Varias operacións foron suspendidas ante a baixa dunha cirurxiá e ante a ausencia de máis persoal
“Suspéndese intervención por falta de persoal". O pasado luns 10 de xullo José Lence, veciño de Coestes (Lugo) recibiu a desagradable sorpresa de que a súa operación no servizo de Uroloxía do Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) fora suspendida no último minuto ante a baixa por enfermidade da cirurxiá principal. Non foi o único caso, pois máis operacións -cando menos outras catro- foron suspendidas no HULA por falta de persoal. Dende entón José Lence segue a agardar na súa casa, dez días xa pendente do teléfono sen ter novidades, a pesar de que a súa intervención está clasificada como de Prioridade 1, a máis alta prevista polo Sergas para operacións cirúrxicas, que non admiten unha demora superior aos 30 días.
"Ademais, estou con dor, tomando Nolotil", comenta Lence en conversa telefónica con Praza.gal. "É incrible que pasen estas cousas nun hospital do Sergas e en pleno século XXI. Isto é o HULA! Non é un hospital de campaña!", engade visiblemente molesto coa situación, que leva días sen solucionarse ante a falta do persoal necesario no hospital lucense.
"É incrible que pasen estas cousas nun hospital do Sergas e en pleno século XXI. Isto é o HULA! Non é un hospital de campaña!", di José Lence
Todo comezou uns días antes, cando a José Lence lle comunicaron telefonicamente que a súa intervención cirúrxica ía ser o luns 10 pola mañá. Ingresou no hospital o domingo pola tarde e xa non lle deron cea nin tampouco o almorzo do día seguinte, xa que ía ser operado. O luns pola mañá "mesmo me rasuraron na parte de abaixo para xa prepararme para a operación", comenta, engadindo que sobre as dez da mañá unha enfermeira lle comunicou que en media hora o ían trasladar para a súa operación, que ía ser de dez e media a once.
"E non me pode operar alguén máis? Aínda que sexa mañá ou pasado", preguntou Lence. "Non, non hai máis persoal", foi a resposta
Porén, uns minutos despois unha médica veu dicirlle que a súa intervención fora suspendida e que lle daban a alta: “teño malas noticias para vostede. Non o imos operar hoxe. A cirurxiá principal enfermou e está de baixa". "E non me pode operar alguén máis? Aínda que sexa mañá ou pasado", preguntou Lence. "Non, non hai máis persoal", foi a resposta da doutora. No seu informe de alta só se sinala que a intervención foi suspendida "por falta de persoal" e que “será avisado telefonicamente para nueva data de intervención”.
"É un fastidio que che suspendan unha intervención no último minuto, porque nos días previos á operación estás nervioso. O domingo pola noite mesmo lle tiven que pedir á enfermeira un tranqulizante para poder durmir", comenta. "Ás operacións hai que terlles respecto, mesmo ás máis sinxelas", engade.
"Hai que mirar a quen se vai votar. Se segue gobernando o PP en 4 anos non quedan nin as camas, que llas venden á privada", critica Lence
"E aquí estamos, esperando", di José Lence a través do teléfono. Nos últimos días veu denunciando a súa situación e mesmo levou as súas críticas ao acto que o PSdeG-PSOE realizou preto da súa casa. "Hai que mirar a quen se vai votar. Se segue gobernando o PP en 4 anos non quedan nin as camas, que llas venden á privada", dixo nese encontro, unha mensaxe que repite por teléfono, ao tempo que lembra o gran número de "camas" que ten pechadas o HULA nos meses de verán.
As críticas ao "peche de camas" veñen sendo repetidas nas últimas semanas por sindicatos e por entidades como a Plataforma SOS Sanidade Pública.