Besteiro quere fomentar o consumo de peixe nos comedores escolares e que proceda de artes sostibles

Besteiro no porto de Malpica este venres CC-BY-SA PSdeG

O candidato socialista amosa en Malpica o seu apoio ao sector do mar para que avance na súa modernización

O candidato do PSdeG á presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, defendeu este venres "introducir o peixe dúas ou tres veces por semana nos menús dos comedores escolares e promover campañas que inciten ao consumo de peixe, en xeral, non só porque é un hábito saudable, senón porque contribúe ao mantemento dun sector produtivo moi importante no noso país como é o da frota de cerco”. "O cerco é, ademais, a arte de pesca máis sustentable medioambientalmente pero tamén redunda directamente na economía local do país", engadiu.

Tras reunirse en Malpica coa Asociación de Armadores do Cerco de Galicia (ACERGA) e o seu presidente, Alberto Castro, e o patrón maior e socios da Confraría de Pescadores de Malpica, Besteiro comprometeuse á ampliación do dique de abrigo da localidade, unha longa reivindicación tras varios accidentes marítimos.

Besteiro co sector do mar de Malpica este venres CC-BY-SA PSdeG

Besteiro, que prometeu "sacar a consellería do Mar do actual estancamento", anunciou tamén a posta en marcha de medidas de apoio para a adaptación do sector aos novos procesos, que inclúen a dixitalización total dos controis pesqueiros, e apelou á necesidade de colaboración e traballo conxunto entre administracións e mesmo coa Unión Europea para acadar obxectivos satisfactorios para os intereses galegos. "Rueda non pisou Bruxelas desde que é presidente da Xunta, nós cremos que temos que estar presentes onde están os intereses da nosa xente”, dixo.

Nesa liña, o socialista salientou que a Xunta non executou o 51% do fondo europeo para a Pesca (FEMP), "perdendo unha gran oportunidade para modernizar do sector pesqueiro. Un exemplo claro da mala xestión do PP na Xunta nos últimos dez anos".

Reunión de Besteiro co sector do mar en Malpica CC-BY-SA PSdeG

Besteiro tamén confirmou a súa presenza na manifestación do domingo en Santiago en defensa do mar ante a crise dos pellets. "Un sector económico con gran peso no noso país e do que viven moitas familias e que temos que defender ante a incompetencia, ocultación, inacción e, sobre todo, as mentiras de Rueda ante a crise da marea branca dos plásticos".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.