A CIG-Saúde seguirá sendo o primeiro sindicato na representación do persoal do Servizo Galego de Saúde. A central sindical nacionalista segue sendo a primeira forza tras as eleccións sindicais celebradas no Sergas este 11 de maio, con 68 das 299 delegacións en xogo. Éo, non obstante, a menor distancia da segunda forza que nos anteriores comicios, en 2019, como efecto da coalición entre o sindicato funcionarial CSIF e mais o sindicato médico CESM, convocante único da controvertida folga de persoal médico do pasado abril, desconvocada na véspera do inicio da campaña.
CIG-Saúde logra 68 das 299 delegacións en xogo e CSIF e CESM conseguen coligados 5 máis que por separado nun contexto de aumento global de representantes, de 287 a 299
Foi durante aquelas protestas cando CESM anunciou a súa coalición co CSIF, alianza que logrou 58 representantes. Nos anteriores comicios, concorrendo por separado, sumaban 53 (38 do CSIF e 15 de CESM). Xuntos, daquela, aumentan a súa representación un 9,4% mentres que o número de postos totais en xogo subiu de 287 a 299, pouco máis dun 4%, por haber máis persoal con dereito ao voto, xa que o censo total de 39.445 profesionais supuxo, segundo o Sergas, arredor de 3.700 persoas máis que hai catro anos.
A terceira forza, con 10 representantes máis, será outra volta Comisións Obreiras, que obtivo 49. Hai catro anos era a segunda forza, por diante de CSIF en solitario. E a cuarta, como hai catro anos, a UGT, que pasa de 32 a 38. Os resultados obtidos permiten a estes catro sindicatos seren parte da Mesa Sectorial, o órgano formal de negociación co Sergas, no que segundo o reconto provisional sentarán 5 representantes da CIG, 4 do CSIF-CESM, 3 de CC.OO. e outros 3 da UGT.
Estes resultados rexistráronse nun contexto no que a participación rexistrada polo Sergas se situou no 55,60%, unha redución inferior a un punto con relación ás anteriores eleccións. O reparto aínda pode variar por posibles reclamacións contra o escrutinio.
Valoración do sindicato gañador
A CIG-Saúde le os seus resultados como "históricos" e consideran "consolidada" a súa "hexemonía" na Mesa Sectorial. "Este resultado non fai máis que reforzar o compromiso de continuar coidando xuntas a sanidade pública", sinala o seu secretario nacional, Manuel González Moreira, porque "defender os dereitos do persoal é o primeiro paso para coidar a sanidade pública".
Sanidade di esperar que "a nova composición da Mesa Sectorial contribúa a manter o nivel de colaboración e negociación dos últimos catro anos"
Entre os retos da representación do persoal do Sergas para os vindeiros catro anos, a CIG-Saúde sinala a "resposta á verdadeira crise sanitaria consecuencias das políticas do PP" as cales, di, deberían ser asumidas como "un fracaso" tanto por parte do conselleiro Comesaña como polo presidente Rueda. Todo, di, dend eun "sindicalismo forte que defenda non só os dereitos do persoal, senón tamén os intereses das galegas e galegos" que acoden ao Sergas.
A Consellería de Sanidade, pola súa banda, di agardar que "a nova composición da Mesa Sectorial contribúa a manter o nivel de colaboración e negociación dos últimos catro anos". O resultado desas negociacións, di, foron "acordos tan relevantes como o da carreira profesional" ou o pechado ao día seguinte da desconvocatoria da folga do CESM, con "melloras das condicións de traballo e retributivas" para o conxunto do persoal.