Dous anos do incendio no PP avivado por Feijóo que acabou con Rueda na presidencia da Xunta

Alfonso Rueda e Pablo Casado nunha imaxe de arquivo © PPdeG

A caída de Pablo Casado, ao que Rueda apoiara en 2018, derivou na primeira dimisión dun presidente da Xunta, fito histórico que marcou a pasada lexislatura e que os populares quixeron presentar como "normalidade"

Hai agora dous anos un "incendio" en Madrid provocou unha serie de reaccións en cadea que acabaron con Alfonso Rueda na presidencia da Xunta, cargo que quere revalidar nas eleccións deste 18F. Aquel "incendio", como o cualificou Alberto Núñez Feijóo, que contribuíu a avivalo, puxo fin á presidencia de Pablo Casado á fronte do PP, coa aclamación de Feijóo como o seu substituto e coa remuda á fronte da presidencia da Xunta, que acabou en mans de Rueda. Foi un fito histórico, a primeira dimisión dun presidente da Xunta en exercicio, que marcou a lexislatura que agora vén de rematar pero que o PP tentou presentar como exemplo de "normalidade", "coherencia" e "estabilidade". 

Feijóo entrega ao presidente do Parlamento, Miguel Santalices, a súa carta de dimisión como presidente da Xunta o 29 de abril de 2022, dous meses despois de avivar a crise entre Casado e Ayuso CC-BY-NC-SA Praza.gal

Nesta campaña de Rueda vén de ser Feijóo o que acaba de incendiar novamente o PP ao contemplar un posible indulto a Puigdemont

Agora, nesta campaña de Rueda para revalidar a presidencia, vén de ser Feijóo quen acaba de incendiar de novo o PP ao contemplar un posible indulto a Puigdemont, o que fai que o resultado electoral do 18F non só vaia ser relevante para os populares en Galicia. Unha perda da Xunta despois do protagonismo que Feijóo vén de atribuírse a si mesmo nesta campaña, engadido á súa incapacidade para formar goberno tras as xerais do pasado ano, podería poñer en cuestión o seu liderado en Madrid menos de dous anos despois de asumilo tras aquel "incendio" de 2022.

Foi na tardiña do 16 de febreiro de 2022 cando elconfidencial.com publicou que persoas próximas á dirección estatal do PP, daquela presidido por Pablo Casado, contactaran con detectives para investigar unha adxudicación de 1,5 millóns de euros da Comunidad de Madrid presidida por Isabel Díaz Ayuso a un empresario amigo do irmán da presidenta, supostamente implicado no cobro dunha comisión. Apenas media hora máis tarde o partido desmentíao oficialmente, o que contribuía a darlle máis visibilidade á cuestión

Ao día seguinte a polémica abriu as portadas dos principais xornais estatais e Feijóo non deixou pasar a oportunidade de pronunciarse desde o atril de presidente da Xunta: "Se hai problemas débense resolver de forma intelixente, non provocando ningún incendio", dixo, para nas xornadas seguintes alimentar el mesmo ese incendio con declaracións que acabaron supoñendo a caída de Casado en só oito días.

Rueda con Feijóo e a madrileña Díaz Ayuso na súa toma de posesión como presidente da Xunta o 14 de maio de 2022 © Parlamento de Galicia

Descabezado o partido, os baróns territoriais entregaron por aclamación a súa presidencia a Feijóo, o que supuxo a primeira dimisión dun presidente da Xunta de Galicia en toda a historia da autonomía, o 29 de abril de 2022. Unha marcha de Feijóo a Madrid que somerxeu o PPdeG nun debate interno non tanto pola elección do seu sucesor á fronte da Xunta e do partido, Alfonso Rueda, o mellor colocado desde había anos, como polo peso que gañarían os baróns provinciais coa marcha de Feijóo. 

Rueda acabou xurando o cargo de presidente da Xunta o 14 de maio, e asumindo como presidente do PPdeG unha semana máis tarde. Pero a súa Xunta non quedou configurada ata máis de tres meses despois do comezo do "incendio" do PP no que Feijóo non quería perder moito tempo. Unha remuda histórica e unha situación de interinidade que condicionou a política galega durante case medio ano pero que o PPdeG tentou presentar como exemplos de "normalidade", "coherencia" ou "estabilidade".

Tras renunciar Feijóo en 2018 a suceder a Rajoy, o PPdeG apoiou inicialmente a Cospedal e despois, con Rueda e Diego Calvo á cabeza, a Casado, ao que deixaron caer hai agora dous anos na súa guerra fronte a Ayuso

Rueda acabou sendo así un dos beneficiados polo "incendio" no PP estatal dun Pablo Casado que el mesmo apoiara como presidente do seu partido en 2018. Naquel momento, tras a caída de Mariano Rajoy pola corrupción e a moción de censura que levou a Pedro Sánchez á presidencia do Goberno de España, Feijóo renunciara a competir pola presidencia do partido e deixou que a batalla a disputasen Pablo Casado, María Dolores de Cospedal e Soraya Sáenz de Santamaría. 

Feijóo evitou amosar explicitamente o seu apoio por ningún dos contendentes, aínda que boa parte do PP galego tiña claro que a súa preferida era Cospedal. Esas preferencias máis ou menos abertas quedaron ratificadas cos resultados das primarias nas que Cospedal resultou gañadora no conxunto de Galicia co 40% dos votos fronte ao 29% e 28% que conseguiron respectivamente Casado e Santamaría. Pero a nivel estatal a primeira foi Santamaría e Cospedal quedou apartada da carreira. Así que no congreso do partido que seguiu a aquelas primarias houbo unha caste de pacto de perdedores no que Cospedal deu o seu apoio a Casado e este acabou facéndose co control do partido en detrimento de Santamaría. 

Só dous días antes daquel congreso, o xoves 19 de xullo de 2018, ao tempo que Feijóo rexeitaba explicitar a súa preferencia, os presidentes das dúas agrupacións provinciais máis importantes do PPdeG, A Coruña e Pontevedra, Diego Calvo e Alfonso Rueda, amosaban o seu apoio a Casado. Catro anos máis tarde, a caída de Casado acabaría facendo que Rueda ascendese a presidente da Xunta e Calvo a vicepresidente. 

Este domingo 18 de febreiro, dous anos e dous días despois do inicio daquel incendio no PP estatal, as urnas deciden o futuro de Rueda e do PPdeG. E tras o novo incendio a conta dos indultos en Catalunya provocado por Feijóo, talvez decidan tamén o futuro do PP estatal.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.