Galicia, en campaña entre a inercia e o cambio posible

Actos de inicio da campaña electoral de Rueda, Pontón, Besteiro e Lois CC-BY-SA Praza Pública

Agora, si. O clima preelectoral que Galicia vive dende que, a finais do pasado decembro, Alfonso Rueda anunciou o adianto dos comicios ao Parlamento para o vindeiro 18 de febreiro decidido polo PP, desemboca dende as cero horas deste 2 de febreiro na campaña electoral oficial. Por diante, dúas semanas nas que os partidos políticos poden legalmente pedir o voto. Farano nunha conxuntura que -e nisto coinciden todas as principais forzas políticas- é notablemente distinta á dos días do adianto. Porque todas elas perciben que, por primeira vez dende 2009, o resultado das urnas non está inexorablemente escrito antes da primeira chamada ao voto.

Por primeira vez dende 2009, todas as principais forzas políticas perciben que o resultado das urnas non está inexorablemente escrito antes da primeira chamada ao voto

Os cálculos dos conservadores situaron o anuncio das eleccións antes do Nadal e, quince anos despois, a campaña outra volta no Entroido. Mentres, Rueda aseguraba apostar por unha carreira electoral centrada en Galicia, pero o certo é que o partido situou a data electoral cadrando coa tramitación e votacións da lei de amnistía no Congreso, procurando virar os focos cara a unha política estatal na que o ex-presidente Alberto Núñez Feijóo procura unha caste de plebiscito fronte a Pedro Sánchez tras non dar gobernado despois dos comicios xerais de xullo do ano pasado.

Pero a crise dos pellets comezou a mudar o guión. A xestión da vertedura das bólas plásticas transportadas polo mercante Toconao, que seguen nalgunhas praias pero en gran medida xa desapareceron da axenda política, contribuíron a axitar o escenario político que o PP procuraba manter en perfil baixo. O episodio, incomparable en termos ambientais a catástrofe do Prestige, si contribuíu a resucitar algúns marcos temidos polos populares: a vontade de minimizar os efectos dun accidente na costa, a demora en ofrecer explicacións, as versións contrapostas, a procura de culpables fóra da Xunta. E aguilloou á esquerda.

Unha mudanza política do Goberno galego cara á esquerda é observada como moi difícil, pero non como algo imposible. A esa sensación contribúen algúns datos demoscópicos e a sensación de nerviosismo que en privado translocen altos dirixentes do PP

Este e outros elementos, dende as sensacións a pé de rúa ata a recente enquisa do CIS -cunha amplísima mostra de 11.000 entrevistas- ou as sondaxes que manexan internamente as formacións políticas mudaron o escenario. Unha mudanza política do Goberno galego cara á esquerda é observada como moi difícil, pero non como algo imposible. Así o ven as formacións que actualmente conforman a oposición, BNG e PSdeG, pero así o detecta tamén un PP que, por veces, ofrece sinais máis semellantes ás da campaña de Feijóo nas pasadas xerais que ás dos propios populares galegos no pasado, cunha maquinaria electoral tan precisa como practicamente imbatible.

Neste contexto, o PP lánzase á recta final cara ao 18F con tres tipos de mensaxes. Os públicos, con Rueda á cabeza, céntranse en pedir un apoio suficiente para garantir a maioría absoluta sen dala por feita. Para facelo ofrecen como valor principal a "traxectoria e credibilidade" do seu candidato, que na apertura da campaña na compostelá Praza do Obradoiro afirmou que nel "si se pode confiar", pero non no que descualifica como "multipartito" da esquerda.

Rueda no acto de pegada de carteis de inicio da campaña electoral en Santiago © PPdeG

En pequenos grupos, non obstante, nas filas populares alúdese a supostas enquisas internas que reflicten unha caída en escanos cando menos na Coruña e Lugo, pero tentando transmitir tranquilidade sobre a fortaleza xeral da maquinaria do partido e sobre o feito de que sería necesario perder máis dun escano por provincia para que caia unha maioría absoluta que mesmo poderían completar con Democracia Ourensana, de ser o caso. Algo difícil, abondan, polas súas robustas redes locais de mobilización, onde esvaen discursos estatais coma o da aministía e están no centro supostos perigos para a vida diaria se a esquerda goberna. E a inercia pode facer o resto.

Así e todo, en ámbitos máis discretos ou privados, membros significativos da formación conservadora translocen nerviosismo ante a posibilidade da perda da Xunta. As pantasmas de 2005 reviven.

A minorar ese ambiente de inquietude crecente non contribúen movementos como o que este mércores protagonizou a número 2 do partido, Paula Prado, enleada nun debate en X -o antigo Twitter- sobre se a promesa electoral do BNG de potenciar os alimentos de proximidade é ou non unha copia dunha medida similar do PP. O tirapuxa, analizan algunhas voces, contribúe a "centrar" ao BNG máis que a caricaturizalo, como viña facendo o PP, como un partido de "radicais".

