A portavoz do BNG lanza varias propostas de mellora sanitaria e o presidente da Xunta desbótaas porque a nacionalista "na vida xestionou un euro público"
Un plan de choque de 200 millóns para a Atención Primaria, garantir por lei que reciba o 25% do investimento sanitario e dotala de profesionais de psicoloxía. Esas foron as tres propostas que lanzou a portavoz e candidata do BNG na sesión de control á Xunta no Parlamento desta semana. A resposta de Rueda, ademais de asegurar que a sanidade galega está mellor que a do resto do Estado, foi lamentar que os posibles novos fondos que o Estado poida destinar a Catalunya permitirían construír máis centros de saúde.
As propostas de Pontón no Pleno desta semana foron crear un plan de choque con 200 millóns de euros para a Atención Primaria e recuperar nela "as xerencias que existían con capacidade resolutiva e recursos", "blindar por lei o investimento en Primaria" con como mínimo o 25% do investimento total en sanidade "porque é o que recomenda a Organización Mundial da Saúde (OMS)"; e "dotar de máis especialidades a Atención Primaria, especialmente psicólogos e psicólogas clínicas" xa que "o 30% das consultas de primaria teñen que ver con problemas de saúde mental".
"Ten o 14% dos galegos e galegas en lista de espera", criticou Pontón a Rueda, que se defende dicindo que está peor o resto do Estado
Pontón lanzou estas propostas ao tempo que criticou os tempos de espera por consultas e probas. "Ten o 14% dos galegos e galegas en lista de espera", dixo a nacionalista a Rueda. Criticou igualmente que o Sergas "non respecta aos profesionais, sobrecargados", e lamentou que fronte a estes feitos o presidente estea a empregar os medios públicos para "maquillar" a realidade e lanzar a súa campaña electoral.
Rueda respondeu ás críticas asegurando que a Pontón non lle importa realmente a Sanidade senón que fala dela por "oportunismo". "Entra en campaña e os que mandan no seu partido, que son os de sempre, dinlle que hai que preguntar de sanidade", dixo o presidente, que criticou que Pontón "leva demasiado tempo pechada na sede do Bloque, rodeada do seu partido". "Debería saír máis, falar coa xente", chegou a dicir.
"Estou preparada para gobernar este país", dixo Pontón, ao que Rueda respondeu que "na vida xestionou un euro público"
Rueda admitiu que "por suposto que hai cousas que mellorar", pero evitou concretalas e centrouse en defender que a sanidade galega está mellor que a do resto do Estado. E fronte aos datos ofrecidos por Pontón sobre a sanidade galega Rueda quixo ofrecer un "dato irrebatible", que Pedro Sánchez vai reunirse en breve co presidente da Generalitat de Catalunya, o que lle serviu para lamentar que as negociacións do Goberno de España co independentismo catalán poidan desviar a esa comunidade fondos que poderían servir para construír en Galicia máis centros de saúde.
Rueda tamén criticou ao mesmo tempo a suposta falta de preparación de Pontón e o feito de que sexa deputada desde hai dúas décadas. "Nótaselle tanto que na vida xestionou un euro público", dixo. Porén, Pontón negou a maior: "Estou preparada para gobernar este país porque coñezo moi ben este país e teño experiencia suficiente".