Os grupos tentan adaptar aos seus intereses as pescudas políticas polo denominado caso Koldo, a presunta trama de comisións na venta de material sanitario pola que foi detido un asesor do ex-ministro Ábalos, que se nega a dimitir como deputado
Desde que o pasado mércores foi detido Koldo García, que foi asesor do ex-ministro de Transportes e ex-secretario de Organización do PSOE José Luis Ábalos, non paran de medrar as derivadas da presunta trama de comisións ilegais na compra de material sanitario durante a pandemia da COVID-19 por parte de varias administracións. Os socialistas reclamaron a dimisión como deputado de Ábalos, que se nega e este martes anunciou que deixará o grupo socialista para pasar ao Grupo Mixto e defender a súa inocencia desde o escano. Ao tempo, PP e PSOE ameázanse coa creación de comisións de investigación no Senado ou no Congreso, cámaras nas que teñen respectivamente maior representación.
Neste contexto este martes o deputado do BNG no Congreso, Nestor Rego, reclamou que nesa cámara sexan investigadas tamén as contratacións de material por parte da Xunta no comezo da pandemian, con Alberto Núñez Feijóo como presidente.
Tras estourar o xa coñecido como caso Koldo os populares veñen elevando progresivamente o nivel das súas esixencias de responsabilidades políticas para apuntar directamente ao presidente Pedro Sánchez. Nesa liña, queren crear unha comisión de investigación política no Senado, cámara que controlan, que se centre na compra de material por parte da administración central.
Pola contra, os socialistas lembran que hai agora dous anos o investigado por feitos similares foi o irmán da presidenta da Comunidad de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, un caso que acabou coa caída do anterior presidente do PP estatal, Pablo Casado, que quería depurar responsabilidades, e a súa substitución por Feijóo, que priorizou a estabilidade do seu partido fronte a loita contra a corrupción.
Nese contexto o PSOE quere unha comisión de investigación no Congreso, cámara na que conta con máis apoios que o PP, e que analice tamén as contratacións doutras administracións, non só as do Goberno central, o que abriría a porta a retomar as pescudas políticas contra Ayuso. E é aí onde entra en xogo a petición do BNG, que quere analizar tamén as contratacións da Xunta. "Quen oculta actuacións que poden derivar de casos de corrupción, non ten en absoluto lexitimidade para culpar a outros como o están facendo", di Rego, que lamenta a "demagoxia" con esta cuestión.
Pola súa banda, nunha comparecencia sen preguntas, José Luis Ábalos anunciou que seguirá como deputado no Grupo Mixto do Congreso tras a polémica polo 'caso Koldo'. O ex-ministro de Transportes socialista lamenta que foi "privado de atopar unha decisión compartida" coa dirección do seu partido, pero vai "defender a súa honrabilidade persoal" e actuar en "beneficio do compañeirismo" e en "beneficio das siglas" do PSOE.
"Volvo constatar que non estou acusado de nada nin formo parte de ningunha investigación", incidiu Ábalos, quen destacou que a súa xestión "limitouse" a "conseguir equipamento" e intentar "salvagardar o diñeiro público" a través dun sistema que consistiu en "conxelar o pago ao provedor" ata que non estivera no Estado a mercancía (neste caso as máscaras de protección). "A querela confirma que o procedemento de contratación foi correcto", asegurou. "Non podo acabar a miña carreira política como un corrupto cando son inocente", concluíu.