Tras o bipartito, o terrorismo: o presidente da Deputación e do PP de Ourense pide o voto "fronte a quen se apoia ou é amigo de terroristas"

Luis Menor, en primeiro plano, con Rueda no mitin deste venres en San Cibrao das Viñas © PPdeG

Logo de que Rueda apelase ao voto do medo fronte a unha coalición como a de 2005, Luis Menor, sucesor dos Baltar, di que a alternativa a Rueda sería "un goberno totalmente independentista"

O xoves pola noite, en Lugo, no mitin co que lanzou a campaña electoral, Alfonso Rueda apelou ao voto do medo asegurando que "ao do bipartito é ao que pode volver Galicia se nós non temos a maioría absoluta". Unha proclama que chegou tres días despois de que a patronal galega dixese que non ten medo a un posible goberno de coalición BNG-PSdeG ou PSdeG-BNG. E este venres, en Ourense, foi o presidente da Deputación e líder do PP provincial, Luis Menor, sucesor dos Baltar, quen fronte a Rueda apelou a outro dos medos que adoitan axitar os populares fronte ao resto de partidos, o do terrorismo

Nun mitin en San Cibrao das Viñas, Menor fixo unha longa reflexión sobre o resto de candidatos e candidatas que confrontan con Rueda. Sen citalos expresamente, pero falando supostamente en primeiro lugar de Ana Pontón e do BNG e despois do PSOE, Menor falou dun "rostro moi amable, incluso un rostro case descoñecido pola súa transformación, pero que é un rostro que vai aparellado dun partido que ten moi claro cales son os seus amigos, e os seus amigos non son precisamente a xente que se levanta e que traballa todos os días e que produce, senón que os seus amigos vanse manifestar a Bilbao para pedir a liberdade daqueles que mataron a 62 galegos, esa é a realidade, é un Goberno totalmente independentista, e esa sería a nosa alternativa". 

Menor continuou pedindo "polo tanto, voto útil fronte a un partido independentista, fronte a un partido que se apoia en terroristas, ou que é amigo de terroristas, porque así o fai publicamente, fronte a un PSOE que xa sabemos o que fai todos os días, sáltase todas as liñas habidas e por haber". A esas críticas a BNG e PSdeG Menor engadiu tamén críticas a Democracia Ourensana, formación coa que o PP pactou ata agora gobernos bipartitos e á que acusou de esquecerse "de dous terzos da provincia" porque "só pide para a capital". 

Rueda no mitin de San Cibrao das Viñas deste venres © PPdeG

Luis Menor, que foi alto cargo de Rueda na Xunta, chegou á presidencia da Deputación de Ourense e foi posto á fronte do PP provincial tras a saída hai uns meses dos dous cargos de Manuel Baltar. Este venres el mesmo asumiu a responsabilidade dos resultados que poidan rexistrarse en Ourense asegurando que "se gañamos, se sae Rueda, gañades todos" pero adiantando que se hai "un mal resultado" el mesmo será "o responsable".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.