Fin da folga médica: máis remuneracións e ampliar a persoal que traballa na privada o plus do que o fai só no Sergas

Concentración de persoal médico ante o Hospital Universitario da Coruña CC-BY-SA CESM Galicia

Tras nove días de folga de persoal médico no Sergas e a suspensión de máis de 1.600 cirurxías, unhas 32.000 consultas externas e arredor de 2.700 probas, o sindicato CESM decidiu na noite deste mércores poñer fin ao paro. Foi tras seis horas de xuntanza que os seus representantes mantiveron coa xerente do Sergas, Estrella López-Pardo, e mais coa directora xeral de Recursos Humanos, Ana Comesaña, e na que lograron varios elementos da súa táboa reivindicativa. Así o confirmou, pasadas as 11 da noite, o propio sindicato convocante e mais o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña.

O pacto co Sergas para suspender a folga do CESM inclúe remunerar máis as gardas e que os arredor de 1.400 médicos que tamén traballan na privada accedan ao complemento duns 800 euros ao mes ata agora reservado a quen ten exclusividade coa pública

O paro indefinido chega ás súa fin tras un acordo de "oito puntos" que, segundo admiten as partes, recolle varias claves da táboa reivindicativa do CESM. Entre eles, incrementar as remuneracións das gardas -presenciais e localizadas-, especialmente polas desenvolvidas en domingos e festivos. Tamén aumentará a retribución, avanzan, para o persoal médico que realice máis de cinco gardas ao mes. 

Ademais, cumprirase en 2024 unha das claves das protestas dos sindicato convocante: o persoal médico que tamén traballa na sanidade privada poderá acceder dende 2024 ao complemento salarial que ata agora só cobraba o dedicado en exclusiva ao Sergas. Son actualmente algo máis de 800 euros mensuais que a partir do ano vindeiro recibirá, cando menos parcialmente, este colectivo de arredor de 1.400 profesionais da medicina.

Concentración de persoal médico no hospital de Ourense, durante a primeira xornada da folga de CESM © CESM

Estes acordos chegan agora este mesmo xoves á Mesa Sectorial, o órgano de interlocución formal entre a Consellería de Sanidade e o persoal sanitario -non só médico-. Nesa Mesa teñen representación cinco sindicatos (a CIG-Saúde, CC.OO., CSI-F, o sindicato de enfermaría SATSE e a UGT) entre os que non está CESM.

Sanidade admite o compromiso de aumentar o prezo das gardas a 28 euros por horas en días laborables e a 30 en domingos e festivos e "reformular" o complemento salarial para "diminuír a diferenza retributiva entre o persoal con dedicación exclusiva e o que non ten ese réxime de dedicación"

Concretamente, segundo informa o Sergas, dende o vindeiro 1 de xullo as gardas médicas presenciais en días laborables pasarán a estar remuneradas con 28 euros por hora e con 30 en domingos e festivos (ata agora eran 25,95 euros). As gardas localizadas terán un pagamento de 14 euros por hora que aumentarán a 15 en domingo se festivos (ata agora roldaban os 13 euros). O persoal médico que faga máis de catro gardas presenciais ao mes recibirá, dende o 1 de xaneiro de 2024, 37 euros por hora. Ademais, sempre segundo o indicado pola Consellería, "tamén se acordou negociar un novo modelo de exención e gardas" presenciais para persoal médico especialista de área maior de 55 anos.

Sanidade tamén admite a cesión na cuestión clave do denominado "complemento específico", isto é, a achega mensual ata agora reservada para o persoal médico que exerce só no Sergas. O compromiso, di a Xunta, é formular "unha reconfiguración o mesmo, na liña do que teñen regulado outros servizos de sáude", onde xa o cobran quen tamén traballan na privada. A intención, admiten, é "diminuír a diferenza retributiva entre o persoal con dedicación exclusiva e o que non ten ese réxime de dedicación" coa intención de que en 2024 non haxa unha "diferenciación" superior a 180 euros entre ambos colectivos. Isto é, todo apunta a que polo momento non cobrarán o complemento íntegro, pero si a maior parte do mesmo.