Un BNG ao que "xa ollan doutro xeito"

"Trátannos como alternativa de Goberno"

No Bloque, precisamente, observan cunha mestura de estrañeza e satisfacción algúns movementos erráticos do PP que na contorna da dirección nacionalista consideran máis propios dunha formación de oposición que dun partido que aspira a reter o Goberno tras 15 anos ininterrompidos exercéndoo. Alén disto, o BNG pon rumbo ao 18F en clave optimista dende a convicción de existiren oportunidades reais de que a súa candidata, Ana Pontón, poida converterse na primeira presidenta da historia de Galicia.

Pontón no acto de pegada de carteis de inicio da campaña electoral na Coruña CC-BY-SA BNG

"Xa non nos tratan como esa forza boa só para protestar, agora trátannos como alternativa de Goberno", comentaba hai escasos días un dirixente do BNG con varios lustros de campañas electorais ás costas. "Ollan cara a nós doutro xeito, e iso é moito", resumía no mesmo sentido un deputado da formación ás portas dunha campaña na que, cren, poden lograr acrecentar a tendencia de crecemento e, sobre todo, os datos "nunca vistos" da valoración cidadá de Pontón.

Nesta liña, a poucas horas do inicio da campaña Pontón presentaba o seu cartel electoral afirmando que procura ser a "candidata de todas as persoas que queren cambio, votasen o que votasen noutras eleccións". "Pídolles a confianza, non lles vou fallar", sinala unha candidata que ve o cambio "ao alcance da man" se non se "perde ningún voto" da esquerda e por iso chama a "unir" no Bloque o "voto do cambio". Alén do devandito optimismo, na formación soberanista obsérvase con desacougo a posibilidade de que os votos a Sumar non cheguen a traducirse en escanos ou o impacto que Democracia Ourensana poida chegar a ter.

Un PSdeG que busca "remonta" con 'Ferraz' á súa disposición

O PSdeG, que parte terceiro no actual Parlamento e tamén nas enquisas, concorre ás urnas por primeira vez con José Ramón Gómez Besteiro como candidato, cuxo equipo dá en escorrentar as análises pesimistas e fala en termos de "remonta". A análise socialista parte do cálculo de que "dan as contas" para botar o PP da Xunta se logran mobilizar unha parte relevante do electorado urbano que vota PSOE nas eleccións xerais e PSdeG nas municipais, pero se abstén nas galegas.

Besteiro no acto de inicio da campaña electoral en Lugo CC-BY-SA PSdeG

"O cambio é posible e está na nosa man"

"É posible e está na nosa man", repetía Besteiro pouco antes do inicio dunha campaña na que, a diferenza doutras ocasións, ninguén dubida da implicación da dirección federal do partido. Dende as presenzas de Pedro Sánchez -participou nun mitin a pasada semana en Lugo, o vindeiro sábado fará o propio en Ourense e a contorna do candidato agarda máis visitas- e outros altos dirixentes do partido e do Goberno de España -caso de María Jesús Montero, que vén de abrir a campaña con Besteiro en Lugo- ata a dispoñibilidade de toda a infraestrutura e recursos da formación ou a abundancia de anuncios de investimento do Estado no noso país. Só este xoves, a poucas horas do inicio da campaña, anunciouse a adxudicación por 112 millóns da estación intermodal de Ourense e a ampliación da capacidade da rede eléctrica galega para novos proxectos de xeración e industriais.

"Non pode quedar ninguén na casa", reitera o aspirante socialista á presidencia, que aspira a compensar os seus niveis de coñecemento aínda baixos en puntos clave de Galicia non só co apoio de dirixentes estatais, senón tamén coa adhesión e participación activa da campaña de dirixentes locais coma o alcalde de Vigo, Abel Caballero, moito máis implicado na carreira electoral cara ao 18F que en moitas das anteriores campañas galegas. Se, efectivamente, "dan as contas", ninguén con capacidade de decisión ao respecto dubida de que o PSdeG acordaría un novo Goberno co Bloque mesmo ficando por tras en votos e escanos.

As incógnitas, de DO a Sumar

Alén das forzas políticas que actualmente conforman o Parlamento hai outras dúas que, segundo os datos demoscópicos manexados en público e en privado, planean sobre a vindeira composición do lexislativo galego: Sumar e DO. A formación que encabeza Marta Lois asegura estar en condicións de aspirar a senllos escanos pola Coruña e Pontevedra e agardan que a presenza de dirixentes estatais como Yolanda Díaz contribúan a un logro que tanto BNG como PSdeG ven complexo. O propósito é seren "clave" na conformación dun Goberno de esquerdas. Nese espectro electoral aspira tamén a lograr votos Podemos, partido ao que ningún inquérito concede posibilidades de obter representación.

Marta Lois no acto de inicio da campaña electoral en Cangas CC-BY-SA Sumar Galicia

Democracia Ourensana, pola súa banda, non oculta que o seu obxectivo é o de ser chave da vindeira Xunta. Ou, dito doutro xeito, seren imprescindibles para completar unha maioría absoluta a cambio de incluír nos Orzamentos do Goberno galego máis investimentos para esa provincia. Ata o momento, todos os grandes pactos de DO foron asinados co PP.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.