A candidata do BNG salienta que a súa proposta "supón multiplicar por catro" o actual parque de vivendas públicas para garantir o dereito a un fogar
A candidata do BNG á Presidencia da Xunta, Ana Pontón, comprometeuse este mércores no barrio vigués de Navia a poñer a disposición da cidadanía 12.000 vivendas públicas en réxime de alugueiro a prezo limitado ao longo dos próximos oito anos para dar resposta ás persoas que non teñen acceso a este dereito básico porque "os alugueiros están disparados e os salarios non chegan". Segundo a formación nacionalista, a súa proposta "supón multiplicar por catro" o actual parque de vivendas públicas, "unha cifra ambiciosa pero realizable", destacou Pontón, que aposta pola compra de vivenda baleira en lugar da construción para aumentar a oferta pública de pisos en alugueiro a un prezo taxado.
"A adquisición de inmobles xa construídos, e a súa eventual reforma, é unha opción moito máis rápida e máis sustentable que a de preparar, urbanizar solo e despois edificar. Esta fórmula vainos permitir dar resposta en pouco tempo á emerxencia social no acceso á vivenda", afirmou a candidata, tras asegurar que Galicia ten 500.000 vivendas baleiras, 90.000 nas grandes cidades. Hai uns días Pontón tamén anunciou un imposto a grandes propietarios de vivendas como a banca ou fondos de investimentos.
"O PP fixo unha cuarta parte de vivenda pública da que fixo só nun ano o BNG na Consellería de Vivenda", desde a que impulsou hai 15 anos o barrio de Navia, onde Pontón lanzou as súas promesas
Unha das prioridades declaradas de Pontón se é presidenta, di, será "un cambio de paradigma absoluto, recorrer á compra masiva deses inmobles tanto nos centros históricos como nos barrios e tanto nas cidades como nos concellos cunha gran demanda". Pontón fixo este anuncio no barrio vigués de Navia, acompañada do cabeza de lista por Pontevedra, Luís Bará, e das candidatas por Vigo Alexandra Fernández e Carmela González.
Alí, diante dun edificio de vivenda pública rematado hai máis de quince anos co BNG como responsable de Vivenda na Xunta, salientou que "o PP fixo unha cuarta parte de vivenda pública da que fixo só nun ano o goberno do bipartito", impulsor da vivenda pública no barrio de Navia. Alí a candidata comprometeuse a destinar a vivenda pública "como mínimo" a metade dos pisos que están proxectados na nova actuación urbanística, en torno a 1.600.
Neste escenario, a candidata do BNG criticou a inacción do goberno do PP, do que dixo que ao longo do últimos quince anos “dinamitou” a política social de vivenda. Fronte a iso Pontón subliñou a súa determinación a dar un "xiro de 180 grados" xa que a día de hoxe "só o 0,3% da vivenda pública está en alugueiro en Galiza, fronte ao 24% de Irlanda do Norte, Escocia e Austria ou o 29% dos Países Baixos".
A proposta que recolle o programa de goberno do Bloque implica blindar por lei que os pisos adquiridos serán destinados unicamente ao alugueiro. Unha vía, a da compra de pisos baleiros, que o BNG salienta que tamén contribuiría a xerar emprego porque os inmobles adquiridos serán reformados naqueles casos nos que fose preciso antes de seren ofertados.
"O que temos claro no BNG é que non podemos seguir cunha situación na que miles de persoas non poden acceder a un dereito básico como é o da vivenda, nun país que está á cabeza en inmobles desocupados e nunha situación na que milleiros de persoas no poden acceder a unha casa, en particular a mocidade galega que está á cola en emancipación porque non poden pagar un alugueiro", asegurou.