Sanidade pacta pagar xa en 2024 ao persoal que tamén traballa na privada o plus de quen exerce só na pública

Concentración de persoal médico ante o Hospital Universitario da Coruña CC-BY-SA CESM Galicia

A Consellería de Sanidade e a Confederación Estatal de Sindicatos Médicos en Galicia (CESM) veñen de asinar un preacordo para que o persoal médico que traballa ademais de na sanidade pública tamén na privada comece a cobrar o denominado complemento específico que estaba destinado a quen exercía exclusivamente no Sergas a partir xa do 1 de xaneiro de 2024. 

A Consellería asina un preacordo co CESM para concretar unha promesa que fora clave para pór fin á polémica folga convocada en exclusiva por este sindicato o pasado abril

Este principio de acordo chega froito do pacto ao que a Consellería e o sindicato -á marxe da Mesa Sectorial onde esta organización non tiña representación- chegaran para pór fin á folga médica que impulsara o CESM e que provocara durante nove días do pasado mes de abril a suspensión de máis de 1.600 cirurxías, unhas 32.000 consultas externas e arredor de 2.700 probas.

Daquela, unha das claves da folga e das reivindicacións do CESM, como recoñeceu este martes tamén o conselleiro Julio García Comesaña, era conseguir que o persoal médico que tamén traballa na sanidade privada accedese ao complemento salarial que ata agora só cobraba o dedicado en exclusiva ao Sergas. Son actualmente algo máis de 800 euros mensuais que aspiraba a recibir, cando menos parcialmente, este colectivo que compaxina empregos de arredor de 1.400 profesionais da medicina.

Julio García Comesaña, durante unha intervención no Parlamento CC-BY-SA Xunta

Os profesionais que traballen na privada ademais de na pública cobrarán 720 euros mensuais como extra, fronte aos 900 dos profesionais con exclusividade na pública

Finalmente, tras o preacordo pechado nos últimos días, o complemento específico será reformulado para que o persoal médico que compatibilice o seu traballo no Sergas con outro na sanidade privada cobre tamén este plus, que será duns 180 euros menos mensuais ao que perciben os seus compañeiros. 

Xa que logo, aqueles profesionais que compatibilicen o seu traballo na sanidade pública con outro na privada cobrarán un mínimo de 720 euros brutos mensuais como extra, fronte aos 900 euros que perciben os profesionais con exclusividade na pública. Así o acordara xa a Xunta no momento da desconvocatoria da folga en abril, cando asegurara que a diferencia entre un plus e outro non podía ser de máis de 180 euros. 

Este novo complemento será de aplicación a partir do 1 de xaneiro de 2024. "Acabarase cunha das inxustizas que milleiros de profesionais viñan sufrindo polo simple feito de traballar na sanidade privada fóra dos seus horarios e compromisos de traballo coa sanidade pública", di o CESM nun comunicado sobre un acordo pactado á marxe da Mesa Sectorial. 

O CESM cre que o preacordo "acaba dunha das inxustizas que viñan sufrindo milleiros de profesionais"; CIG-Saúde xa advertira de que non debía pactarse fóra da Mesa Sectorial

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, pola súa banda, lembra que a extensión deste complemento específico "fora un dos motivos da folga de abril e un punto que o sindicato convocante tiña na súa folla de ruta". "Tiñamos o compromiso previo cos colexios médicos de abordalo e está xa practicamente rematado. Tal e como nos comprometemos, este complemento será de aplicación en xaneiro de 2024", aclara. 

Desde CIG-Saúde, sindicato maioritario no sector, xa se advertira que "a modificación da actual retribución da dedicación exclusiva debe facerse dun xeito negociado e pactado na Mesa Sectorial" e que calquera incremento para os profesionais sen dedicación exclusiva "debe ir acompañado dun incremento retributivo cando menos similar para os profesionais que si opten por esa dedicación exclusiva". 

Concentración de persoal médico no CHUS de Santiago durante a folga de CESM CC-BY-SA CESM Galicia

Aquel acordo asinado en abril para a desconvocatoria da folga entre o CESM e o Sergas ergueu duras críticas doutros sindicatos e de asociacións en defensa da sanidade pública. Ademais da aplicación total do complemento específico, aprobáranse tamén outras melloras retributivas, pero só un día despois do pacto entre Sanidade e a organización convocante da folga, os sindicatos que si tiña representación na Mesa Sectorial acordaban coa Consellería outra serie de medidas que incluía subas retributivas para todo o persoal e outras como a redución de xornada ou a mellora das condicións laborais

"Foi unha folga corporativa, elitista e clasista", dixera daquela Xosé María Dios, voceiro da Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública (AGDSP) respecto do paro. "Isto ía de diñeiro puro e duro e formaba parte dunha estratexia electoral, pouco máis", engade Manuel Martín, portavoz da plataforma SOS Sanidade Pública. 

CESM "só buscaba unha suba de soldo  do persoal médico, que é espectacular para quen traballa na pública e na privada", engadía a AGDSP nun comunicado. As críticas chegaran mesmo de compañeiros médicos, como as manifestadas nun comunicado por facultativos e residentes da área de Lugo, A Marña e Monforte. Asinado por uns 300 profesionais, aseguraban que as medidas acordadas entre CESM e Xunta eran "puramente económicas" e que "non representan as verdadeiras inquedanzas do colectivo médico nin palian as crecentes necesidades da sociedade": "Non abordan a protección da saúde, non melloran as condicións laborais e non melloran a atención ao paciente".

Mobilización de persoal médico no Hospital Álvaro Cunqueiro durante a folga de CESM CC-BY-SA CESM Galicia

A clave electoral

No fondo da folga, outra clave: a electoral, segundo varias fontes do sector. "O CESM non tiña unha boa expectativa de cara ás eleccións sindicais ante outro sindicato médico, O'Mega, que tiña máis aceptación e capacidade reivindicativa; por non ter non tiña nin representación na Mesa Sectorial", lembraba Manuel Martín. Fontes doutras centrais tiñan claro que un dos propósitos fundamentais da organización convocante era "dar un golpe na mesa e ter visibilidade" de cara aos comicios porque estaban "desaparecidos" dos órganos de decisión. 

Fihnalmente, o sindicato CESM acabou pactando unha coalición co sindicato CSIF para acudir xuntos ás eleccións sindicais, onde CIG-Saúde volveu gañar pero onde tamén a alianza entre CSIF e CESM acadou 58 representantes, fronte aos 53 que acadaran por separado catro anos antes, e conseguiron representación na Mesa Sectorial, con catro representantes, órgano formal de negociación co Sergas, onde o CESM non estaba presente. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.