Concentración de persoal médico ante o hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, na primeira xornada de folga convocada por CESM, o pasado 11 de abril © CESM

Segundo puido confirmar Praza.gal, o acordo rubricado pola Xunta e o comité de folga implica tamén que, dentro de tres meses, a Xunta valore "a proposta feita pola CESM" para que, en Atención Primaria, o persoal médico teña "300 minutos de actividade asistencial e retribución por paciente adicional". Asemade, nunha última cláusula, compromete aplicar ao persoal médico residente "o mesmo incremento porcentual no prezo das gardas que o persoal facultativo especialista".

Ao tempo, o acordo contempla que "o persoal médico que realice o seu traballo ordinario en sábado pola mañá" reciba "un módulo adicional a prezo hora de garda" tanto en Atención Primaria como hospitalaria dende o vindeiro 1 de xaneiro. Quen fagan garda presencial "en sábado ou véspera de festivo", asemade, terá "dereito á libranza compensatoria do descanso semanal ou festividade" o seguinte luns ou "nos catorce días seguintes" á garda.

Un só sindicato e máis repercusión da agardada

Este pacto supón o final dunha folga cunha repercusión moito maior da agardada. Para os convocantes, pero sobre todo para a Consellería de Sanidade, que non contaba co fastío e mobilización dun persoal médico que apoiou as reivindicacións, fundamentalmente as que aludían a unha mellora das condicións laborais das que tanto tempo levan queixándose, con independencia de ter ou non afinidade co CESM ou de non compartir aspectos concretos como a cuestión do complemento salarial.

O conselleiro de Sanidade e o presidente da Xunta, o pasado febreiro en San Caetano CC-BY-SA David Cabezón / Xunta

Malia a discreta representatividade do CESM, que non ten representación na devandita Mesa Sectorial de Sanidade, e a convocatoria en solitario da folga, o impacto dos paros foi contundente en todas as áreas sanitarias de Galicia, con milleiros de pacientes afectados polo adiamento das súas citas. O apoio, tamén, mesmo do Consello de Colexios Médicos, que dixo estar ao lado dos facultativos en folga e compartir as súas queixas sobre o empeoramento da calidade asistencial e das condicións laborais. Da protesta desmarcáronse colectivos que levan anos mobilizándose na demanda de melloras no Sergas, caso da plataforma SOS Sanidade Pública e os sindicatos e organizacións que a compoñen, ao vela "oportunista" e reprochar que mesturase reivindicacións "xustas" con cuestións como a do plus para o persoal médico que tamén traballa na privada.

O Sergas xa remitiu mensaxes a pacientes afectados polos milleiros de citas canceladas pedindo desculpas e indicando que reprogramará as súas consultas, probas e operacións cirúrxicas

Foi tanto así que, ante o malestar, o Sergas leva días enviando mensaxes de desculpa a pacientes que tiñan cita pola cancelación a causa da "folga indefinida convocada", indicando que serán citados de novo sen novos "trámites". Agora, Comesaña afirma que tras a "boa nova" da desconvocatoria, dende este mesmo 20 de abril comezará a reprogramación da actividade suspendida que, di o conselleiro, "imos tentar recuperar canto antes".

No fondo da folga e a reivindicación, tamén, o conflito interno entre a representación do persoal médico. Mentres CESM anunciaba ao pouco de iniciarse o paro un acordo co sindicato do funcionariado CSIF para se presentar xuntos ás próximas eleccións sindicais de maio, outro sindicato médico, O'Mega, lamentaba coñecer este pacto despois de, segundo di, ter apalabrado xa outro anteriormente para unha candidatura unitaria das dúas entidades compostas só por persoal facultativo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.