Máis de medio cento de persoas encabezadas polo actual presidente da Xunta e o seu antecesor. É a nómina de comparecentes que o PSdeG reclama para a comisión de investigación que, aberta a instancias do BNG -único grupo da oposición que cumpre o requisito regulamentario de escnaos para poder facelo- procurará pescudar nas adxudicacións de emerxencia da Xunta durante a pandemia e mais no sobrecusto do hospital de Vigo.
Sen perder de vista que o PP ten o o control da comisión e que dos seus votos depende o plan de traballo que finalmente saia adiante, os socialistas formularon este luns unha ampla lista con nomes que xa avanzaran. Pero tamén con outros entre os que destacan os de abondosos empresarios e, canda eles, o da secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, e o seu marido.
Ao home de Prado, Francisco Antonio Otero, o PSdeG quere citalo "polo volume de contratación coa Administración" da empresa da que é socio, Allwork Vestuario Laboral. Á número dous do PPdeG, para cuestionala se a súa relación familiar está vencellada nese incremento de encargas da Xunta.
Os socialistas, que apostan por subliñar a investigación galega tamén no ámbito estatal, piden que dean contas na Cámara a irmá e o cuñado de Feijóo "polo volume de contratación" da Xunta coas súas empresas
Nese apartado, o dos contratos, o PSdeG pide chamar tamén á irmá de Alberto Núñez Feijóo, Micaela Núñez, pola súa condición de "directora de Eulen para o noroeste de España e apoderada de Eulen Seguridad, polo seu volume de contratación coa Administración". Xunto a ela, outros dous familiares do ex-titular da Xunta: a súa curmá Eloína Núñez, polo "volume de contratación con Eulen" da área sanitaria de Santiago nos anos en que a dirixiu como xerente; e Ignacio Pío Cárdenas, cuñado de Feijóo e director comercial do grupo empresarial ao que a Xunta encomendou os servizos de rastrexo de contactos da COVID ata que asinou o primeiro contrato estable para o servzio, 20 meses despois do primeiro caso detectado en Galicia.
Empresarios, familiares de cargos do PP e dos seus gobernos... Pero os socialistas tamén piden que pasen pola comisión de investigación cargos do Goberno de coalición que compartiron co BNG entre 2005 e 2009. Fano, concretamente, para o apartado da comisión que pescudará no sobrecusto do hospital de Vigo.
Así, chaman os máximos responsables da consellería de Sanidade do Goberno de Emilio Pérez Touriño, a ex-conselleira María José Rubio e o ex-secretario xeral do Sergas Cayetano Rodríguez para, xunto ao que fora conselleiro socialista de Economía, José Ramón Fernández Antonio, explicaren por que optaban por un modelo de financiamento para o hospital que non era o da colaboración público-privada que acabou aprobando o PP. Canda eles, pedirán que a continuación falen tamén os responsables sanitarios dos Executivos do PP.
Besteiro reclama chegar "ás últimas consecuencias" e cre que "ninguén entendería que Feijóo se negase a comparecer", porque sería evitar en Galicia "o que reclama todos os días en España"
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, encadra estas e as demais peticións de comparecencias na súa intención de contribuíren a que a investigación chegue "ata as últimas consecuencias". Nese sentido, o líder socialista coida que "ninguén entendería que Feijóo se negase a comparecer" ou, o que é o mesmo, que evitase facer en Galicia "o que reclama todos os días en España". En calquera caso, agrega Besteiro, "estaremos moi atentos por se o PP tenta bloquear, torpedear ou obstaculizar o funcionamento da comisión.
A reclamación de Besteiro foi paralela á exposición na sede federal do PSOE da listaxe de comparecencias reclamadas polo PSdeG en Galicia. A voceira do partido, Esther Peña, aproveitou a súa comparecencia ante a prensa para subliñar estas reclamacións, evidenciando así a vontade da dirección que encabeza Pedro Sánchez por situar a investigación galega na axenda estatal para confrontar co PP de Feijóo e Ayuso.