do PP na comisión redactaron coa mesma celeridade un documento de conclusións ao que deron o seu visto e prace este pasado 16 de decembro entre reproches aos deputados de BNG e PSdeG por non o asinaren. Son 86 páxinas ás que tivo acceso Praza.gal que combinan aplausos á xestión da Xunta en todos os aspectos abordados con reproches e insinuacións a respecto dos grupos da esquerda.

"A alternativa a licitación separada da obra e dos servizos daría resultados similares a un menor custo, o que en ningún caso é un sobrecusto"

Así, a respecto do novo hospital de Vigo, o que a comisión de investigación dirá oficialmente ao aprobalo o PP será que "non se incorreu en ningún sobrecusto na construción" e que "o Consello de Contas nunca dixo que existise sobrecusto" nun informe no que "as únicas referencias ao sobrecusto son para evidenciar que nons e produciu". "O que di -abondan- é que a alternativa da licitación separada da obra por un lado e dos servizos por outra daría resultados similares a un menor custo, o que en ningún caso é un sobrecusto".

O informe ao que se refire o documento de conclusións do PP, en efecto, explica que a alternativa non elixida suporía un "menor custo" e tamén que a elixida o foi "sen unha análise comparativa previa en termos de eficiencia e eficacia con respecto a unha adxudicación de contrato público tradicional". Esta, defenden os populares, é unha "comparación teórica" nun contexto no que a crise económica "extrema" e as restricións orzamentarias facían da "colaboración público-privada" a "única opción viable", porque a "a única alternativa" sería "non facer" o hospital.

Coa cuestión do custo do Cunqueiro e o seu modelo público-privada ventilada entre eloxios á xestión do Goberno de Feijóo, as conclusión do PP abordan as diferentes vertentes da contratación cuestionadas polo BNG ao abrir a investigación. Sobre esta cuestión poñen o foco en que "a contratación da Xunta se realiza cumprindo minuciosamente o procedemento previsto na normativa". E "non pode cuestionarse" porque é tanto como poñer en cuestión a "legalidade e lexitimidade do persoal empregado público" nas mesas de contratación.

"Non se conclúe que existise relación causa-efecto entre a facturación da empresa" na que a irmá de Feijóo é ostenta un alto cargo "e a identidade dos distintos cargos directivos", sostén o documento aprobado polo PP

Nesta liña, tamén ven acreditado "que os importes de adxudicación por lexislatura e anos a Eulen", grupo empresarial no que desempeña un alto Micaela Núñez, irmá de Alberto Núñez Feijóo, "non presentan especial diferenza" nos anos de goberno do PP e no período do Goberno de coalición PSdeG-BNG. E en calquera caso, resaltan, "non se conclúe que existise relación causa-efecto entre a facturación da empresa e a identidade dos distintos cargos directivos".

Conclusións semellantes achegan para o relativo aos contratos de emerxencia da COVID e as adxudicacións a empresas que o Bloque e tamén o PSdeG ligaban á contorna familiar e Feijóo. "Quedou acreditado que (...) non hai nin unha soa acusación de que ningún cargo do Goberno autonómico se enriquecese con contratos públicos de material sanitario, como hai indicios serios de que si ocorreu noutras institucións e gobernos", escriben. Neste sentido, salientan que os informes do Consello de Contas só detectaron "incidencias basicamente de carácter formal" nesas contratacións urxentes.

Reproches e insinuacións sobre BNG e PSdeG

Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, durante a votación para escoller a Mesa da comisión de investigación dos contratos da Xunta, o pasado outubro CC-BY-NC-SA BNG

O PP tamén emprega o documento de conclusións redactado en solitario para plasmar diversos reproches e insinuación sobre nacionalistas e socialistas. Así, por exemplo, o Parlamento concluirá oficialmente que "as diferentes etapas da comisión de investigación (...) deixaron en evidencia a diferente vara de medir do BNG e tamén do PSdeG respecto aos procedementos de contratación" pola vía dos contratos menores -contratos que, polo seu importe, a lei permite adxudicar sen concurso-: "deféndena cando exercen responsabilidades de Goberno e tratan de demonizala cando desenvolven labores de oposición", afirman.

Os conservadores plasman no documento insinuacións sobre "algún familiar ou persoa do entorno directo de Ana Pontón" e no mesmo xustifican o veto a comparecencias de familiares de Feijóo porque "buscaban criminalizar a particulares alleos á política"

Alén disto, e na liña que veñen sostendo en público e en privado dende hai meses diversos dirixentes do partido que sustenta o Goberno, o documento de conclusións inclúe tamén insinuacións a respecto da líder do BNG, Ana Pontón. Neste caso fano para afirmar que o Bloque non accedeu a pactar listas de comparecentes na comisión "de forma definitiva" cando "foi incapaz de responder á pregunta de se algún familiar ou persoa do entorno directo de Ana Pontón tivera contratos menores con algunha administración pública gobernada polo BNG". "Acentuou a súa postura vitimista" no que, afirma o escrito, é "impostura en estado puro".

Estas insinuacións multiplícanse na contorna dos populares dende practicamente o inicio da lexislatura, mesmo para soster que, a través delas, teñen asegurado que o BNG non os acuse formalmente de irregularidade ningunha. Agora trasládanas a un documento oficial no que tamén xustifican o seu bloqueo a comparecencias como a de Alberto Núñez Feijóo e tamén a  dalgúns dos seus famliares: "Buscaban criminalizar a particulares alleos á política", defenden.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.