A Consellería de Sanidade vén de concretar co sindicato CESM a reforma do complemento salarial que ata agora cobraba só o persoal médico que traballaba exclusivamente no Sergas para que o poida recibir o que exerce tamén na privada. A medida, clave para que esta organización gremial desconvocase a folga que impulsou a pasada primavera, implica que o arredor de mil profesionais que compatibilizan o exercicio da medicina na privada e na pública cobren xa en 2024 uns 720 euros máis ao mes. Mentres, o complemento do persoal médico dedicado en exclusiva á pública rolda os 900.
CIG-Saúde, principal sindicato no Sergas, ve "indecente que Rueda negocie cos lobbies médicos un incremento salarial" que "favorece os intereses da sanidade privada"
O fondo, pero tamén as formas deste acordo da Xunta co CESM están a causar un fondo malestar nos colectivos de defensa da sanidade pública e tamén no principal sindicato do conxunto do persoal do Sergas, a CIG-Saúde. Para esta central sindical, resulta "indecente" que "Rueda negocie cos lobbies médicos un incremento salarial" para o persoal facultativo que tamén traballa na privada e destine, indica o seu secretario nacional, Manuel G. Moreira, "un millón de euros ao mes " a "favorecer os intereses da sanidade privada".
Con eses fondos, defende Moreira, "poderiamos reforzar os cadros de persoal, reducir listas de agarda e mellorar a calidade asistencial". Pero a Xunta, lamenta, preferiu "negociar cunha organización que ni sequera se presentou ás eleccións sindicais" -foi en coalición coa CSIF- e "non respectar os órganos de negociación" que representan a todo o persoal da pública. En calquera caso, agrega, a CIG-Saúde defende que "a dedicación exclusiva á sanidade pública debe retribuírse adecuadamente".
Oposición de Defensa da Sanidade, apoio de Rueda
Tamén a Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública (AGDSP), que como a propia CIG-Saúde está integrada na plataforma SOS Sanidade Pública, saíu ao paso do novo plus salarial para o persoal médico que tamén traballa na privada. Considérano "unha medida discriminatoria" porque "deixa fóra da suba ás médicas e médicos que dedican todo o seu esforzo á pública", así como "ao resto do persoal do Sergas".
A xuízo da AGDSP, "a Xunta do PP pretende pagar favores e fraguar alianzas cunha parte do persoal sanitario", algo máis dun milleiro de médicos, a través do "sindicato que nunca se suma ás mobilizacións contra o desmantelamento da sanidade pública". "A decisión favorece, sobre, todo, á sanidade privada e evidencia as estreitas relacións da cúpula do Sergas" con estas empresas, cren.
Rueda defende que o novo complemento salarial responde ao "principio igual traballo, igual salario" e tamén busca "reter profesionais na sanidade pública"
Fronte a estas consideracións, o presidente da Xunta reafirmábase este xoves no novo plus, "froito dunha negociación". Preguntado ao respecto tras a reunión do Consello do Goberno galego, Alfonso Rueda defendeu aprobalo por ser Galicia dos poucos territorios do Estado no que este complemento salarial seguía reservado ao persoal médico que se dedica en exclusiva á sanidade pública.
"Do que se trata é do principio igual traballo, igual salario", defende, xa que "os profesionais que compatibilicen" pública e privada "teñen que desenvolver o cen por cen da súa xornada" no Sergas. Porque a intención, conclúe o presidente, "é tentar reter os profesionais na sanidade pública".