"Ao do bipartito é ao que pode volver Galicia se nós non temos maioría absoluta", di o candidato popular no lanzamento da campaña electoral e pide "recordalo moitísimas veces"
"Ao do bipartito é ao que pode volver Galicia se nós non temos maioría absoluta, polo tanto recordémolo moitísimas veces". Cunha apelación ao medo como motivación para votar iniciou a campaña electoral a última hora deste xoves Alfonso Rueda nun mitin en Lugo. Fíxoo apenas tres días despois de que a patronal galega negase ter medo a un posible goberno de coalición BNG-PSdeG ou PSdeG-BNG, como o bipartito que estivo á fronte da Xunta entre 2005 e 2009 ao que se volve remontar Rueda.
O mitin co que Rueda lanzou en Lugo a campaña electoral centrouno o candidato popular en alertar do que pasaría se o PP perde a maioría absoluta e con ela a Xunta. Chegaría daquela a Galicia "o descontrol e o barullo de España" e o país volvería "ao bipartito". Un goberno de coalición que pediu aos seus recordar "moitísimas veces" como aliciente para votar o 18F. Iso, e que segundo di o resto de votantes que non apoien o PP só quererían "dar nos narices" a Feijóo.
O luns o presidente da patronal asegurou que esta non ten "medo a nada" ante un posible goberno de coalición sempre que sexa "estable"
Fronte ao recurso ao voto do medo de Rueda, o pasado luns o presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), Juan Manuel Vieites, preguntado expresamente polo posible temor a un goberno de coalición BNG-PSdeG ou PSdeG-BNG, rexeitou ter preocupación. "Nós o que necesitamos é un goberno estable, e polo tanto non temos medo a nada sempre e cando o goberno sexa estable". Mesmo repreguntado sobre se un goberno estable significa un goberno dun único partido ou se un bipartito podería ser un goberno estable, Vieites insistiu: "Un goberno estable é un goberno estable, o que sexa".
Por outra banda, este mesmo xoves, a poucas horas do inicio da campaña, o propio Rueda publicitou na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta a continuidade dunha medida implantada en 2008 polo goberno bipartito de PSdeG e BNG que agora critica, o complemento galego ás pensións non contributivas.