O BNG chama familiares de Feijóo e a parella de Ayuso á investigación dos contratos da Xunta

Ana Pontón, este luns en conferencia de prensa no Parlamento CC-BY-NC-SA BNG

Pontón encadra as peticións de comparecencia formuladas polo Bloque na intención de indagar nos "contratos a dedo a empresas amigas do PP" e mais no impacto en Galicia da "trama de comisións nos contratos realizados durante a pandemia"

A comisión de investigación forzada polo BNG para indagar nos adxudicacións de emerxencia da Xunta durante a pandemia e mais no sobrecusto do hospital de Vigo certificado polo Consello de Contas está en marcha. As propias normas parlamentarias que dan marxe para creala permiten tamén ao PP tela baixo control, mando que comezou a exercer situando a súa deputada Elena Candia como presidenta. Pero esta circunstancia non impide, así e todo, que o Bloque dirixa o foco político cara aos asuntos que o motivaron a creala.

Tras a constitución da propia comisión, os grupos están actualmente inmersos nos pasos que determinarán o seu alcance. É o que quedará estipulado no denominado plan de traballo que, como todas as demais decisións, dependerá o que determinen os votos do PP. No improbable caso de que os populares admitisen o plan formulado polo Bloque, estarían chamadas a comparecer en torno a medio cento de persoas. Entre elas, o actual presidente da Xunta e o seu antecesor, así como varios familiares de Alberto Núñez Feijóo que, defenden os nacionalistas, se beneficiaron desa condición para contratar co Goberno galego.

Ana Pontón explica o plan de traballo formulado polo BNG para a comisión de investigación CC BY-NC-SA BNG

Os nomes de Alfonso Rueda e mais Feijóo destacan na lista de comparecentes bosquexada este luns ante a prensa pola portavoz nacional do BNG, quen subliñou que a intención de "ir ata as últimas consecuencias" nas pescudas é a que leva tamén a formación a citar a irmá e ao cuñado do anterior presidente. A Micaela Núñez, sinala Ana Pontón, queren cuestionala polos "4,9 millóns a través de 1.311 contratos a dedos" que recibiu da Xunta a empresa Eulen, na que é Executiva. A Ignacio Cárdenas, pola facturación de "15,2 millóns á Xunta" por parte da empresa Universal Support, da que é directivo e que prestou servizos de rastrexo de contactos de pacientes COVID ao Sergas.

Para falaren do sobrecusto do hospital de Vigo certificado por Contas o Bloque reclama que comparezan as catro conselleiras e conselleiros de Sanidade que exerceron con Feijóo: Farjas, Mosquera, Almuíña e Comesaña

Trátase, defende Pontón, de indagar nos "contratos a dedo a empresas amigas do PP" e mais na "trama de comisións nos contratos realizados durante a pandemia". Nesta vertente encadran a súa aposta por que compareza ante o Parlamento o empresario Alberto González Amador, parella de Isabel Díaz Ayuso, presidenta da Comunidad de Madrid.

Subliña a líder do Bloque que, segundo as informacións adiantadas polo xornal elDiario.es, na orixe da "fraude fiscal de 350.000 euros confesada pola parella de Ayuso" estivo "o cobro de 2 millóns en comisións por mediar na venda de material sanitario" na pandemia da empresa catalá FCS Select Products a, entre outras, a galega Mape Asesores, que foi unha das principais fornecedoras da Xunta. Nesta liña, pedirán tamén que acuda á Cámara o presidente de Mape, Gumersindo Cachafeiro, "que cualificou de estafa o cobro de comisións" por González Amador.

Estes son algúns dos nomes máis destacados nas solicitudes do BNG nunha comisión na que, para o referido ao sobrecusto do hospital de Vigo, a formación soberanista reclama citar os catro conselleiros e conselleiras de Sanidade que "tiveron relación coa construción privada do centro": Pilar Farjas, Rocío Mosquera, Jesús Vázquez Almuíña e Julio García Comesaña, no caso deste último tamén por ser antes xerente da área sanitaria viguesa.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.