Logo de máis dun milleiro de cirurxías suspendidas e máis de 19.000 consultas externas e perto de 2.000 probas canceladas desde o inicio da folga a pasada semana, o CESM di estar disposto a desconvocar temporalmente o paro se na reunión que manterá o mércores coa Consellería de Sanidade se dan "uns acordos de mínimos".
Así o asegurou o secretario xeral de CESM Galicia, Enrique Marra-López, en rolda de prensa logo de que o Sergas citase os representantes da organización convocante da folga -que non está presente na Mesa Sectorial de sanidade- para esa xuntanza en Santiago. Así, asegura que están dispostos a "desconvocar temporalmente" o paro se "se cumpren polo menos dous, tres, catro obxectivos" da táboa reivindicativa do sindicato.
O CESM reúnese o mércores con Sanidade e ábrese a "desconvocar temporalmente" a folga se se cumpren "polo menos dous, tres ou catro" das súas reivindicacicóns principais
Nela, entre outras demandas, CESM considera "innegociable" a implantación da xornada de 35 horas semanais, a equiparación do prezo da hora de garda ao resto de autonomías, a actualización dos módulos de atención continuada ou "a extensión do complemento específico como en case todas as comunidades", en referencia ao plus salarial que ata agora a Xunta reserva a quen traballa exclusivamente no Sergas.
Mentres, a folga continúa impactando no sistema sanitario público galego malia que a Consellería reduce o seu seguimento ao 12,5% en Galicia na mañá deste luns, na que houbo de novo mobilizacións, como en Ferrol ou a que reuniu un cento de profesionais médicos ante as portas do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.
Alí, o delegado de CESM, Enrique Fernández, confía en que a reunión do vindeiro mércores "arranxe" o conflito e advertiu da "calidade de traballo e do tempo de descanso" como as "reivindicacións claras" do sindicato. Ademais, e tras a reunión do pasado venres da Consellería coas centrais representadas na Mesa Sectorial, asegurou que "o comité de folga non é a Mesa Sectorial".
O CESM andvirte da posibilidade de desconvocar o paro ao tempo que anuncia un acordo co CSIF para as eleccións sindicais
Nesa reunión do venres, o Sergas propuxo contratar por dous anos a médicos residentes (MIR) en especialidades onde se agardan xubilacións, ao tempo que se negocia un acordo en canto ás condicións retributivas do persoal estatutario e en formación para o vindeiro 20 de abril.
Ao tempo que o CESM advirte da posibilidade de desconvocar o paro, anuncia tamén un acordo coa Central Sindical Independente de Funcionarios (CSIF) para as vindeiras eleccións sindicais o vindeiro 11 de maio. Será un pacto que durará desde que se asine ata a finalización do vindeiro mandato sindical, ata 2027 e que implica tamén a colaboración entre unha organización que non está na Mesa Sectorial e outra, CSIF, que conta con tres representantes.
Para CESM, un dos obxectivos claros do acordo é "ter a forza suficente para defender os 9.000 médicos que ten o Sergas e que nestes catro anos non foron defendidos completamente porque non houbo practicamente médicos na Mesa Sectorial".