Tras 28 comparecencias en 9 xornadas e apenas un mes despois do inicio dos traballos, o PP acelera para concluílos pola vía rápida tentando virala dos contratos da Xunta na pandemia e o sobrecusto do Cunqueiro a sospeitas sobre BNG, PSdeG e o Goberno de España
O pasado 22 de novembro principiou a fase de comparecencias na comisión de investigación forzada polo BNG para pescudar nos contratos de emerxencia da Xunta durante a pandemia da COVID-19 e mais no sobrecusto de 470 millóns de euros certificado polo Consello de Contas no modelo público-privado co que o Goberno galego ergueu o novo hospital de Vigo. Foron un total de 28 intervencións repartidas en 9 xornadas que finalizaron co chamamento do PP a Rubén Cela e Alberte Souto, que de 2005 a 2009 exerceran polo Bloque como director xeral de Xuventude e secretario xeral da Consellería de Medio Rural, respectivamente, no Goberno galego de coalición.
Apenas un mes despois do inicio práctico dos traballos, o Grupo Popular pisa o acelerador para ventilalos de vez e culminar a estratexia coa que abordou unha comisión que, en virtude do Regulamento parlamentario, non puido evitar pero si controlar apoiándose na maioría absoluta revalidada nas eleccións do pasado febreiro. Esa estratexia pasou, esencialmente, por tentar virar as sospeitas de ilegalidades ou comportamentos alleos á ética na contratación pública contra o BNG pero tamén contra o PSdeG e o PSOE e, asemade, que todo o proceso rematase o máis rápido posible.
O primeiro dos obxectivos, inverter a comisión contra a esquerda, procurárono citando antigos cargos do Executivo de PSdeG como Cela e Souto, mais tamén as ex-conselleiras socialistas María José Caride e María José Rubio. No caso dos antigos cargos nacionalistas, os conservadores procuraron facer ver que incorreran nas prácticas que a formación liderada por Ana Pontón achaca ao PPdeG nos contratos de emerxencia, tales como beneficiar "empresas amigas" a través de contratos na Xunta ou en diversos concellos.
"Antes de ser político hai que ser boa persoa", reflexionou Rubén Cela (BNG) ante as acusacións do PP na sesión final de comparecencias, durante as que os conservadores tamén insistiron en que o PSdeG impulsaría o hospital de Vigo pola vía público-privada
Neste sentido, mesmo atribuíron a través do deputado Roberto Rodríguez a saída de Rubén Cela da Executiva do BNG na última Asemblea Nacional a un suposto intento de tender un cortalumes para afastar irregularidades da figura de Pontón malia non ser certo -Cela deixa de ser parte da dirección da formación por motivos laborais-. "Non vale todo, hai que ser un pouco persoa na vida", reflexionou o nacionalista, que recomendou a Rodríguez seguir un consello que el mesmo recibiu da súa nai: "Antes de ser bo político hai que ser boa persoa".
No caso das antigas conselleiras de Política Territorial e Sanidade do PSdeG, as acusacións centráronse no hospital de Vigo. Fundamentalmente, para procurar facer ver que, en realidade, o Executivo da esquerda tamén acabaría optando por construír e poñer en marcha o Álvaro Cunqueiro a través dunha fórmula público-privada.
Fronte á presenza de antigos cargos nacionalistas e socialistas, que non ocultaron a súa contrariedade e -especialmente Cela e Souto- subliñaron a nula conexión entre os seus períodos de xestión e os asuntos analizados na comisión, polo Pazo do Hórreo non tiveron que pasar o groso dos nomes máis relevantes que solicitaran tanto BNG como PSdeG. As comparecencias de familiares de Alberto Núñez Feijóo con cargos en empresas adxudicatarias da Xunta ou de diversos empresarios foron bloqueadas polos populares, que tamén ratificaron a negativa a que acudise o ex-presidente e actual líder estatal do PP.
O BNG xa decidiu ir ao Constitucional e o PSdeG valora acudir á Xustiza mentres os populares deixar caer acusacións sobre a contorna familiar de Pontón
Si que accederon a que comparecese o seu sucesor, o actual presidente Alfonso Rueda, quen puxo o foco en defender a plena legalidade de todos os contratos da Xunta e, ao tempo, en sinalar supostas ilegalidades e sospeitas de corrupción no Goberno de España. Ao tempo e durante semanas, tanto Rueda como outros cargos dos conservadores deixaron caer acusacións veladas sobre a contorna familiar de Ana Pontón, trasladando a declaracións públicas as insinuacións que cargos do PPdeG sosteñen dende hai tempo en privado sobre a posibilidade de acusala de beneficiar persoas próximas con adxudicacións menores en concellos do BNG. Este venres o voceiro dos populares, Alberto Pazos, foi un paso alén para recuperar contra Pontón un termo noutrora empregado contra o PSdeG: "trama".
Con todos estes acontecementos sucedendo a alta velocidade, o PP procura agora solventar de vez a cuestión redactando pola vía rápida as conclusións da comisión. Mesmo, aseguraban BNG e PSdeG este venres, "lembrándolles" a convocatoria dunha xuntanza para principiar a redacción do documento sen convocala previamente. Nestas circunstancias, o Bloque xa decidiu acudir ao Tribunal Constitucional para reclamar que invalide os "vetos do PP á comisión que investiga os seus chanchullos" e o PSdeG asegura non desbotar tamén continuar pola vía dos tribunais.
Ao cabo, o BNG logrou nestas últimas semanas un certo foco sobre as contratacións que ve como irregulares ou prexudiciais para o erario galego. E o PP constatou que o 18F lle outorgou catro anos máis de pleno control.