Na noite do pasado 19 de abril, a Consellería de Sanidade asinaba coa delegación galega da Confederación Española de Sindicatos Médicos, CESM, a fin da folga indefinida de persoal médico que esta organización convocara en solitario e que, en apenas nove días, supuxo a suspensión dunhas 1.600 operacións cirúrxicas, en torno a 2.700 probas diagnósticas e arredor de 32.000 consultas.
O acordo que puxo fin á folga foi esencialmente retributivo, con aspectos como pagar máis polas gardas e, sobre todo, que o persoal médico que tamén traballa na sanidade privada poida cobrar en concepto do denominado complemento específico, un plus salarial duns 800 euros ata agora reservado para médicas e médicos que só exercen na pública, no Sergas. A folga e o acordo realizáronse á marxe dos sindicatos que teñen representación na mesa sectorial de sanidade, o órgano de representación do persoal do Sergas e de interlocución coa Xunta, que se elixe en eleccións sindicais entre todo o cadro profesional, non só entre o cadro médico.
Repasamos o acontecido coa folga médica convocada en solitario por un único sindicato e a contrariedade que xerou nos movementos a prol da sanidade pública
O acontecido axitou moito estas organizacións sindicais, pero tamén a moitos colectivos na defensa da sanidade pública que interpretaron o acontecido como unha acción gremial, corporativista, elitista. Contraproducente para a mellora da sanidade pública. Neste novo episodio do Fálase, o podcast informativo de Praza.gal conducido por David Lombao, poñemos contexto ao que sucedeu coa folga médica e ao que pode vir nun futuro inevitablemente marcado polo contexto electoral no Sergas e en Galicia.
Con Miguel Pardo, xornalista de Praza, analizamos as peculiaridades dunha folga que rompeu os marcos e que tamén irrompeu nas negociacións que os sindicatos con representación na Mesa Sectorial viñan mantendo de maneira prolongada co Sergas. Non en van, apenas vinte e catro horas despois da fin da folga, a Xunta acabou pactando subas retributivas, como as que pactara só para os médicos, pero para todo o persoal do Sergas. Aceptou, ademais, a redución da xornada ás 35 horas semanais de forma paulatina.
Un dos participantes nesas negociacións co Sergas no órgano formal de interlocución entre o persoal sanitario e a Xunta é Manuel González Moreira, secretario nacional da CIG Saúde. Con el falamos no Fálase de Praza.gal para que nos explique a contrariedade que o movemento do CESM xerou en plenas negociacións e tamén por que, ao seu xuízo, as reivindicacións deste sindicato gremial son contraproducentes para a defensa da sanidade pública.
Tamén nos achegamos á mobilización do persoal da CRTVG, que continúa coas folgas e levou a súa loita ante o Senado
Neste Fálase imos dunha folga a outra. O pasado marzo, o comité intercentros da CRTVG volveu convocar paros contra a "represión" e a "manipulación” na Televisión de Galicia e na Radio Galega, tamén pola dimisión do director xeral da corporación, Alfonso Sánchez Izquierdo, e a súa remuda por outra persoa elixida co apoio da maioría reforzada do Parlamento que marca a lei.
Esta mesma semana ese persoal volveu estar convocado á folga cos mesmos argumentos. Ademais, nun contexto no que a corporación pública rexeitou que medie no conflito o Consello Galego de Relacións Laborais. A protesta volveu propiciar o pasado día 25 a suspensión de varios programas pero, ademais, trouxo consigo unha importante novidade política, porque o comité decidiu manifestarse ante o Senado, en Madrid para procurar máis visibilidade e tamén para sinalar como responsable da situación ao ex-presidente Alberto Núñez Feijóo.
Alí non só lograron esa maior visibilidade e máis cobertura mediática. Tamén conseguiron o apoio explícito do presidente Pedro Sánchez, da vicepresidenta Yolanda Díaz, e de representantes no Senado e no Congreso tanto galegos como non galegos. Un impacto que xa incomoda non só á dirección da CRTVG e ao Goberno galego, senón tamén ao equipo de Feijóo como líder do PP.
Horas despois desa nova xornada de folga puidemos falar con Raquel Lema, traballadora da CRTVG e voceira do comité intercentros. Ela destaca os moitos apoios recibidos e subliña que esta é unha reivindicación que vai alén do laboral. Ademais, pon o foco na repercusión que a protesta tivo noutros medios polo feito de trasladárense a Madrid e agarda que sirva de "punto de inflexión.
Todos os episodios do Fálase chegan primeiro ás socias e socios de Praza.gal e, a continuación, están dispoñibles para o resto da audiencia. Podes escoitalos tanto en Praza.gal como en Ivoox, Spotify, Google Podcast, Apple Podcast e mais en Podgalego.