O PSOE enceta esta fin de semana en Galicia unha nova etapa política, a menos dun mes das eleccións galegas. Será na Coruña, que acollerá a Conferencia Política socialista baixo o lema Impulso de país e na que se renovará tamén a Executiva Federal do partido na que o PSdeG agarda tamén aumentar a súa presenza e relevancia.
Será un despregamento do PSOE, nunhas xornadas na que se agardan máis de 1.500 persoas, que arrincou na tarde deste venres e que rematará o domingo coa intervención do presidente do Goberno de España e líder socialista, Pedro Sánchez. Estarán tamén na Coruña todos os ministros socialistas e todos os líderes autonómicos, a excepción do presidente de Castilla-La Mancha, Emiliano García-Page, de viaxe oficial, ademais de figuras como o ex-presidente José Luis Rodríguez Zapatero.
Sánchez pechará a conferencia socialista xunto a Besteiro, nun cónclave no que Zapatero advertiu que Besteiro será "presidente" da Xunta: "Imos dar a sorpresa"
Unha conferencia que servirá tamén para impulsar a figura e a candidatura de José Ramón Gómez Besteiro á presidencia da Xunta, ás portas do comezo da campaña e que pretende amosar tamén o compromiso forte e decidido do PSOE nuns comicios autonómicos claves en Galicia pero tamén na visión que dos resultados se dará no conxunto do Estado. Na xornada inaugural, un vídeo electoral do candidato á Xunta recibiu aos presentes na Coruña: "Desta vai", rezaba. "Isto supón un impulso, un abrazo colectivo que nos dades para que dentro dun mes teñamos un presidente socialista en Galicia, José Ramón Gómez Besteiro", dixo Inés Rey, alcaldesa da Coruña, na xornada inaugural.
"É unha mostra máis do compromiso con Galicia do PSOE e do presidente do Goberno de España con Galicia", lembraba hai uns días o secretario xeral do PSdeG provincial da Coruña, Bernardo Fernández, sobre o cónclave, convencida como está a formación que hai partido para o 18F e que o impulso e a aposta forte de Ferraz nas eleccións poden acabar por propiciar o cambio en Galicia.
Zapatero aposta a que Besteiro dará "a sorpresa" e será "presidente" da Xunta
Gómez Besteiro participou este venres na inauguración da Conferencia Política do PSOE, así como no acto que as Xuventudes Socialis realizaron co gallo do cónclave á noitiña. Nel, o candidato á presidencia da Xunta comprometeuse a desbloquear a lei de Vivenda para garantir "alugueiros a prezos asequibles". Ademais, denunciou que a Xunta "non mova un dedo" co problema da vivenda, especialmente entre a xente nova.
O acto coa mocidade chegou despois de que Inés Rey, abrise os actos e de que Zapatero participase nun acto sobre "Democracias máis fortes". Na súa intervención, o ex-presidente lembrou que "Besteiro é un grande apelido, apelido de presidente". "Ten madeira, trazas de presidente e imos dar a sorpresa; vai ser presidente", asegurou.
Entre as diferentes mesas dunha conferencia coa que o PSOE pretende actualizar as súas políticas e aprobar un documento estratéxico, Gómez Besteiro participará este sábado xunto ao eurodeputado galego Nicolás González Casares e a vicepresidenta primeira do Goberno central, María Jesús Montero, nun debate dobre "Modernización e Reindustralización".
O presidente de Asturias, Adrián Barbón, ou a de Navarra, María Chivite, serán tamén protagonistas noutros debates, ao igual que os ministros e ministras socialistas, que abordarán temas como a cohesión territorial, a transición ecolóxica, a nova orde mundial, a memoria democrática ou a igualdade.
O domingo será a quenda de Pedro Sánchez, nun acto de clausura no que estará acompañado de María Jesús Montero e, tamén, de José Ramón Gómez Besteiro, que pechará unha conferencia coa que o PSOE pretende impulsar o partido e o candidato socialista á Xunta de Galicia.