Tras virar novamente a campaña galega ao conflito catalán, o líder popular di que "non se dan as condicións" para indultar a Puigdemont, sen descartalo, e Rueda introduce unha nova mensaxe pedindo o voto para "para axudar a Feijóo"
O PPdeG iniciara a precampaña e a campaña para o 18F co conflito catalán no foco, advertindo do que supostamente perdería Galicia con concesións do Goberno de Sánchez a Catalunya. Pero a medida que as enquisas foron amosando un progresivo ascenso de Ana Pontón e do BNG, os populares galegos pasaron a centrarse no medo a un goberno nacionalista en Galicia. Nesa situación estaba a campaña de Rueda cando este sábado, nun mitin en Sarria, Alberto Núñez Feijóo asegurou en público que chegara a avaliar, para descartalo en menos de 24 horas, un posible indulto a Carles Puigdemont. Unha reintrodución do conflito catalán na campaña galega que deu pé a varios medios estatais a publicar a última hora do sábado, tras manter un encontro privado co propio Feijóo, que este segue contemplando a posibilidade dun indulto a Puigdemont.
O resto de partidos políticos, de esquerda a extrema dereita, lanzáronse a criticar os bandazos dos populares, de xeito que no BNG Ana Pontón considera que o PP "apertou o botón do pánico, está absolutamente desnortado", mentres no PSOE o ex-presidente Zapatero, nun mitin con Besteiro, criticou que as alertas de Feijóo sobre a ruptura de España eran "unha grande hipocrisía, unha gran mentira". Así que Feijóo tivo que saír este domingo, desde Ferrol, a tentar resituar a postura do seu partido. Pero ao tempo o candidato popular á presidencia da Xunta, Alfonso Rueda, introducía unha nova mensaxe nos seus discursos de campaña, pedindo o voto "para axudar a Feijóo a que chegue ao Goberno de España canto antes".
Nas súas declaracións en Ferrol sobre a súa postura sobre os indultos Feijóo comezou dicindo que quería realizar "algunhas consideracións" ante informacións que vira "nos medios". Informacións que non desmentiu abertamente e que, malia seren publicadas en medios de distinto espectro político, atribuíu a un intento dos partidos que sustentan o Goberno de España de "embarrar" a campaña galega.
"Dixen que non e sigo dicindo que non a calquera amnistía", aclarou, porque a considera "ilegal". "Dixen e digo que non a calquera tipo de indulto porque non se dan nin unha soa das condicións", engadiu a respecto desa outra posibilidade, sen descartar que poida apoiar o indulto se se dan esas condicións.
Feijóo acusa o resto de partidos de "embarrar" a campaña tras ser el mesmo o que este sábado puxo o foco no conflito catalán
Feijóo tamén dixo que apoia que a xustiza investigue "calquera acto de presunto terrorismo", en referencia á posibilidade de que Puigdemont sexa perseguido por ese delito. Unha cuestión sobre a que diversos medios publicaron tamén este sábado que na dirección do PP non teñen claro que poida ser probada xudicialmente. "O terrorismo é demostrable?", preguntou a Feijóo nese momento unha xornalista. "Por moito interese que teña o Goberno de embarrar a campaña xa sabemos de que vai isto", foi a súa resposta, xusto antes de que os seus asistentes cortaran a posibilidade de máis preguntas.
Tras estas declaracións de Feijóo, e coa campaña enfocada novamente no conflito catalán malia o intento das últimas xornadas do PPdeG de focalizala no medo ao BNG, Rueda introduciu este domingo unha nova mensaxe nos seus discursos de campaña. Nun mitin na Estrada, o candidato popular que o 18F se xoga seguir na presidencia da Xunta, pediu o voto para que Feijóo sexa presidente do Goberno de España.
"Pídovos o voto para que todo iso que funciona se siga conservando, que siga funcionando, e pídovos o voto para axudar, porque desde aquí podemos axudar a que España teña remedio, a que todas esas avarías que están montando os de sempre, que están montando desde La Moncloa para seguir no poder, todo iso ten remedio, e eu quero o voto para axudar a Alberto Núñez Feijóo que se está pateando Galicia como un militante máis a que chegue ao Goberno de España canto antes que que boa falta fai", dixo Rueda.