A investigación activada polo BNG centrarase no sobrecusto do hospital de Vigo certificado polo Consello de Contas, nos contratos da Xunta con Eulen e nas adxudicacións de emerxencia na COVID
"Esta vez o final non o vai escribir o PP". Ana Pontón acudiu este pasado luns ao Parlamento coa convicción de que a maioría absoluta dos populares ía vetar a comisión promovida polo BNG para investigar "o sobrecusto de 470 millóns de euros na contratación polo sistema de concesión da construción e xestión do Hospital Álvaro Cunqueiro, a contratación co grupo EULEN entre 2009 e 2023 e os vínculos familiares desta empresa" con Alberto Núñez Feijóo e mais os contratos de emerxencia da Xunta durante os dous primeiros anos da pandemia da COVID.
Pero Pontón tamén foi ao pleno despois de que o Bloque xa tomase a decisión de "usar a forza dos votos que nos deron 25 escanos para investigar os contratos". "Digan o que digan hoxe, haberá comisión de investigación".
A formación soberanista disponse a activar o recurso do Regulamento da Cámara galega que permite abrir, unha vez por lexislatura, unha destas pescudas políticas aínda que a maioría absoluta de deputados se opoña. Logra así virar os focos cara ás dúbidas sobre unhas contratacións dos Gobernos do PP de Feijóo e Rueda que nos últimos meses volveron á actualidade por diversas razóns. Dende o recente informe do Consello de Contas que certificou o sobrecusto no Cunqueiro ata avatares da actualidade estatal coma o denominado caso Koldo, a presunta fraude fiscal da parella de Isabel Díaz Ayuso ou as esixencias de Feijóo a Pedro Sánchez sobre o que pode ou non facer a familia dun presidente.
Os 25 escanos logrados en febreiro permiten ao Bloque utilizar un mecanismo parlamentario sobre o que o PP conserva grandes resortes: comparecentes, documentación e conclusións dependen do que vote a maioría absoluta
Ese mecanismo está inserido no artigo 52 do Regulamento do Parlamento dende 2015. A partir dunha proposta do PSdeG que era moito máis ambiciosa -e tamén moito máis semellante ao que pedía Feijóo dende a oposición, cando esixía dúas comisións automáticas para cadra grupo por lexislatura-, o PP aceptou que se poida "crear de xeito automático o unha única comisión de investigación por lexislatura" se o piden "un terzo dos deputados e das deputadas" dun mesmo grupo ou "as dúas quintas partes" do hemiciclo (30 escanos).
O BNG é, grazas ao resultado electoral obtido o pasado febreiro, o primeiro grupo parlamentario diferente do PP que, dende o PSdeG de Emilio Pérez Touriño (2005 e 2009) chega aos 25 escanos. Esa representación permítelle activar a devandita comisión, un movemento político de impacto ante o que, non obstante, os populares conservan relevantísimos resortes de control.
Non en van, a reforma de 2015 deixa claro que, unha vez creada, a comisión de investigación funciona como calquera outra aprobada por vías ordinarias. Así, o plan de traballo -comparecentes e documentación solicitada- e as conclusións estarán condicionadas polo que vote a maioría absoluta do Parlamento. Así o evidenciou este martes o voceiro parlamentario dos conservadores, Alberto Pazos, mesmo insinuando que poderían impoñer conclusións prexudiciais para os intereses do Bloque.
Un único antecedente con boicot do PP
En Marea, PSdeG e BNG abriron en 2018 unha investigación sobre os recortes sanitarios que os populares boicotearon, pero que logrou notable eco
O BNG é, así, o primeiro grupo con representación dabondo como para empregar en solitario este recurso parlamentario do que, ata o momento, hai un único antecedente. En 2018, os daquela tres grupos da oposición (En Marea, PSdeG e Bloque) uniron os seus votos para crear unha comisión de investigación sobre a morte dun paciente no PAC da Estrada por falta de persoal médico e, en xeral, sobre os efectos dos recortes no orzamento sanitario durante a gran recesión.
Aquela comisión botou a andar e logrou o primeiro dos seus obxectivos, condicionando a dinámica do Parlamento e concitando un notable interese mediático. Non obstante, tamén acreditou como o PP exercía a capacidade de poñer os marcos que lle outorgaba, como agora, a maioría absoluta: a esquerda pactou unha lista de 200 comparecentes que deu en rebaixar a 80 e os populares vetáronos todo agás 20.
Estes e outros movementos do PP levaran a En Marea, PSdeG e BNG a consideraren que os conservadores baleiraran a comisión de contido e a decidiren organizar unha rolda alternativa de comparecencias con persoas vetadas polo PP. Esas sesións celebráranse e obtiveran relativo eco mentres a comisión orixinal ficaba parada e acaba morrendo coa lexislatura sen que nunca fosen redactadas as súas conclusións.