O PSOE e Sánchez entréganse con Besteiro e contra a abstención o 18F: "Urnas cheas, cambio seguro"

Pedro Sánchez e Gómez Besteiro, durante a convención política do PSOE na Coruña CC-BY-SA PSdeG

O PSOE bota toda a auga no muíño de Besteiro na procura do cambio político en Galicia. Os socialistas despregáronse esta fin da semana na Coruña, na súa Conferencia Política, con todos os seus ministros, o ex-presidente José Luis Rodríguez Zapatero e o actual presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez, principal valedor do candidato do PSdeG á presidencia da Xunta, que apelou á "participación" como clave para a vitoria progresista o 18F. "A urnas cheas, cambio seguro", dixo.  

O PSOE está convencido de que "hai partido" en Galicia e que a mobilización será a clave: "A urnas cheas, cambio seguro", di Sánchez

Ferraz eleva a súa aposta de cara ás eleccións galegas convencido de que "hai partido", que a mobilización propiciará ese cambio e convencido de que o intento do PP de converter o 18F nun plebiscito a Sánchez acabará por beneficialos. De aí a súa estratexia: loitar contra a abstención progresista que adoita castigar o PSdeG nas autonómicas e incrementar a presenza de Sánchez na campaña. Tamén Besteiro asume "sen complexos" ese apoio na figura do xefe do Executivo central, no PSOE e na acción do Goberno central para sacar da casa ese votante socialista que queda nela nas autonómicas. 

Pedro Sánchez e Gómez Besteiro, durante a convención política do PSOE na Coruña CC-BY-SA PSdeG

"É absolutamente posible; se Galicia vota, o PP perde", di Besteiro, que aposta "sen complexos" pola baza de Sánchez e o Goberno central para o 18F

"Galicia impórtalle e moito ao PSOE", dixo Besteiro no acto de clausura da convención política, que abandonou antes do discurso de Sánchez para estar "onde teño que estar": na manifestación "en defensa do mar" en Santiago. "Pedro é da casa, da nosa casa", advertiu o candidato á Xunta, que pediu "axuda" ao PSOE para que o socialismo "goberne este país". 

Besteiro apelou a esa mobilización do voto progresista e lembrou que a nivel municipal "o PSdeG goberna máis cidadáns que o PP e o BNG xuntos" e que "se Galicia vota, o PP perde". Así, apelou "a toda esa xente que votou o PSOE fai oito meses". "É absolutamente posible: se todo o mundo que colleu a papeleta hai oito meses a colle o 18 de febreiro, Galicia terá un presidente da Xunta socialista", engadiu quen prometeu "estar á altura do momento histórico" e que aventurou que "desta, vai" e díxose "emocionado".

Ao mesmo apelou Sánchez, no seu discurso de clausura. "A urnas chegas, cambio seguro", asegurou, pedindo aos galegos que se mobilizaron o 23X para un goberno progresista "que tamén se mobilicen o 18F e confíen en Besteiro como presidente". "Xuntos imos facer moitas cousas", insistiu, para advertir que "o PP ten medo a unha palabra: participación". 

"O PP ten medo a unha palabra: participación", di Sánchez

"O PP non quere participación porque cando a hai, hai cambio", dixo Sánchez, que gabou a "sociedade aberta, solidaria, vibrante e dinámica" de Galicia fronte ao seu goberno autonómico, "instalado na desidia, a mentira e a mala xestión". Porque o líder do PSOE cargou contra a xestión da crise dos pellets por parte dunha Xunta que "respondeu con soberbia á man tendida e a unha cooperación leal" por parte do Estado. "Ningunha crise se pode resolver con soberbia, mala xestión e mentira", dixo, tras conectar en directo coa manifestación de Santiago.

A aposta por Besteiro é decidida no PSOE, como o demostra que fose incorporado ao Comité Federal, xusto na convención política, ademais, que os socialistas decidiron traer á Coruña e a menos dun mes das eleccións autonómicas. 

