Fuxida de traballadores, cansazo, sobrecarga inasumible, deterioración ou precariedade. Son algunhas das palabras coas que o persoal médico está a definir a situación da sanidade pública galega durante as mobilizacións que acompañan a folga indefinida que se desenvolve no Sergas desde o pasado martes.
Malia que o paro foi convocado por un sindicato médico -CESM- con escasa representatividade entre o persoal sanitario e que nin tan sequera está na Mesa Sectorial que negocia coa Xunta, o fastío dos profesionais provocou máis apoio do agardado. A folga impactou e segue impactando a pesar dos servizos mínimos do 100% en moitas áreas: nas súas dúas primeiras xornadas provocou a suspensión de case 500 intervencións cirúrxicas (487), máis de 9.300 consultas externas e 938 probas. Superouse o milleiro de citas adiadas.
Pero a cifra de cancelacións foi a máis e seguiu aumentando a elevado ritmo, cun total en tres días que supuxo o adiamento de 791 cirurxías, case 15.000 consultas e arredor de 1.300 probas. E faltan os datos deste venres, que elevarán aínda máis estes números.
Así, o seguimento na quenda de mañá deste venres, segundo informa a Consellería de Sanidade, foi do 13,5%, unha cifra máis baixa da comunicada o xoves (15,2%) e o mércores (15,8%). Estas porcentaxes, no entanto, son elevadas por CESM a máis do 60% durante estes días, con especial importancia na área sanitaria de Ourense (85%), Vigo -que roldaría o 75%- e Santiago-Barbanza (70%).
A folga e a mobilización supera xa os marcos da convocatoria sindical nalgunhas zonas. Na Mariña, o persoal médico do Hospital da Costa emitiu un comunicado para amosar o seu "apoio masivo" ao paro: "Porque non podemos máis". "Somos conscientes dos problemas que xera e pedimos perdón de antemán á poboación, pero non podemos quedar impasibles sendo testemuñas da deterioración evidente da sanidade pública e da perda de recursos na nosa comarca", aseguran.
"Non podemos máis": o persoal médico do hospital da Mariña amosa o seu apoio á folga a nte a "deterioración" da sanidade pública e a "perda de recursos na comarca"
Por baixo das protestas médicas, as denuncias tamén do abandono dunha comarca e a loita "por garantir unha atención sanitaria digna á poboación da Mariña". "Non podemos máis porque xa non temos médicos suficientes para atender as súas necesidades", di o persoal facultativo, que advirte dunhas condicións laborais dunha "degradación insostible" e dunha "sobrecarga asistencial cada vez maior, inasumible e que compromete a seguridade dos pacientes e a dos profesionais".
Tamén desde A Mariña, CIG-Saúde incide na problemática e alerta de "novas fugas de persoal médico" e dunha "continua sangría que mantén o Hospital da Mariña en coma". “As condicións son tan penosas e estresantes que logo dun curto tempo traballando séntense sobrepasados e buscan outros postos de traballo onde poidan desenvolverse coma profesionais, sentirse realizados, e escapar do sentimento de frustración que lles provoca traballar no Hospital da Mariña”, destaca a central sindical, que advirte da recente marcha dun médico de hospitalización a domicilio, de dous do servizo de urxencias, dun especialista en Neuroloxía e de varios profesionais de Medicina Interna.
Os profesionais médicos, pola súa banda, advirten de "listaxes de espera inaceptables" e da falta de "acceso a recursos tecnolóxicos e materiais equiparables a outros hospitais da nosa contorna". "Todas estas carencias fan que o noso hospital non sexa atractivo para os profesionais, xerando unha fuga continua de persoal que non se consigue compensar coas novas incorporacións", coinciden.
Uns 200 profesionais médicos concentráronse este xoves ante o CHUS reclamando "dignidade laboral" e alertando do "éxodo de profesionais"
Os facultativos concentráronse na Mariña, ao igual que noutras localidades galegas onde manteñen o pulso co Sergas. En Santiago, neste xoves e fronte ao complexo hospitalario, foron arredor de 200 os que se manifestaron, uníndose aos que tamén saíron ás portas do CHUO en Ourense como antes fixeran en Vigo, Lugo e Burela en cadanseus centros de referencia.
Nas concentracións, os convocados instan a Consellería de Sanidade a "sentar e falar". Así o dixo o delegado en Ourense do CESM, Alberto Escobar, que reclamou "un acordo escrito" e non "unha declaración de intencións". En Santiago, demandouse "dignidade laboral" e, como na Mariña, advertiuse do "éxodo de profesionais" que buscan mellores condicións laborais noutras comunidades autónomas ou países.