"Acórdaste cando tiñas cita no médico rápido?". É a pregunta formulada polo candidato do PSdeG á presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, para sintetizar os seus plans para o Servizo Galego de Saúde no caso de que, tras as eleccións do 18F, chegue ao Goberno galego. Fíxoo no marco dunha xuntanza en Vigo coa plataforma SOS Sanidade Pública, cuxas reivindicacións "asumiu como propias" e á que comprometeu a súa asistencia á manifestación que ten convocada para o vindeiro 4 de febreiro.
Besteiro asegura que, se chega á Xunta, a súa "primeira medida" sanitaria sería un "plan de choque" co foco na Primaria: "os doentes non poden esperar entre 15 e 25 días por cita no médico de cabeceira"
Se o PSdeG goberna, mantén Besteiro, a Xunta "devolverá á sanidade a calidade que tiña, especialmente canto á Atención Primaria, xa que a xestión de Rueda e o PP nestes 14 anos só destaca pola precarización". Neste sentido, a "primeira medida", asegura, consistiría nun "plan de choque que debe recaer" na Primaria e noutras especialidades saturadas.
"Hai que investir en sanidade porque é un dereito da cidadanía", indica Besteiro, que bosquexa algúns dos obxectivos dese plan. Por exemplo, que "unha cita non poida prolongarse máis alá de 48 horas" dende que é solicitada. "Os doentes non poden esperar a ser atendidos polo seu médico de cabeceira entre 15 e 25 días, como é a media actualmente", censura, nun contexto no que no Sergas é tamén "é fundamental acabar co nepotismo e que as listas de espera sexan públicas e transparentes".
O candidato socialista, que compromete a SOS Sanidade a súa asistencia á manifestación do vindeiro día 4, propón medidas como "rebaixar as listas de espera poñendo en funcionamento os hospitais polas tardes ata que a situación se normalice"
"A poboación ten que ter garantido un médico a menos de 30 minutos do seu domicilio", di o candidato socialista, que se compromete a "estudar" a posibilidade de "reabrir centros de saúde pechados polo PP de Rueda". Asemade, agrega, "non podemos consentir que cerca de 11.000 nenas e nenos non teñan pediatra asignado, que haxa máis de 200.000 persoas agardando por unha primeira consulta hospitalaria" ou "case 120.000 pendente dunha proba diagnóstica".
"Rebaixar as listas de espera poñendo en funcionamento os hospitais polas tardes ata que a situación se normalice, compensando o persoal médico e aumentando a contratación de profesionais" ou "ampliar a Atención Primaria a outras especialidades como a saúde mental" son outras das promesas no eido sanitario por parte de Besteiro, quen agradece a SOS Sanidade que "non se rendesen nestes 14 anos". Porque o colectivo, di, non fai máis que "seguir na defensa dunha sanidade que é de todas e todos".