Pedro Sánchez, durante a convención política do PSOE na Coruña CC-BY-SA PSOE

"Hai partido"

Os socialistas van ir con todo porque consideran que é a batalla máis aberta no país en décadas. "Hai partido", resumen fontes da dirección do partido, segundo conta Antonio Ruiz Valdivia en infoLibre. O PSOE ve factible que o PP perda a súa maioría absoluta. Cos datos sobre a mesa, cren que o poden conseguir se logran unha maior mobilización e calla a súa mensaxe entre os abstencionistas. 

A análise que fan en Ferraz e no PSdG é que nos comicios galegos quedan na casa moitos dos votantes que logo confían en opcións progresistas durante as xerais, como demostran os datos, tal e como debullou Praza Pública. A esquerda adoita superar a dereita nos comicios estatais, onde a participación tamén é moito maior que nas autonómicas. 

Así, os socialistas ven como principal reto lograr aumentar a participación o próximo 18F e sacar da súa casa a moitos dos votantes que quedan no sofá nas galegas e logo apóianos nas xerais. Puxéronse como obxectivo mobilizar a ese 4-5% do seu electorado que non se implica nas autonómicas. O propio presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez, confesouno varias veces aos seus: o cambio é posible pero hai que facer estender esa "conciencia" aos electores. 

A dirección socialista amósase "encantada" de que Feijóo queira virar en española a campaña galega

Fontes da dirección insisten: "Alfonso Rueda quería unha campaña tranquila. Pero Feijóo coa súa caravana quérea converter en nacional. Nós encantados". En Ferraz sosteñen que o que Génova 13 quere explotar pode terminar precisamente beneficiando o PSOE. Ademais, na Moncloa e na sede socialista reflexionan que esta cita é unha match ball para Feijóo: se perde, o PP pode amosarlle a porta

A implicación de Pedro Sánchez vai ser moi alta na campaña das galegas, e ten previsto involucrarse en primeira liña. Algo que, ademais, quere que faga o PSdeG. "Sen complexos", como sinalan os socialistas galegos, que venderán durante estes días que unha Xunta en sintonía co Goberno central sería beneficioso para Galicia, que agora se dedica a confrontar con Madrid. Este mesmo sábado, Besteiro aludiu precisamente a esa expresión e a esa expectativa: "Sen complexos" para "apoiarse" no Estado para "mellorar a vida dos galegos e galegas"

Os ministros tamén se van envorcar con Besteiro durante estas semanas e o propio candidato gabou durante as súas intervencións na convención politico a membros do Goberno central e vendeu que quere aproveitar a súa conexión para mellorar o país. 

Gómez Besteiro e Pedro Sánchez, durante a convención política do PSOE na Coruña CC-BY-SA PSOE

Os socialistas galegos criticarán durante a campaña que Galicia vai por detrás das súas posibilidades, con feitos como a saída de mozas e mozos, a perda de poboación e a falta de execución de fondos europeos. "O dato mata o relato", subliñan no PSdeG, que sinalta tamén a Xunta co Goberno da "mentira", polo caso dos pellets, unha crise que cren que está a callar entre a cidadanía pola inacción e a nefasta xestión. 

PSdeG e PSOE poñen o foco en Pontevedra (onde esperan rabuñar restos para sumar escanos), A Coruña (buscan gañar peso no electorado urbano) e en Lugo. Segundo as súas análises, o BNG xa tería tocado teito, polo que eles son os que teñen máis marxe para crecer nesta recta final cara ao 18F. Cunha máxima: "Se dan os números, haberá Goberno progresista. Dá igual quen arriba e quen abaixo". 

Ademais, os socialistas galegos esperan aproveitar o arrastre de alcaldes como Inés Rey e Abel Caballero. Outro dos temas que consideran no PSdG que pode facer cambiar a situación é a preocupación pola sanidade pública nestes momentos coas críticas, por exemplo, ás esperas na atención primaria. Con outro punto que pretenden explotar: a imaxe "presidenciable" de Gómez Besteiro, unha baza que xa deixou claro o discurso de Rodríguez Zapatero na Coruña o pasado venres

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.